Luís Villares: "A clave para superar a era Feijóo é comprender que a alternativa é plural e cooperativa"

Luís Villares, nun intre da entrevista con Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

Dous anos despois das eleccións galegas ou, o que é o mesmo, dous anos despois de saltar da xudicatura á política partidaria, Luís Villares asegura continuar "moi ilusionado". O voceiro de En Marea admite como "evidente" que as tensións internas na formación que os comicios de 2016 situaron como primeira da oposición dificultaron o desenvolvemento e difusión das súas "propostas políticas", pero di agardar que a inminente nova votación de órganos internos "valla para deixar iso atrás". Tras participar xunto a PSdeG e BNG no pacto para investigar os recortes sanitarios dos últimos anos, Villares apela a non caer no "erro" de pensar que unha soa persoa pode capitalizar a alternativa política en Galicia: "Unha alternativa plural é mellor que o monolitismo de Feijóo", mantén.

Dous anos despois das eleccións, o país está mellor ou peor?
Está peor. Peor de saúde, para comezar. Na anterior lexislatura houbo varias mortes a consecuencia dos recortes e acabamos de vivir outra. Con Feijóo vivimos peor e temos peor saúde, polo que a situación é peor. Antes que calquera outra cousa, os recortes significan vivir peor. Antes había unha recesión coa que xustificaban os recortes, agora estamos nunha fase expansiva da economía e seguen os recortes. Daquela, era unha escusa: esta é unha aposta ideolóxica do PP por desmantelar un país que implosiona, que ten que emigrar e ve ante si mesmo unha expectativa sen futuro e vive peor. Houbo xente que confiou lexitimamente en Feijóo, pero durante estes dous anos decepcionou pola incapacidade de xestionar mentres tivo un Goberno en Madrid do que poder presumir e que, no canto de aproveitalo en positivo, penalizou a Galicia. El ollaba cara a si mesmo para facer unha carreira política que finalmente se lle truncou e pagámolo todos.

O presidente vén de remodelar o Goberno. Como o valora, alén da evidencia de que a causa das mudanzas é que dous conselleiros van ser candidatos ás municipais?
En Marea denunciou hai máis dun ano o uso partidario e sectario das consellerías de Rey Varela e Beatriz Mato e isto non fai máis que certificar que durante este ano tivemos propaganda pagada por todos. E iso é corrupción institucional. Sacar a Ángeles Vázquez de Medio Rural é sancionala pola xestión catastrófica dos incendios de outubro de 2017. E ademais, Fernández Couto [director xeral de Ordenación Forestal] dixo varias veces encargándose de ser escoitado que antes de marchar el, iría a conselleira. Pois aí o temos, segue no seu sitio un corrupto en termos institucionais. Temos, ao mesmo tempo, unha sanción a Román Rodríguez e á súa política educativa co profesorado, os comedores ou o transporte escolar. Así e todo, para nós o máis preocupante é a remodelación que non se fixo na Consellería de Sanidade. Almuíña tiña que ser cesado fulminantemente tras a morte no PAC da Estrada; non pode ser que un sistema sanitario dun país avanzado non teña persoal nun servizo de urxencias incumprindo a lei. Feijóo consiste con isto ter un parapeto intermedio entre el e os recortes que causan a morte, precisa un cabeza de turco.

"O máis preocupante da remodelación do Goberno foi o que non se fixo: o cesamento fulminante do conselleiro de Sanidade tras a morte no PAC da Estrada"

E En Marea, como diría que está dous anos despois?
Moito máis forte que nas propias eleccións. A forma na que eclosionou foi ilusionante, pero con certas doses de desconcerto e escepticismo. Agora pasaron dous anos e demostramos que somos un proxecto nacional de longo prazo, que non vive dous días. Creo que se nos vai coñecendo e se sabe quen somos non só na crítica, senón tamén na proposta. Non só na oposición, senón tamén na proposición, na alternativa. E iso creo que é visto positivamente pola xente.

Se tivese que sinalar un acerto de En Marea nestes dous anos e un ámbito no que teñan que mellorar, cales serían?
Para nós foi capital a loita pola xustiza social en todos os ámbitos e aí levamos feito un bo traballo que nalgúns casos mesmo se saldou con correccións do Goberno aínda que non o recoñecese, o cal tamén foi froito de mobilizacións na rúa que nós acompañamos. É o caso da pobreza enerxética ou do discurso territorial tras os incendios. Para nós isto foi do máis positivo. Pero sempre hai moito que mellorar, unha formación sen autocrítica tería pouco futuro; tentamos estar ao lado dos colectivos que sofren e loitan, que non se resignan, pero é certo que existen loitas pendentes, tamén o apoio a sectores produtivos fronte aos ataques que sofren. Tamén hai un esforzo colectivo que nos segue a parecer insuficiente, que é a loita contra a violencia de xénero; temos que seguir arrimando o ombro e a responsabilidade é compartida fronte a unha desigualdade na que a violencia machista é só a punta do iceberg.

