0 Gardados para despois

Feijóo cre que a oposición critica a súa reinterpretación de Castelao porque “molesta” que a Xunta trouxese o cadro

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Se somos culpables de traer o cadro a Galicia asumimos esa responsabilidade”. Así se pronunciou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao ser preguntado polas críticas da oposición ao seu discurso institucional na chegada á Cidade da Cultura este mércores do cadro de Castelao A derradeira leición do mestre, intervención na que obviou a súa representación da morte de Bóveda e dos crimes do franquismo e reduciuno a unha defensa xeral da educación fronte ao fanatismo. O presidente interpretou as críticas como que a oposición está “molesta” porque foi o seu Goberno o primeiro que logrou traelo de Bos Aires, onde foi pintado e permaneceu ata o de agora. Tamén amosouse satisfeito porque, máis alá das críticas, non se producisen “incidentes lamentables” como cando o propio corpo de Castelao foi traído a Galicia en 1984.

O presidente alégrase de que co cadro de Castelao non houbese “incidentes lamentables” como cando o seu corpo foi traído a Galicia

“Non debera haber ningún político ao que lle moleste que ese cadro o teñamos aquí, lamento que a alguén lle moleste”, dixo Feijóo, salientando que “temos por primeira vez A derradeira leición do mestre en Galicia”, o que cualificou como “fito histórico”, grazas ás xestións do seu Goberno. A Feijóo preguntóuselle se tiña algún problema en verbalizar que o que Castelao tentou denunciar co cadro era o horror do fascismo, ao que respondeu que “de silenciar nada” e que non ten “ningún problema” en “que todos os galegos coñezan a mensaxe dese cadro”, insistindo na súa visión da polémica: “Se somos culpables de traer o cadro a Galicia asumimos esa responsabilidade”.

Feijóo salientou como "fito histórico" logrado polo seu Goberno ter "por primeira vez A derradeira leición do mestre en Galicia”

“Castelao é patrimonio de todos e non é propiedade dos nacionalistas nin de ningún partido “, dixo, para engadir a continuación sobre as críticas lanzadas desde En Marea e BNG que “imos mellorando, porque cando chegaron os restos de Castelao os incidentes lamentables que alí se produciron, neste caso non se produciron”.

O presidente puña así en relación as protestas verbais deste mércores cos altercados e cargas policiais ante San Domingos de Bonaval cando en 1984, dous anos despois de estreada a autonomía, a Xunta decidiu traer o corpo de Castelao de Bos Aires para enterralo no Panteón de Galegos Ilustres fronte á oposición de quen consideraban que iso supuña incumprir o desexo do nacionalista de non volver á súa terra ata que esta fose libre.

Enterro de Castelao en Bonaval

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O ilustrador Kiko da Silva promove un acto no Museo de Pontevedra en defensa do verdadeiro significado de Castelao

Durante a homenaxe Da Silva realizará en directo unha versión da estampa orixinal d'A derradeira lección do mestre e entregaralla á familia Bóveda

Tras a polémica interpretación de Feijóo da obra de Castelao, o ilustrador Kiko da Silva publicou este mércores nas redes sociais que el en vez de acudir este venres á inauguración na Cidade da Cultura da exposición que alberga A derradeira leición do mestre optaría por ir, á mesma hora, as 12.30 horas, ao Museo de Pontevedra, onde está o debuxo orixinal previo ao cadro. Esa iniciativa foi asumida este xoves pola Deputación de Pontevedra, titular do museo, que vén de promover unha homenaxe a Castelao a esa mesma hora na que estarán presentes tanto a presidenta Carmela Silva como o deputado de Cultura Xosé Leal. Será, din “como protesta pola manipulación e censura realizada sobre o cadro” por parte de Feijóo.

Segundo o ilustrador pontevedrés, o acto servirá para defender o significado sentimental e político da peza, ademais de reivindicar “a propia execución da obra”, xa que Castelao non a puido facer na Galiza “polo que Feijóo negou onte: que estaba exiliado, porque se estivese aquí mataríano”. Durante a homenaxe Da Silva realizará en directo unha versión da estampa orixinal d'A derradeira lección do mestre e entregaralla á familia Bóveda.