Feijóo, dezasete aspirantes ás cidades e unha campaña sen piedade

Feijóo, nun acto no Monte do Gozo cos seus candidatos ás cidades nas eleccións de 2011 CC-BY-SA PPdeG

Hemeroteca

Alberto Núñez Feijóo tivo xa 17 opoñentes diferentes, entre líderes orgánicos e parlamentarios das forzas da esquerda parlamentaria que tentaron, ata o momento sen éxito, acabar coa maioría absoluta que logrou o 1 de marzo de 2009 entre o desconcerto das forzas que sostiñan o Goberno galego, PSdeG e BNG, e que reeditou en 2012 -con menos votos que en 2009- e 2016 -con máis-. Ese mesmo número, dezasete, é o dos aspirantes que, con Feijóo á fronte, o PPdeG leva lanzado xa ás sete alcaldías urbanas galegas cun nivel de éxito non tan escaso como o da oposición parlamentaria nestes anos, pero si acadando cotas de poder moito menores ás desexadas.

A aínda conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, o ex-delegado do Goberno central en Lugo, Ramón Carballo, e o concelleiro pontevedrés Rafael Domínguez tornaron nas últimas semanas formalmente nas apostas décimo quinta, décimo sexta e décimo sétima do presidente galego para tentar aumentar a escasa cota de poder nas cidades que lle quedou aos populares tras as municipais de 2015. Xunto a eles recuncarán o único alcalde urbano do PPdeG, o ourensán Jesús Vázquez, o ex-alcalde e aínda conselleiro José Manuel Rey Varela, en Ferrol, e os tamén antigos conselleiros Elena Muñoz, en Vigo, e Agustín Hernández, en Santiago. Todos eles foron xa lanzados a unha campaña que se prevé sen piedade. 

Feijóo acumula tantos aspirantes ás alcaldías urbanas como a esquerda líderes orgánicos e parlamentarios que tentaron, ata o momento sen éxito, acabar coa maioría absoluta do PPdeG

Polo camiño quedaron nestes anos nomes que lograron os bastóns de mando no triunfal ano 2011. En circunstancias ben dispares abandonaron a vida política tras gobernar o coruñés Carlos Negreira e o compostelán Gerardo Conde Roa. Mentres, nomes como Joaquín García Díez (Lugo), Telmo Martín (Pontevedra), Corina Porro (Vigo), Juan Juncal (Ferrol), Rosendo Fernández (Ourense), Jaime Castiñeira (Lugo) ou Jacobo Moreira (Pontevedra) continuaron ocupando cargos tras non lograren maiorías dabondo para seren escolleitos como titulares da alcaldía en cadansúas corporacións -no caso de Martín, regresou a Sanxenxo-. Mesmo nos tempos máis atribulados para as súas formacións Feijóo non achou o botón que cumpría premer para desbancar os socialistas Abel Caballero ou Xosé López Orozco -remudado por Lara Méndez en 2015 a cambio de apoio para a investidura- nin ao nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra.

Feijóo, nun mitin previo ás municipais de 2011 en Vigo CC-BY-SA PPdeG

Cun ollo nos xulgados e outro en Madrid

As alcumadas polo gabinete de Feijóo como Mareas de Podemos xa non son o único albo ao que apuntar; tamén cómpre fustigar aos socialistas e ademais facelo sen desentoar a respecto da partitura marcada dende a dirección de Pablo Casado

A conxuntura coa que o partido do Goberno galego afronta as municipais é ben diferente á de 2015, cando chegou á cita electoral local cunha hexemonía institucional case total. Na actualidade o PP non controla seis das sete cidades e tres das catro deputacións. Ademais, o clima político xeral é efervescente dende que, a finais do pasado maio, a sentenza do caso Gürtel precipitou a caída do Goberno de Mariano Rajoy e a chegada do PSOE ao Goberno de España con Pedro Sánchez á fronte. As alcumadas polo gabinete de Feijóo como Mareas de Podemos xa non son o único albo ao que apuntar politicamente; tamén cómpre fustigar aos socialistas e ademais facelo sen desentoar a respecto da partitura marcada dende a nova dirección do partido, a encabezada por Pablo Casado. A mesma que encomendou a Feijóo a delicada tarefa de coordinar a conferencia política na que, previsiblemente, o PP escenificará o seu xiro á dereita en eidos como a emigración, os dereitos sociais ou a resposta do Estado ao soberanismo catalán.