Cre que os procesos internos e as tensións que trouxeron consigo atrancaron ou lastraron o traballo político de En Marea? Tiveron varios episodios de cuestións internas que concentraron moitas das súas enerxías...
Si, evidentemente. Na medida en que se fala das nosas cuestións internas non se fala das nosas propostas políticas. É evidente que ese é un campo no que temos que mellorar. Somos unha organización democrática e hai debates, pero eses debates teñen que quedar no ámbito interno porque hai espazos para debater. Se non os tivésemos sería diferente, pero esta non é unha coalición de partidos sen espazos de diálogo e decisión, é unha organización asemblearia onde si os hai. Hai que sacalos do debate público, porque aí o único que fan é ocupar o espazo das alternativas.

Villares, voceiro de En Marea, durante a entrevista con Praza.gal / Praza Pública

"Na medida en que se fala das nosas cuestións internas non se fala de propostas políticas; é evidente que ese é un campo no que temos que mellorar"

Inician agora un novo proceso interno que culminará a finais de novembro. Cre que servirá para pacificar En Marea internamente? Durante os últimos meses houbo voces que sinalaban que a actual coordinadora non é representativa de todo o espazo.
Este proceso de renovación dos órganos internos ten que valer para deixar iso atrás. Se alguén non estaba conforme coa representación que había terá a ocasión de formular alternativas e despois as inscritas e inscritos de En Marea decidirán. Sen tutelas externas, porque En Marea é un espazo político soberano e todo se decide dentro. Aínda que foron dous anos complexos temos que temos que ter orgullo do espazo colectivo que estamos construíndo, porque estamos logrando normalizar un espazo de traballo moi heteroxéneo pero no que hai un ben común que é necesario aloumiñar e promover.

Ese sector tamén foi crítico no xeito en que xestionaron o episodio da deputada Paula Quinteiro. Visto coa distancia dalgúns meses, que conclusións tira do acontecido e desa tensión dentro do propio grupo parlamentario?
Foi un episodio desagradable, sen dúbida. E entre compañeiros que temos trato habitual, máis delicada aínda. Pero creo que serviu tamén para madurar como espazo político. Puxemos a proba o noso código ético e os mecanismos de verificación de cumprimento estatutario e a última palabra tívoa a militancia, que deixou moi claro é o seu parecer e o que nos queda aos demais é respectar esa opinión. Creo que foi un exercicio de democracia impecable e dentro da complexidade creo que saímos reforzados na medida en que non se cociñou unha solución de costas á xente, con independencia de cales fosen as consecuencias.

"Coa comisión de investigación sobre os recortes na sanidade transmitimos a mensaxe clara de que naquilo que de verdade importa estamos dispostos a poñernos de acordo"

Unha das críticas máis recorrentes á oposición galega xa non só nestes dous anos, senón nos últimos nove, é esa de que “enfronte de Feijóo non hai nada”. Cre que contribuíron a mudar esa percepción?
A oposición durante estes anos cometeu o erro de pensar que só debería haber un fronte a Feijóo. E é bo que se acepte que pode haber unha alternativa plural a Feijóo. Aquí o importante non debe ser a lista máis votada, senón as ideas máis votadas. E esas son compartidas por varios espazos políticos. Como non nos imos encontrar as organizacións políticas que temos puntos en común para mellorar a calidade de vida da xente fronte ás políticas dunha maioría absoluta se pasa a ser maioría minoritaria? Creo que esa é a clave para superar a era Feijóo: a cooperación construtiva dunha alternativa e que a sociedade vexa que podemos construíla en común. Eu estou particularmente satisfeito de que nos atopásemos á hora de abrir a comisión de investigación sobre os recortes na sanidade pública. Transmitimos unha mensaxe moi clara: naquilo que de verdade importe, a vida e a saúde, estamos dispostos a poñernos de acordo. Tamén en paralelo estamos dando un exemplo de cooperación no Estado para garantir a calidade de vida dos nosos maiores, dos pensionistas. Comprender que esa alternativa é cooperativa é un paso adiante.

Comentaba na presentación desa comisión de investigación que hai xente que lles pide que nas cousas importantes as forzas da esquerda parlamentaria se poidan poñer de acordo, é así?
A pasada fin de semana houbo moita xente que pola rúa e tamén a través das redes nos dixo que ese era o camiño: “menos mal; por aí, si”. Con independencia de que votasen a uns ou a outros. A xente creo que empezou a enxergar que existe esperanza neste país.

Cre que hai espazo para que cheguen a acordos noutros ámbitos?
Estou convencido. No debate sobre o estado da nación o ano pasado En Marea xa lanzara ofertas de pacto ao resto da oposición sobre territorio, educación e sanidade. Eses pactos significan renunciar á política partidaria para facer política de país, a favor das maiorías sociais. E iso significa que seguramente ninguén se poida apuntar grandes tantos, pero a cambio todos nos anotaremos o tanto de mellorar a vida da xente. Non é que exista marxe, é que é un imperativo de ética política chegar a acordos sobre o esencial. A sanidade foi primeiro porque a vida é o primeiro, a educación pode ser outro bo lugar.

DOUS ANOS DE LEXISLATURA Neste espazo Praza.gal conversa, durante varias semanas, con líderes de diversas forzas políticas a respecto da situación do país dous anos despois das eleccións galegas de 2016 e ás portas dun novo ciclo electoral

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.