Feijóo admite que un doente no PAC da Estrada morreu sen médico e deféndese apelando aos fillos de Pablo Iglesias

Feijóo, na primeira sesión de control tras o inicio do 'curso político' CC-BY-SA PPdeG

O pasado 4 de agosto un paciente que acudira ao PAC da Estrada para ser atendido dunha indisposición morreu sen recibir atención médica porque o único equipo médico dispoñible ese día nese centro de saúde tivera que saír para atender outra emerxencia. O propio Servizo Galego de Saúde admitiu horas despois os feitos que xa fixera públicos a familia do falecido e así tamén este mércores no Parlamento o presidente da Xunta, que ademais constatou que a inspección sanitaria ten en marcha unha investigación para "esclarecer se houbo algún problema na atención como consecuencia da organización do PAC da Estrada".

O acordo en torno a cales foron os feitos é total, pero non así no que atinxe ás súas causas. Na primeira sesión de control tras o inicio do 'curso político' Alberto Núñez Feijóo tivo que enfrontarse a que dous dos tres voceiros da oposición, Luís Villares (En Marea) e Ana Pontón (BNG), lle pedisen explicacións polo que consideran unha consecuencia directa dos "recortes", unha "vergoña" que "non pode volver suceder" mediante a garantía de que os Puntos de Atención Continuada teñan sempre dous equipos médicos dispoñibles, esixiron.

O presidente constata que a inspección sanitaria ten aberto un expediente para "esclarecer" o acontecido no PAC da Estrada

Tras "lamentar profundamente o sucedido" o xefe do Goberno galego dixo non aceptar a "manipulación" que, do seu punto de vista, ambos grupos fan do suceso. Fíxoo nunha serie de respostas nas que deu en recorrer á intensa atención sanitaria que tiveron que recibir tras naceren prematuramente os fillos de Pablo Iglesias e Irene Montero, secretario xeral e voceira parlamentaria de Podemos.

"Agora que no seu partido saben moito de como se atende á xente nos hospitais, incluso aos prematuros", retrucou a Villares, En Marea debera ter en conta os "logros" da "atención sanitaria" no Sergas, que por exemplo destina "ata 100 persoas a atender un bebé prematuro cando hai unha necesidade". Neste sentido, Feijóo amagou con "ler" a carta que Iglesias e Montero divulgaron para agradecer o trato dado aos bebés na sanidade pública, toda vez que ao seu xuízo amosa que Iglesias "ten algo máis de cerebro ca vostede". Esa expresión valeulle o apercibimento do presidente da Cámara, Miguel Santalices.

Villares, Pontón e a deputada de En Marea Flora Miranda, no Parlamento cun familiar do home falecido no PAC da Estrada CC-BY-SA EM

Feijóo cre Villares debera valorar os "logros" da "atención sanitaria", "agora que no seu partido saben moito de como se atende á xente nos hospitais, incluso aos prematuros"

"Un pouco de respecto polos feitos", reclamou Feijóo ao voceiro de En Marea antes de relatar a circunstancia ao que o propio Villares xa aludira: cando o paciente faleceu, "o persoal estaba regresando" de atender o traslado urxente ao que tivera que acudir a petición do 061 e da Garda Civil, detallou. Mentres, como marca o "protocolo", o propio 061 "coordina a atención" no PAC, que segundo Feijóo ese sábado tiña un só equipo porque un segundo médico, "previamente contactado", "entendeu que estaba destinado a outro PAC". O Sergas, relatou, "inmediatamente tentou contratar outro médico" pero "non o conseguiu ata o día seguinte". Pero "vostedes -reprochou- veñen manipular,  deteriorando a sanidade pública".

En Marea e BNG reclaman garantir que os PAC contan sempre con dous equipos médicos e abrir unha comisión de investigación sobre a morte no centro estradense

Alén de lamentar "a súa falta de elegancia ao falar de nenos prematuros", Luís Villares instou a centrar o debate en que "é inmoral que o Sergas non teña recursos humanos suficientes ao servizo da cidadanía" para atender servizos como os PAC. "Pero é que ademais é ilegal", advertiu, xa que "existe unha orde" do Sergas dende o ano 2008 que regula os plans funcionais dos PAC, documentos que inclúen "criterios para a cobertura das ausencias imprevisibles" do persoal. "O PAC da Estrada tiña este documento aprobado e prevía que tiña que haber dous equipos médicos, pero había só un", resolveu.

Tanto Villares como Pontón remataron as súas preguntas lanzando propostas como a garantía dun "mínimo de dous equipos" nos PAC que, segundo En Marea e BNG, permitirían evitar a repetición do acontecido e esixiron aclarar estes feitos mediante unha comisión de investigación. O presidente obviou tanto as propostas como a petición; a inspección sanitaria sten as súas pescudas en marcha e a familia do doente, "toda a razón ao esixir xustia". "O que non estou disposto é a dicir cousas que son mentira e a manipular a realidade" como, cre, fixo a oposición neste caso.

Luís Villares e Ana Pontón, durante a sesión de control Dominio Público En Marea / BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.