A Audiencia de Lugo arquiva a causa contra o ex-conselleiro Blanco tras sete anos imputado

Blanco, cos seus avogados CC-BY-SA Merixo

A Audiencia Provincial de Lugo comunicou este pasado venres o arquivo da causa que mantiña aberta a xuíza Pilar de Lara contra o ex-conselleiro de Industria no goberno bipartito e deputado do BNG Fernando Blanco. Fíxoo sete anos despois da súa imputación, segundo adiantou na súa edición deste venres o diario El Progreso

O arquivo da causa contra Fernando Blanco chega sete anos despois de que fose imputado

O sobresemento das actuacións contra este ex-membro do Executivo galego chega tamén un ano máis tarde de que fose condenado o empresario Jorge Dorribo. Foran as acusacións deste as que provocaran a imputación de Fernando Blanco e outros doce acusados na operación Campeón que investigaba fraude en subvencións públicas e tráfico de influencias. 

O arquivo da causa contra Fernando Blanco chega poucos días despois de que o Poder Xudicial expedientase a xuíza Pilar de Lara por atrasar e acumular macrocausas. O nome desta maxistrada está unido dende hai anos á vida política galega por ser a instrutora de operacións, ademais, de casos como o Pokémon, Pulpo e Garañón.

Fernando Blanco abandonou a política hai algo máis de sete anos. Presentara a súa dimisión como deputado no Parlamento galego e a súa renuncia a ser candidato do Bloque ao Senado nas eleccións xerais que se celebraban ese ano. Segundo asegura El Progreso, o auto de sobresemento baséase na demora na instrución e na falta de credibilidade das acusacións contra Blanco por parte de Jorge Dorribo, que non foron corroboradas. 

O ex-conselleiro de Industria di sentir "máis rabia que indignación"

A Audiencia Provincial de Lugo desmonta cada unha das acusacións. Por exemplo, a que acusaba o ex-conselleiro de recibir un anel por adxudicarlle un servizo de limpeza municipal á empresa dun amigo seu, aínda que a xoia acabou finalmente nas mans da espoxa deste empresario. Tampouco dá crédito a que Dorribo atribuíse a Blanco a axilización dunha delcaración de auga minero-medicinal sen análises de calidade, cando nin lle competía. 

Ao tempo, nega a hipotética entrega de cartos efectuada por Dorribo para favorecer os seus intereses empresariais tras unha "exhaustiva investigación patrimonial" a Blanco e á súa contorna familiar. Tampouco se toparon probas da acusación de conceder unha subvención de 1,4 millóns a cambia de participacións das sociedades do empresario en Andorra e Camerún. 

Nunha entrevista no mesmo diario lucense, Fernando Blanco di sentir "máis rabia que satisfacción" ao ter pasado xa "case oito anos" desde que fora imputado.

O BNG cualificou a noticia de "magnífica". "Despois de 7 anos, 3 xuíces, 7 fiscais e moitas investigacións policiais demóstrase a absoluta inocencia de Fernando Blanco. Nós sabiamos que ía ser así. Polo demais, unha xustiza que é lenta, que afecta gravemente a vida persoal e política, non é xustiza", asegurou a formación nacionalista. 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.