0 Gardados para despois

A Fundación Alexandre Bóveda retruca a Feijóo: "Non vivimos na Galiza que soñou Castelao"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado 3 de outubro as verbas do presidente da Xunta na recepción oficial d'A derradeira leición do mestre na Cidade da Cultura, onde o emblemático cadro de Castelao permanecerá exposto ata o vindeiro mes de marzo, deron lugar a unha ampla controversia. No seu discurso Alberto Núñez Feijóo obviou o asasinato de Alexandre Bóveda, tema central da pintura, así como as estampas do álbum Galicia Mártir, orixe da propia imaxe. Afirmou naquel evento, ademais, que na actualidade "somos, en gran medida, a Galicia que Castelao soñaba".

A fundación que vela polo legado do político galeguista asasinado en 1936 admite o seu "estupor" coas primeiras verbas do presidente ao recibir 'A derradeira leición do mestre' e por iso valora que as "emendase"

A controversia creada obrigou o presidente da Xunta a rectificar o seu discurso cando, apenas dous días máis tarde, inaugurou a exposición en presenza de, entre outros, varios familiares directos de Bóveda. Si se referiu ao asasinato de Alexandre Bóveda e ao seu papel no impulso do primeiro Estatuto galego, ademais de admitir que Castelao retratou neste óleo a "barbarie" desencadeada polos golpistas en 1936. Transcorridos xa varios días e "despois dunha reflexión" a Fundación Alexandre Bóveda, que vela polo legado do histórico galeguista, viu necesario matizar as verbas do presidente e a chegada mesma do cadro. Porque a Galicia soñada por Castelao aínda non chegou, afirman.

Dende a "satisfacción" por que A derradeira leición do mestre poida ser contemplada en Galicia por primeira vez, a Fundación Bóveda admite que a "falta de precisión nas palabras do presidente" na recepción do cadro causaron "estupor" no seo da entidade por seren "un claro menosprezo ao potente significado e mensaxe desta obra". "Unha lectura limpa e reflexionada deste lenzo dinos que Castelao", con esta pintura, "quixo reflextir a feroz represión que padeceu o noso pobo a través da persoa e asasinato de Alexandre Bóveda" quen, como Castelao, pulara polo recoñecemento nacional de Galicia dende a "legalidade constitucional da República".

A entidade chama a divulgar o verdadeiro significado do cadro como homenaxe á "resistencia ao fascismo" e subliña que a Galicia "soñada" por Castelao e Bóveda "era un país recoñecido como nación"

"Non se pode reducir nin circunscribir este cadro ao ámbito escolar", como fixo Feijóo, porque é un retrato da "resistencia ao fascismo español" e do asasinato mesmo de Bóveda. É por iso que a Fundación tamén "recoñece" a "rectificación ou emenda que fixo das súas palabras o presidente da Xunta". "Agardamos -din- que este xesto sexa preámbulo do recoñecemento institucional que a figura de Bóveda merece", a comezar pola institucionalización do Día da Galiza Mártir, "tal e como solicitamos á Xunta dende 2006, Ano da Memoria".

No que atinxe estritamente ao cadro a Fundación Bóveda coida que a súa presenza no país -a entidade avoga por que quede en Galicia- é "unha oportunidade única para achegarse" a ela e "socializar toda a carga emotiva e simbólica que Castelao deixou impresa na mesma", incluíndo a homenaxe ás vítimas do golpe do 36 e a posterior ditadura. Ao contrario do afirmado por Feijóo, cren, "non vivimos na Galiza que soñaba Castelao", porque ese país co que se comprometeron el e mais Bóveda "era un país que, recoñecido como nación, fose quen de vivir sen dependencias e en harmonía coas restantes nacións da Península Ibérica e de Europa". Neste sentido, chaman a lembrar que ambos defenderon o Anteproxecto de Estatuto que definía Galicia como "Estado libre dentro da República Federal Española".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.