Cinco claves para entender as eleccións no Centro Gallego de Bos Aires e por que está á venda

Socios do CGBA seguen unha asemblea Dominio Público @asambleaCGBA

Desde a mañá deste luns na Arxentina --desde as 14 horas en Galicia-- o Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) celebra eleccións nunha nova busca de solucións para a fonda crise que sofre desde hai anos. A histórica entidade da emigración, con máis de 111 anos de vida, acumula unha débeda de máis de 50 millóns de euros mentres permanece intervido polo Estado arxentino. O hospital que viu nacer e atender milleiros de galegos e descendentes e que conta cun importante patrimonio cultural mantén varias áreas pechadas e non é quen de dar a intención requirida aos 4.000 socios que quedan dunha institución que superou os 100.000 nas súas épocas máis gloriosas. O cadro de persoal acumula meses de impagamentos e sobrevive cunha cuarta parte do soldo. Dous anos despois, os asociados volven estar chamados a uns comicios impulsados polo interventor xudicial Martín Moyano. 

O Centro Gallego renovará a directiva e máis da metade dos representantes de socios que forman parte da asemblea

Que se elixe nas eleccións do Centro Gallego?

Coas eleccións renovarase a directiva da institución: 15 directivos titulares mais os oito suplentes serán elixidos. Tamén se prevé a renovación da metade dos 90 representantes de socios que forman a asemblea. Neste caso, e debido a renuncias e falecementos, serán en total 60 os novos membros deste corpo que sairán electos dos comicios deste luns. A importancia da asemblea de representantes é fundamental: é a única entidade non intervida do CGBA e a venda do edificio só podería ser aprobada se consegue o apoio de polo menos dous terzos destes representantes. 

As agrupacións Celta, Breogán, Unión Gallega, Salud y Cultura y Galicia presentan unha candidatura conxunta á elección de representantes; A Terra é a única que presenta tamén á directiva

Quen se presenta aos comicios?

O CGBA conta con diferentes agrupacións políticas que representan desde hai décadas as diferentes tendencias dos asociados. Cinco delas (Celta, Breogán, Unión Gallega, Salud y Cultura y Galicia) presentan unha lista unitaria pero unicamente para a elección de representantes de socios. Decidiron non presentar candidatura á directiva ao esixir que antes a intervención presentase un informe en detalle sobre o estado financeiro da entidade. A outra candidatura é a da agrupación A Terra, que acode aos comicios para elixir representantes de socios pero tamén aos dos cargos directivos. Está encabezada polo xornalista Ramón Suárez, o Muxo, que será novo presidente se, como dixo, a súa lista é avalada, como mínimo, polo 50% dos votos que se emitan este luns. 

O único candidato á presidencia, Ramón Suárez, aposta pola venda "urxente e necesaria" do edificio do hospital para salvar o Centro Gallego

Que propoñen as dúas candidaturas?

As seis agrupacións políticas do Centro Gallego acordaron o pasado 18 de decembro iniciar as negociacións para a venda do edificio do hospital co grupo Ribera Salud, que en asociación coa Fundación Favaloro arxentina está interesado na compra do edificio. Logo de varias asembleas e requirimentos de documentación e propostas claras, no último cónclave do pasado 8 de maio as agrupacións autorizaron ao interventor a solicitar o concurso de acredores.

Aí comezan as diferenzas: desde a agrupación A Terra apóstase por activar xa e de vez as negociacións para a venda "urxente e sen dilacións" do edificio do hospital do Centro Gallego, o que ven como única solución para salvar a entidade, pagar as débedas e poder seguir mantendo o importante patrimonio cultural e histórico da entidade, incluíndo o panteón do cemiterio da Chacarita. A entrada da institución en concurso de acredores sería, segundo advirten, o paso previo á creba. Desde as outras cinco agrupacións tamén se ve a venda como única solución pero a esixencia de maiores garantías e as abertas diferenzas co interventor Martín Moyano separan a súa proposta da da outra candidatura. 

Fachada do Centro Gallego de Bos Aires / © CGBA

Hai alternativas?

Outro grupo de socios, arredor da agrupación Castelao, non recoñecida a tal hora como colectivo político con representación no CGBA, promoven a impugnación dos comicios deste luns e non descartan acudir á Xustiza arxentina. Consideran, entre outras cousas, que non se cumpre co estatuto do Centro ao non realizarse as eleccións en agosto nin en domingo. 

Ademais, esta mesma agrupación asegura estar en contacto cun grupo que está disposto a facerse cargo da xestión do hospital pero sen necesidade de vender. As condicións serían a petición da creba co continuidade do funcionamento da mutual Centro Gallego e a entrada en concurso de acredores para establecer o valor real da débeda e fixar responsabilidades mentres continúa a funcionar a mutual CGBA. 

Que hai en xogo?

Principalmente, a supervivencia dunha institución histórica e emblemática da emigración galega, fundada hai máis de 111 anos e que foi non só o hospital no que naceron milleiros de emigrantes, senón a sede cultural, espiritual e social da Galicia de Bos Aires durante décadas e pola que pasaron ilustres galeguistas, exiliados e persoeiros do país. Ademais, e por riba de todo, a asistencia sanitaria dos arredor de 4.000 socios que aínda quedan no CGBA e que non están a recibir nin teñen garantida os coidados necesarios. Tamén os postos de traballos do cadro de persoal, que acumula impagos e problemas desde hai moitos anos.

A asistencia sanitaria dos aínda 4.000 socios do Centro, a supervivencia dunha entidade histórica, o importante patrimonio cultural e os postos de traballo do persoal están en xogo nos futuros meses

Alén disto, o obxectivo da diáspora galega, no caso de que a venda do histórico edificio sexa un feito, é manter e xestionar o seu patrimonio cultural, que inclúe un histórico panteón no cemiterio da Chacarita. O CGBA é moito máis que os seus 34.000 metros cadrados, as seis plantas e os dous sotos. Como testemuña do que supuxo, medio cento de esculturas e estatuas, máis dun cento de pinturas de Castelao, Seoane, Colmeiro ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados en Galicia, un teatro histórico de case 400 butacas, un enorme arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Cunqueiro ou Blanco Amor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.