- Feijóo recorre ao personalismo para confrontar con Pedro Sánchez: "Estou aquí"
- En Marea | Villares apela aos pactos de toda a esquerda para tecer unha "alternativa cooperativa" a Feijóo
- PSdeG | Leiceaga propón un “impulso socialdemócrata” que aproveite o “compromiso co autogoberno” de Sánchez
- BNG | Pontón chama a construír a "outra Galiza posíbel" fronte ao "presidente da postverdade"
O segundo debate de política xeral da décima lexislatura galega, a terceira consecutiva con Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, comezou co propio xefe do Executivo como principal argumento do discurso presidencial. "Eu estou aquí", proclamou o presidente tres meses despois de anunciar para sorpresa de membros de todos os grupos do arco parlamentario que non optaría a substituír a Mariano Rajoy. "Só me debo aos galegos e a ninguén máis", reiterou antes de expoñer as súas prioridades para a media lexislatura que resta, encabezadas pola preparación do Xacobeo 2021.
Alén do Xacobeo, Feijóo deu en avanzar o terceiro plan estratéxico da economía e baixadas de impostos
O Xacobeo é presentado por Feijóo como mostra de planificación do seu gabinete -PSdeG e BNG, teimou un ano máis, non fixeron o propio hai unha década- e tamén como metáfora de que o seu Goberno é a antítese do catalán. Porque o "espírito xacobeo" está "inspirado" nunha "Galicia aberta" contraria ao independentismo catalán, que "ataca" os "dereitos dos galegos". Alén da conmemoración xacobea, Feijóo deu en avanzar, entroutras medidas, a elaboración do terceiro plan estratéxico da economía cando conclúa o segundo e prometeu novas baixadas de impostos que, salienta, traerán consigo os orzamentos de 2019. Condicionados, iso si, a que a “incerteza” do Goberno central non o bote por terra.
Luís Villares, voceiro de En Marea, durante o debate / Parlamento de Galicia
Fronte á intervención de Feijóo a oposición esforzouse en presentarse como alternativa. Entre outros aspectos, como alternativa á "propaganda", termo que En Marea, PSdeG e BNG coincidiron en empregar para cualificar o xeito de facer do Executivo popular. A xuízo do voceiro de En Marea, Luís Villares, o camiño a seguir é o encetado co pacto a tres para investigar os recortes sanitarios; segundo o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga é o momento de aproveitar a xeira de cambio no Estado para impulsar Galicia e para a líder do BNG, Ana Pontón, aí fóra hai "outra Galiza posíbel" que non será quen de lograr un goberno "canso" e instalado na "postverdade".
Leiceaga e a vicevoceira do PSdeG, Patricia Vilán, durante o debate / Parlamento de Galicia
O presidente da Xunta reduciu os retruques da esquerda a unha mestura de mentiras e falta de formación
Ao termo empregado por Pontón aferrouse o presidente nas súas quendas de réplica para reducir os retruques da esquerda a unha mestura de mentiras e falta de formación -dende o incumprimento da lei da CRTVG aos datos sociais-, deslexitimando en todo caso as súas intervencións co seu xa clásico argumento de que durante o bipartito (2005-09) a situación xeral de Galicia era peor. Despois de que o presidente da Cámara, Miguel Santalices, forzase a retirada de varias das expresións empregadas por Villares, Feijóo caricaturizouno como un voceiro "adolescente, frívolo e inconsistente", a Pontón atacouna por facer gala do que alcumou como "postverdade nacionalista" e a Leiceaga, economista de formación, recomendoulle "estudar" por ligar a crise demográfica coa economía.
Ana Pontón e a vicevoceira do BNG, Olalla Rodil, durante o debate / Parlamento de Galicia
Contra o remate do debate o presidente da Xunta alternou as respostas a acusacións concretas dos grupos da oposición con acusación xenéricas contra os seus voceiros, especialmente contra En Marea e BNG, por "insultáreno". Mentres, como en anteriores edicións do debate, as contas do PPdeG en redes sociais mofábanse das formacións da esquerda con comentarios e fotografías. Ao tempo, as contas oficiais da Xunta difundían vídeos eloxiosos coa súa propia xestión nalgunhas das materias máis criticadas pola oposición, como sanidade ou educación.
Comentarios na conta oficail do PP en Twitter durante o debate
Como en anteriores debates de política xeral Feijóo culminou a sesión presentando o seu Goberno como modelo para España e para outras autonomías. Tamén como antítese do Executivo de socialistas e nacionalistas que encabezou a Xunta dende o 2 de agosto de 2005 e ata o 17 de abril de 2009.
A sublimación dese labor do gabinete popular, augura, suporá doce anos despois o Xacobeo 2021, que alén dun evento relixioso e turístico será, segundo o presidente, a "declaración de intencións de todo o que Galicia quere ser na vindeira década". O Feijóo da primeira década do século XXI semella querer proxectarse xa na terceira.