0 Gardados para despois

O Congreso pide por unanimidade a Fomento avances na saída sur de Vigo que facilite os trens a Portugal

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A saída sur ferroviaria de Vigo, que facilitaría a circulación de trens entre Galicia e Portugal, segue a recoller apoios. Reclámana de xeito unánime os principais partidos políticos e as principais cidades e vilas de Galicia e o Norte de Portugal, o Goberno luso amosa o seu interese en que o español a execute, e xa hai unha empresa privada interesada en prestar servizo entre A Coruña e Porto que vería mellorar con ela as súas prestacións. Porén, a súa concreción aínda está lonxe de ser unha realidade xa que os seus estudos previos levan anos paralizados malia que foron produto no seu tempo de similar unanimidade política.

A iniciativa de En Marea, tras negocialo con populares e socialistas, a Cámara insta ao Goberno a “impulsar a saída sur ferroviaria de Vigo, executando as medidas necesarias que permitan definir compromisos temporais concretos e dotacións económicas"

Este xoves, a iniciativa de En Marea, a comisión de Fomento do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade unha proposición non de lei negociada por esa formación con populares e socialistas que insta ao Ministerio de Fomento a “impulsar a saída sur ferroviaria de Vigo, executando as medidas necesarias que permitan definir compromisos temporais concretos e dotacións económicas”. A redacción, algo máis xenérica que a proposta inicialmente por En Marea, supón volver colocar na axenda política madrileña unha cuestión que nos últimos días veu recollendo apoios no noroeste peninsular. Todo para que os trens entre Vigo e Portugal non teñan que retroceder ata Redondela senón que dispoñan dunha conexión directa que atravese en túnel a cidade e evite así tamén o seu conflitivo paso polo centro do Porriño. A iniciativa de En Marea aprobada por unanimidade tamén pide ao Goberno que avalíe e cubra a demanda existente de novas frecuencias nos servizos xa existentes no Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo así como que remate xa nel o longo proceso de instalación do sistema de seguridade ERTMS.

O pasado luns o ministro portugués de Infraestruturas avanzou ao Eixo Atlántico que amosará o seu interese polo proxecto ao seu homólogo español

O pasado luns o Eixo Atlántico que agrupa as cidades de Galicia e o Norte de Portugal mantivo un encontro co ministro luso do Planeamento e das Infraestruturas, Pedro Marques, que avanzou que nun próximo encontro co seu homólogo español porá sobre a mesa o interese portugués pola saída sur viguesa. Iso, o interese expreso de Portugal por ela, era unha condición que viña pondo o anterior Goberno central do PP para desbloquear o proxecto, ancorado desde hai anos nos estudos previos.

A empresa Arriva espera obter en breve autorización para que o próximo verán comece a operar o seu tren A Coruña-Porto, cuxas prestacións están condicionadas ás melloras que se introduzan na liña actual

E este xoves, ao tempo que o Congreso aprobaba unha petición similar ao Goberno, o Eixo Atlántico reuníase con responsables de Arriva, a empresa que ten solicitado permiso ante a Comisión da Competencia para operar un servizo ferroviario privado entre A Coruña e Porto que compita co actual de Renfe entre Vigo e Porto pero con catro frecuencias diarias en cada sentido en lugar das dúas da empresa pública. Segundo os responsables de Arriva, a súa esperanza é que Competencia autorice o seu servizo nun mes ou mes e medio para manter así as súas previsións de comezar a operar o próximo verán. No encontro volveu salientarse a importancia para a competitividade deses servizos internacionais que tería a mellora da vía entre Vigo e o río Miño unha vez que Portugal xa está a mellorar a súa parte da liña.

Proposta de Arriva/Deutsche Bahn para a liña A Coruña-Porto

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.