0 Gardados para despois

Sanidade volve ocultar ao Parlamento cantas camas pecha nos hospitais durante o verán

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha pregunta "anticuada" sobre un "recurso" que "é importante nos hoteis e non tanto nos hospitais". Así resolveu nos últimos anos o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, os sucesivos cuestionamentos dos grupos da oposición e tamén de persoal do Servizo Galego de Saúde a respecto do número de camas que son pechadas cada verán nos hospitais públicos do país ou nos centros concertados que dan servizo á rede pública. Nas ocasións en que a Consellería si dá en responder fíxoo ocultando a cantidade exacta de camas pechadas. Sucedeu en anos pasados e así volveu actuar neste 2018.

O pasado 27 de agosto chegou ao Parlamento a resposta á pregunta que a deputada Eva Solla formulara o 10 de xullo no nome de En Marea para reclamar os "datos referidos ás camas e aos servizos que se van pechar durante os meses de verán nos hospitais do Sergas, así como as vacacións do persoal que se van cubrir en cada área sanitaria" e "o plan que se vai desenvolver diante das situacións de colapso que se están a producir na rede hospitalaria pública". O documento repite en boa medida os argumentos de anteriores veráns e dun comunicado de prensa difundido pola Consellería en xuño, evitando novamente o número reclamado pola oposición.

A Consellería sinala na contestación que o Sergas "planifica todos os anos a adecuación dos recursos asistenciais no período estival tendo en conta o decrecemento da demanda asistencial" que deriva da "diminución da morbilidade estacional de determinadas patoloxías" e da "programación das vacacións dos profesionais". Así e todo, mantén, "mantéñense operativos os recursos adaptados a esta realidade" mentres "facilita" que "se poidan levar a cabo obras ou actuacións preventivas e reparadoras en distintas unidades que durante unha época de maior ocupación sería difícil realizar coas máximas medidas de seguridade" e "as menores molestias".

A Xunta respondeu o 27 de agosto que "durante os meses de verán a porcentaxe media de camas funcionantes será do 88%", o que suporía que as pechadas serían arredor dun milleiro

Alén de reiterar que "ningunha destas circunstancias" provoca un "menoscabo" na atención sanitaria e de insistir en que "as camas hospitalarias están todas dispoñibles" se cómpren, o departamento de Vázquez Almuiña limítase a achegar unha cifra: "no ano 2018 durante os meses de verán a porcentaxe media de camas funcionantes será do 88%, aproximadamente un 13% máis das camas ocupadas no ano 2017". Atendendo aos datos máis recentes do Sergas sobre o número total de camas nos hospitais galegos, ese 12% de camas pechadas supón arredor dun milleiro, na liña do advertido polos sindicatos sanitarios a finais da primavera. Ou, o que é o mesmo, o número de peches mantense nos maiores niveis dos últimos anos e moi por riba dos de hai unha década, cando eran pechadas arredor de 500 camas no verán.

Sen datos concretos de persoal substituído

A Consellería límitase a afirmar que cobre "con persoal eventual o 100% das ausencias que se precisen" en "función das necesidades de cada centro"

Sanidade evita tamén ofrecer datos concretos a respecto da cobertura das vacacións do persola, tamén reclamados por Solla na súa pregunta. Neste caso a Consellería sinala que "a xestión das ausencias e a planificación das substitucións realízanse tendo en conta a demanda asistencial", o que significa que se "substitúen con persoal eventual o 100% das ausencias que se precisen, en función das necesidades de cada centro". "As ausencias do persoal -reitera a resposta- cóbrense sempre que a demanda asistencial así o require, en garantía da saúde da cidadanía".

En ausencia de cifras concretas, Sanidade agrega que planifica a actividade cirúrxica e a ocupación de camas tendo en conta a actividade de cada área sanitaria nos anteriores veráns. Ademais, subliña, cada hospital conta cun "Plan de Continxencia que permite adoptar de xeito áxil as medidas necesarias destinadas á adecuación dos recursos asistenciais".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Veciñanza de Cangas mobilízase para esixir que o seu centro de saúde non peche por vacacións

Concentración de veciñanza do Hío contra o peche do centro de saúde por vacacións / ACE 

D.L.

Unhas duascentas persoas mobilizáronse este 3 de setembro na parroquia canguesa do Hío para alertar de que quedan sen médico no seu centro de saúde durante un mes. A razón é que o doutor responsable do servizo vén de comezar as súas vacacións e, ao contrario que noutros anos, o Sergas non dispuxo que fose substituído.

Tanto veciñanza do Hío como o alcalde cangués, Xosé Manuel Pazos, pediron sen éxito antes do inicio do período vacacional que o Servizo Galego de Saúde dese luz verde a esta substitución por dúas horas diaarias. É por iso que a parroquia afectada trasladou á rúa as súas protestas, que contan co apoio do Concello. "O Hío ten dereito a médico 365 días", resume a reivindicación veciñal.

A veciñanza do Hío reclama ao Sergas que, como en anos anteriores, as vacacións do seu médico sexan cubertas por un substituto durante dúas horas diarias

Mentres duren as vacacións do médico do Hío os seus pacientes deben trasladarse ao centro de Saúde de Cangas ou ao de Aldán, parroquia que segundo a asociación canguesa A Voz da Sanidade tamén padece un grave "déficit sanitario". Non en van, lembran, no outono de 2008 -na etapa do goberno bipartito da Xunta-, o Sergas "planificou a construción dun novo centro de Atención Primaria para Aldán e O Hío nun terreo cedido polo Concello", pero nunca chegou a realizarse.

A reivindicación de máis e mellor cobertura sanitaria para Cangas en xeral e para O Hío en particular será reiterada este mes de setembro no pleno ordinario do Concello. Alí A Voz da Sanidade defenderá unha moción nesta liña que tamén insta a Consellería a "retirar" o estudo de necesidades sanitarias da zona segundo o cal os servizos do actual centro de saúde de Cangas ao novo "Centro Integral de Saúde" da Rúa, xa que implicaría "trasladar a Atención Primaria ao extrarradio de Cangas".