0 Gardados para despois

Persoal da CRTVG pide a dimisión do director xeral no 17º venres negro

Redacción | @prazapublica

Logo da manifestación do pasado sábado, persoal da CRTVG continúa mobilizado contra a manipulación e polo cumprimento da lei de medios públicos. Hai menos dunha semana, traballadores e traballadoras da compañía, co apoio de compañeiros da delegación en Galicia de CRTVE, percorreron Santiago para denunciar unha televisión e unha radio que están "ao servizo do PP" e reivindicaron un labor sen interferencias políticas e con independencia. Tan só un día despois, o presidente da Xunta retrucou as protestas asegurando que non vía a TVG. No 17º venres negro, o persoal lembroulle a Feijóo as súas palabras e reclamou tamén a dimisión do director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo. 

O persoal da CRTVG mobilízase no 17º venres negro e reclama a dimisión do director xeral Sánchez Izquierdo

Sánchez Izquierdo mantense na dirección xeral da CRTVG desde 2009, cando Feijóo o elixiu ao chegar ao poder. Hai tres anos, o presidente da Xunta coou la lei de acompañamento dos Orzamentos de 2016 unha norma para que o PP seguise controlando a Corporación e o actual máximo responsable da Corporación continuase no cargo.

Persoal da CRTVG na delegación da Coruña na mobilización polo 17º venres negro / Defende A Galega

Neste venres negro, desde as contas nas redes sociais do persoal mobilizado, difundiuse o cancelo #IzquierdoDimisión e mesmo un vídeo reclamando a marcha dun director xeral que está a piques de cumprir unha década no cargo e ao que critican no só pola "manipulación" que denuncian na CRTVG senón polo "desmantelamento". Como exemplo, advirten de que "na grella da próxima semana da TVG haberá 33 programas de produción allea e 15 de produción propia, sen contar redifusións"

"Na grella da próxima semana da TVG haberá 33 programas de produción allea e 15 de produción propia, sen contar redifusións"

"O 68% dos programas da TVG da semana que vén (sen contar as redifusións, porque iso é facerse trampas ao solitario) son de produción allea", avisan uns traballadores que denuncian tamén o peche de delegacións, como o que se produciu en Pontevedra e noutras localidades hai anos, ou a "eliminación das desconexións locais" que se implantou hai ben pouco. 

O persoal mobilizado dos medios públicos lembrou as palabras de Feijóo nas que recoñecía que non vía a TVG

Tamén se encargou o persoal de lembrar as polémicas palabras de Feijóo. A través do cancelo #FeijóoNonVeAGalega recordaron unhas palabras na que o presidente da Xunta alegou alegando que "non" vía os programas nin os informativos da TVG non porque non lle gustasen, senón por falta de tempo. Ademais, contrapuxo o "modelo" da canle galega fronte ao de RTVE tras as mudanzas dos últimos meses. 

Cunha foto de grupo nas instalacións de San Marcos, os traballadores reuníronse no 17º venres negro "para pedirlle ao presidente da Xunta que vexa a Galega, a ver se así se decide a cumprir a lei". 

© DefendeAGalega

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.