O PSdeG contraprograma coa vicepresidenta Calvo o inicio do curso político de Casado da man de Feijóo

Feijóo e Rajoy nun dos antigos inicios de curso político no castelo de Soutomaior Dominio Público PP

Na loita entre Pablo Casado e Soraya Sáenz de Santamaría na pasada campaña por facerse coa presidencia do PP estatal as dúas candidaturas esforzáronse por atraer o aval de Alberto Núñez Feijóo. Foi a segunda a que prometeu de xeito público que se ela era a gañadora mantería a tradición de Mariano Rajoy de iniciar cada curso político cun acto público en Galicia. Gañou Casado, co apoio tácito do presidente da Xunta, e este sábado asumirá el mesmo en Cerdedo-Cotobade a promesa de Santamaría e a tradición de Rajoy de dar visibilidade ao PP galego no inicio do curso. Pero o PSOE quere augarlle a festa e vén de contraprogramar para o mesmo día un acto en Santiago da vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, aproveitando unha festa similar pero de menor tradición dos socialistas galegos.

O novo presidente do PP asume a tradición de Rajoy de rematar o verán cun acto en Galicia e os socialistas tentan roubarlle protagonismo

As festas estivais do PP en Galicia eran nos anos 90 grandes romarías gastronómicas campestres no monte Faro, no centro das catro provincias, a maior gloria de Manuel Fraga e o seu daquela delfín José Cuiña, que co novo século serían trasladadas ao Monte do Gozo, en Santiago. Tras a perda da Xunta en 2005 foi o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o que a mediados da pasada década comezou a organizar no castelo de Soutomaior, propiedade do ente provincial, un acto de menor envergadura de inicio do curso político que aproveitou o gusto do novo presidente do partido, Mariano Rajoy, por programar aparicións públicas nas proximidades de Pontevedra coincidindo cos seus períodos de vacacións na cidade.

As arengas de Rajoy e Feijóo aos seus en Soutomaior as primeiras fins de semana de setembro mantivéronse ata que en 2015 o PSOE acadou a presidencia da Deputación e prohibiu ese tipo de actos no seu castelo. Os populares víronse obrigados a trasladar o seu acto e elixiron o tamén próximo a Pontevedra concello de Cerdedo-Cotobade, cuxa simple elección vén permitindo a Feijóo sacar peito por ser esa unha das dúas fusións de municipios logradas en Galicia durante os seus mandatos e casos únicos a nivel estatal. Alí seguiu realizando Rajoy as súas intervencións de inicio do curso político tamén a nivel estatal e alí anunciou hai días Casado que estaría tamén el este ano.

Co presidente Sánchez de xira por América, Calvo está a exercer de presidenta en funcións, o que lle outorga un maior protagonismo que elevará o rango dunha celebración dos socialistas galegos con moita menor relevancia ata o de agora que a dos populares

Pero os socialistas tentarán limitar o protagonismo dos populares e veñen de anunciar que a vicepresidenta Carmen Calvo estará tamén este sábado en varios actos do PSdeG que comezan en Santiago ao mediodía, co que a súa intervención pública na capital galega adiantarase con toda probabilidade á de Casado en Cerdedo-Cotobade facilitándolle así unha maior cobertura mediática. Co presidente Pedro Sánchez de xira por América, Calvo está a exercer de presidenta en funcións, o que lle outorga un maior protagonismo que elevará o rango dunha celebración dos socialistas galegos con moita menor relevancia ata o de agora que a dos populares.

Durante as dúas últimas décadas o PSdeG foi aproveitando diversas festas das súas agrupacións locais para, con interrupcións, tentar consolidar un evento similar ao dos populares, sen conseguir nunca acadar a súa relevancia. Nos últimos anos o emprazamento elixido para a súa comida de confraternización foi un parque ao lado do río Tambre en Oroso, e ese é tamén o lugar da celebración deste ano, o primeiro con Gonzalo Caballero á fronte do PSdeG. Pero a presenza de Calvo fará que os socialistas organicen tamén previamente, ao mediodía, un acto específico para lanzar as súas mensaxes políticas de inicio do curso nun céntrico hotel de Santiago.

Os socialistas galegos negan que queiran contraprogramar o PP e din que a data do seu acto en Oroso estaba fixada hai tempo. O feito é que a presenza de Calvo unhas horas antes en Santiago, confirmada esta semana, fará que os populares este ano teñan unha competencia máis forte.

A socialista Carmen Calvo ao recoller a carteira de vicepresidenta do Goberno de mans da popular Soraya Sáenz de Santamaría Dominio Público Gobierno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.