Con este pano de fondo os primeiros compases da longa precampaña están a ser intensos, mesmo cun aquel de agresivididade no corpo a corpo. Mostra disto, por exemplo, é a importación a Galicia dunha estratexia xa aplicada polos populares noutros puntos do Estado: trasladar aos xulgados algúns dos asuntos cos que procurarán erosionar os gobernos da esquerda. É o caso do anunciado nos últimos días en Lugo, onde o seu grupo municipal deu en presentar unha denuncia pola vía penal contra a alcaldesa polos contratos de diversos servizos que o Concello mantén prorrogados. O grupo municipal de Ciudadanos tamén valorara facelo o pasado ano, pero aparcárao tras non observar a Fiscalía motivos para levar o asunto alén do ámbito político, segundo informou esta semana El Progreso. A intención é lograr, cando menos, unha investigación xudicial -antiga imputación- á rexedora. En xogo está o poder nun concello no que o PP non goberna no que vai de século e, por extensión, o control da Deputación provincial.

Mitin de presentación da candidata do PP en Vigo, o pasado venres CC-BY-SA PPdeG

Os populares tamén anunciaron que se dirixen cara aos tribunais na Coruña para tentar que derive en investigación xudicial a anulación da compra de pisos para alugueiro social por parte do Goberno da Marea Atlántica, un caso no que os votos da formación conservadora, xunto aos de PSOE e BNG, serviron para pedir a dimisión de dous concelleiros no pleno da mesma semana. Como no caso lucense sopran ventos de cola dalgúns poderes fácticos da contorna, resta ver se fortes dabondo.

Case ao mesmo tempo outro tribunal ditaba sentenza en clave municipal pero contra os intereses dos populares: a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza confirmou a anulación do nomeamento do xefe de recursos humanos do Concello de Ourense que xa decretara o xulgado de primeira instancia. O TSXG considerou "acreditado" que o procedemento estivo "precedido polas bases da convocatoria cuxo contido está viciado de nulidade radical". A oposición ourensá esixiu a dimisión da concelleira responsable e o PP local cualificouna de "indigna" e "infame" porque as "bases do concurso as redactaron os seus socios do PSOE".

En Vigo o presidente desprendeuse do ton institucional e do galego para clamar contra Caballero: "Tú no eres Vigo", repetiu

Cara aos xulgados ollará de esguello tamén a carreira municipal en Vigo, onde a priori o PP ten menores posibilidades de tocar goberno. A instrución xudicial do accidente do Marisquiño, que transcorrerá de xeito parello á investigación política sobre os feitos impulsada por En Marea e BNG no Parlamento e consentida polo PP contra o seu criterio habitual -adoitan vetar estas comisións cando existen pescudas xudiciais alegando a necesidade de non interferir no labor da xustiza-, marcará o ritmo político na cidade especialmente se sinala responsabilidades cara ao Concello (PSdeG), cara ao porto (PP) ou cara a ambos. Un descenso dos socialistas en Vigo tamén sería clave no intento dos populares por tentar volver á Deputación.

En Vigo, precisamente, o presidente desprendeuse do ton institucional -e do idioma galego, como adoita facer en actos de partido na cidade e tamén na Coruña e Ferrol- para cargar con dureza contra Caballero na presentación da ex-conselleira Muñoz como, outra volta, candidata á alcaldía. "Tú no eres Vigo", clamou Feijóo dirixídose simbolicamente ao alcalde de Vigo. Nesta batalla non haberá piedade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.