0 Gardados para despois

O galego no ensino: dez anos dunha "posverdade" incómoda

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Hai agora dez anos Galicia iniciaba o segundo curso escolar no que estaba en vigor o decreto 124/2007 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo. A norma fora aprobada polo Goberno galego a mediados do ano anterior e trouxera consigo un dos desencontros máis sonoros ata o momento entre as forzas que sustentaban o Executivo, PSdeG e BNG, e o partido da oposición, o PP. Dez anos despois de que aquela controversia estourase ata tornar nunha das claves da posterior campaña electoral galega, o contido daquel decreto e a súa orixe seguen presentes na contenda política. Así sucedeu, por exemplo, no debate de política xeral que se desenvolve esta semana no Parlamento. Pero, de onde viña e que dicía aquel decreto?

O PP non sempre estivo en contra daquela norma. Ben ao contrario, o 22 de febreiro de 2007 compartiu mesa ante a prensa coa daquela conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e mais cos representantes de PSdeG e BNG para anunciar que, tras cinco intensas xuntanzas, existía un acordo unánime para activar a nova regulamentación do galego no ensino. Segundo a representante principal dos populares nas xuntanzas, a ex-conselleira Manuela López Besteiro, o texto acordado combinaba "galeguismo", "equilibrio entre as dúas linguas oficiais" e "respecto á lingua materna". Pero ademais, indicaba López Besteiro, desenvolvía o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, "instrumento esencial para avanzar na promoción da lingua galega" que o Parlamento aprobara por unanimidade en 2004, tamén tras intensas negociacións.

O Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade en 2004 fixara un "mínimo" do 50% das materais en galego e "fomentar que se impartan nesta lingua materias como as matemáticas"; o decreto do 2007 aplicouno

O PXNL estaba, precisamente, na cerna do decreto. Nas medidas concretas dedicadas ao ensino -páxina 56 do apartado do plan dedicado á educación, familia e mocidade- aquel documento fixara un vieiro claro a seguir. En Primaria, "que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego" e, ademais das áreas de coñecemento de medio natural, social e cultural, que xa se impartían en lingua galega, "fomentarase que se impartan nesta lingua materias troncais en toda a etapa, como as matemáticas". Na ESO tamén se fixaba ese mínimo do 50% e apostábase por que "se impartante neste idioma as matemáticas e a tecnoloxía", alén das xa "establecidas legalmente". O limiar "mínimo" do 50% era tamén o criterio par Bacharelato e FP.

Nesta liña, o texto final do decreto fixou o mínimo do 50% de materias en galego, incluíu as matemáticas e outras áreas técnicas entre as áreas a impartir en lingua galega e agregou que o alumnado debería rematar cada nivel educativo con "competencia nas dúas linguas oficiais". A Consellería inzara o texto de mencións ao Plan Xeral de Normalización e, a xeito de aclaración adicional, incluíu no decreto un anexo no que transcribía o apartado do PXNL sobre educación. Isto é, ía aplicar o texto que recibira os votos a prol de PP, PSdeG e BNG no pleno do Parlamento do 21 de setembro de 2004 tras un prolongado proceso de elaboración e participación de persoas e expertas e entidades de todos os ámbitos.

O que o PP tamén apoiara por desenvolver o Plan Xeral acordado en 2004 pasou a ser presentado como unha ruptura do "consenso" por non "garantir os dereitos lingüísticos"

Pero o que xurdira dunha unanimidade só comparable á que abeirara o nacemento da lei de normalización lingüística en 1983 pasou a ser poucos meses despois para o PP unha ruptura do "consenso" por non "garantir os dereitos lingüísticos" e "abrir a porta a un modelo monolingüistico". Ao tempo, saltaban ás páxinas dalgúns xornais galegos as reclamacións dun colectivo liderado por unha docente dun instituto vigués que prometía "dar mucha guerra" no nome da "libertad lingüística". Facíanse chamar Galicia Bilingüe recollendo os preceptos dun manifesto divulgado a través de internet baixo o título Tan gallego como el gallego e xunto a eles acabaría manifestándose a cúpula do PPdeG -agás Feijóo, de viaxe en Sudamérica- o 8 de febreiro de 2008, ás portas da campaña electoral. Se Feijóo gañaba, afirmaban, habería "una casilla en el sobre de matrícula" para que as familias decidisen o idioma do ensino.

Feijóo acusa de practicar a "posverdade" a quen lle reprochan a promoción de conflitos en torno ao idioma e volve axitar a pantasma da suposta "imposición"

As teses básicas daquelas protestas foran utilizadas polos populares no seu retorno á Xunta para derrogar o decreto 124/2007 e substituílo polo vixente, que tivo que ser modificado parcialmente por orde xudicial. O novo conselleiro de Educación e actual alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mantivo en público que detectaran unha presenza maioritaria do galego nas aulas, se ben tres anos despois admitiran formalmente nunha resposta parlamentaria que o que detectaran fora xusto o contrario, que o maioritario era o castelán. Unha década despois recentes informes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura constatan que a escola está actual como axente "desgaleguizador" da rapazada e que os prexuízos sementados a respecto dunha suposta "imposición" do galego aceleraron este proceso.

Así e todo, o presidente da Xunta vén de volver empregar o principal debate parlamentario do ano para axitar dalgún xeito as pantasmas daqueles anos "nin aqueles que afirman que o castelán desapareceu de Galicia nin aqueles que queren impoñer o galego coñecen realmente Galicia", proclamou Feijóo nun discurso no que afirmou tamén que "nunca promovín nin promoverei conflitos". Quen o acusan de atacar o galego están instalados na "posverdade", afirmou o presidente noutro treito do debate retrucando á líder do BNG, que tamén empregara ese termo. Mentres, nas redes sociais, un destacado dirixente do PPdeG afirmaba que "o que acabou co consenso" foi o decreto 124/2007, o que transcribía o Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade parlamentaria en tempos de Manuel Fraga.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.