“Non, non, isto está xa acabado, presentado e liquidado”. Esa foi, segundo o máximo responsable da investigación oficial do accidente de Angrois, que culpou só ao maquinista, a resposta que recibiu da daquela ministra de Fomento, a popular Ana Pastor, cando lle comunicou a súa opinión favorable a reabrir esa análise despois de que así o pedise hai máis de dous anos a Unión Europea. Así o asegurou este mércores na comisión de investigación do sinistro no Congreso dos Deputados Vicente Rallo Guinot, presidente daquela da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF). Horas máis tarde, pediu comparecer novamente e negou que dixera o que dixera. Tamén este mércores o seu sucesor, Fernando Montes Ponce de León, volveu rexeitar reabrir a investigación como segue pedindo a Comisión Europea.
Pese a que a Comisión Europea segue reclamando un novo estudo que non se centre só na culpa do maquinista, o actual responsable da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) insiste en non facelo
En xuño de 2014, once meses despois do accidente do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos na curva de Angrois, a CIAF fixo pública a súa investigación, na que considerou como única causa do sinistro o despiste que sufriu o seu maquinista, que non freou a tempo sen que houbese activo ningún sistema que evitase o seu previsible erro humano. Por esa carencia de sistemas de seguridade foron imputados nos últimos meses na causa xudicial seis técnicos de Adif, Renfe e Ineco ademais do maquinista. Pero antes diso, a Axencia Ferroviaria Europea fixo público a comezos de xullo de 2016 un duro informe, demorado varios meses polo Goberno español, no que criticou a investigación da CIAF por considerar que se centrara só en analizar o erro humano do maquinista pero non as causas subxacentes que levaron a el, ademais de considerar que o nomeamento daquela dos investigadores polo Ministerio de Fomento facía que a análise non fose independente.
“Non, non, isto está xa acabado, presentado e liquidado”, di o ex-presidente da CIAF que lle respondeu a ministra cando el lle transmitiu, tras as críticas da UE, que por el "non hai ningún problema" en reabrir a investigación
Desde hai máis de dous anos a Comisión Europea vén reclamando a España que realice unha nova investigación independente de Angrois, ao que os sucesivos gobernos veñen respondendo que non está na súa man porque agora a CIAF xa si é independente e os seus membros xa son nomeados polo Congreso e non por Fomento. Pero segundo contou este mércores, a preguntas da deputada de En Marea Alexandra Fernández, o daquela presidente da CIAF, Rallo Guinot, cando foi coñecedor das críticas da Axencia Ferroviaria Europea a súa opinión foi que “ben, que por nós non hai ningún problema” en volver facer outra investigación e mesmo que así llo comunicou “á ministra” Ana Pastor, pero asegurou que a resposta dela foi “non, non, isto está xa acabado, presentado e liquidado” ["acabao, presentao y liquidao", foi a súa expresión en castelán]. Malia que Rallo Guinot insistiu en asegurar que actuou sempre con independencia, a CIAF finalmente non decidiu reabrir a investigación nin realizar outra no máis dun ano que transcorreu desde que a axencia europea comunicou a súa opinión a España a comezos de 2016 ata que el deixou o cargo a comezos de 2017.
Horas despois da súa afirmación o xefe dos investigadores volveu polo Congreso para asegurar que non dixera o que dixera
Tras esas palabras de Rallo Guinot, o PP e a contorna de Ana Pastor mobilizáronse para desmentilo, salientando que mentir nunha comisión de investigación é delito. A CIAF emitiu un comunicado indicando que o seu ex-presidente “nega categoricamente” que na súa comparecencia “teña manifestado que a daquela ministra, Ana Pastor, lle dera instrucións sobre non continuar a investigación”, negando así que dixera o que si dixera. E o propio Rallo Guinot volveu aparecer pola tarde no Congreso, horas despois da súa primeira intervención matutina, para pedir intervir novamente na comisión e corrixirse a si mesmo sobre esa cuestión. Formacións como En Marea e BNG, así como a plataforma de vítimas do accidente, criticaron o que consideraron presións de Pastor para facer rectificar a Rallo Guinot.
Comunicado emitido pola CIAF
Por outra banda, na súa primeira comparecencia Rallo Guinot non aclarou, cando se lle preguntou por esa cuestión, por que a CIAF obviou na súa investigación que os riscos da curva de Angrois non foran analizados por unha entidade independente, pero admitiu certa presa por rematar o seu informe en menos dun ano tras o accidente e que iso puido provocar erros nalgún “detalle”.
O ex-presidente da CIAF reiterou que ao seu ver con Renfe e Adif unidas, como estaban antes de 2005, o accidente "non tería pasado xamais"
E como xa fixo no seu momento cando compareceu en 2014 na subcomisión de mellora do sistema ferroviario creada tamén no Congreso tras o sinistro, Rallo insistiu no prexudicial para a seguridade ferroviaria que ao seu xuízo foi a separación en 2005, a petición da UE, de Renfe e Adif como empresas públicas ás que se encargou por separado a xestión dos trens e as vías repectivamente. Con Renfe e Adif aínda unidas, considera Rallo, o accidente de Angrois “non tería pasado xamais” xa que os responsables de seguridade dos trens terían mellor comunicación cos encargados de sinalizar as vías.
O actual presidente da CIAF insiste en que "non ten obxecto facer unha nova investigación", o que vén provocando "frustración" con España da comisaria europea de Transporte, segundo ela mesma lles transmitiu ás vítimas
Tras Rallo Guinot compareceu no Congreso o seu sucesor desde comezos de 2017 e actual presidente da CIAF, Fernando Montes Ponce de León, quen insistiu, entre críticas á axencia europea, en que “non ten obxecto facer unha nova investigación”. Esa negativa, agora que a CIAF é nomeada polo Congreso e non por Fomento, é o argumento que vén esgrimindo o Goberno para explicar a súa incapacidade de darlle a orde de reabrir a investigación, o que á súa vez vén provocando a “frustración” con España da comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, segundo ela mesma lles transmitiu ás vítimas do sinistro hai uns meses.
Fernando Montes Ponce de León, actual presidente de la Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF)