0 Gardados para despois

O Parlamento reclama por unanimidade a condonación da débeda do Porto da Coruña

Redacción | @prazapublica

O Parlamento galego aprobou este mércores por unanimidade unha moción presentada por En Marea que reclama a condonación da débeda que a Autoridade Portuaria da Coruña ten con Puertos del Estado, un préstamo de 200 millóns de euros concedido para a construción do Porto Exterior de Punta Langosteira. PP, En Marea, PSdeG-PSOE e BNG apoiaron un texto que tamén insta ao Goberno central a revisar os convenios de 2004 e aposta por conformar un consorcio que garanta a titularidade pública dos terreos que sexan desafectados. A proposta é semellante ao aprobado este luns no pleno municipal da Coruña por Marea Atlántica e PP, e que contou coa abstención do BNG e o voto en contra do PSdeG-PSOE.

A moción aposta por garantir a titularidade e xestión pública dos terreos, e por potenciar neles os equipamentos dotacionais, espazos libres públicos e usos produtivos portuarios complementarios

A moción pide a revisión dos convenios de 2004 e do PXOM do 2013 a través dun protocolo para a definición do futuro da fronte litoral da cidade que se basee en tres grandes criterios: titularidade e xestión pública dos terreos, equipamentos dotacionais e espazos libres públicos e usos produtivos portuarios complementarios. A iniciativa insta ao Ministerio de Fomento, Portos do Estado, Autoridade Portuaria, ADIF, ao Concello da Coruña e a propia Xunta de Galicia a constituir un ente público como forma de participación e xestión dese novo horizonte litoral. Unha proposta, polo tanto, moi semellante á defendida polo Concello da Coruña nos últimos dous anos.

Os catro grupos tamén foron unánimes ao pedir que Ministerio de Fomento e Portos do Estado impulsen e financien de forma inmediata a execución da conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira sen achega económica por parte da Autoridade Portuaria da Coruña, de xeito que poida ser licitada no primeiro semestre do ano 2019.

O Concello da Coruña celebrou que o Parlamento "respalde o goberno municipal da Coruña e pida de maneira unánime a condonación da débeda do Porto e a constitución dun ente público para a xestión do bordo litoral da cidade". O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, destacou que “pouco a pouco, todos os partidos e administracións se vaian sumando á postura defendida polo Goberno local da cidade”. “Os catro grupos parlamentarios coinciden en apoiar a reclamación do Goberno local, que defende que a cidadanía da Coruña reciba un trato similar ao que o Estado dá a Valencia mediante a aprobación dunha medida análoga que elimine a débeda da Autoridade Portuaria da ecuación e permita que non se utilice esa situación para especular cos terreos da fachada atlántica da cidade que quedarán liberados co traslado do porto a Punta Langosteira”, salientou Varela.

Na derradeira semana de agosto o Goberno central anunciou a condonación dunha débeda de 350 millóns nos peiraos de Valencia, que rexeitou facer o mesmo co da Coruña. Nos días seguintes, o PP mudou a posición que ata ese momento defendera, uníndose á demanda de que o Estado perdoa a débeda da Autoridade Portuaria coruñesa, pero quen comezou a amosar dúbidas foi o PSdeG-PSOE, rexeitando posicionarse fronte ao Goberno central, que defende que os casos da Coruña e Valencia non son "comparables".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.