Adif inicia a electrificación do treito de Tui que faltaba para conectar coa mellora portuguesa do tren ao Porto

Estación de Guillarei, ao norte de Tui CC-BY-SA Bene Riobó

Portugal contratou o pasado xullo as obras entre Viana e Valença e agora o Goberno central licita a primeira das actuacións necesarias nos oito quilómetros pendentes en terreo galego

O Goberno central vén de licitar coa súa publicación este martes no Boletín Oficial do Estado a primeira dunha serie de actuacións que tiña pendentes para cumprir a súa parte do acordo con Portugal para mellorar a liña de tren entre Vigo e Porto que consiste en electrificar uns oito quilómetros de vía entre a fronteira do río Miño e a estación de Guillarei, ao norte de Tui. En concreto, Adif, a empresa xestora da rede ferroviaria, vén de sacar a concurso, cun prazo máximo de execución de 18 meses, as obras de aumento da potencia da subestación eléctrica da estación de Guillarei para dar servizo a ese novo treito electrificado.

Adif explica nos pregos de condicións da actuación que agora saca a concurso que “como consecuencia do incremento da demanda debido á electrificación do treito Guillarei-Tui, así como da interconexión, a través da ponte internacional, coas novas instalacións de electrificación en Portugal, créase a necesidade de aumentar a potencia das subestacións” de Guillarei así como das súas veciñas de Redondela, ao norte en dirección a Vigo, e Sela, ao leste en dirección a Ourense. Son as subestacións máis próximas á fronteira de Tui da liña xa electrificada Vigo-Ourense, da que en Guillarei se desvía a pequena conexión cara a ponte internacional.

Detalle da licitación de Adif da mellora da subestación de Guillarei para electrificar o treito de vía ata a fronteira con Portugal

O obxectivo das obras tanto en Galicia como en Portugal é reducir os tempos de viaxe, que actualmente dura unhas dúas horas e vinte minutos entre Vigo e Porto

Esa actuación agora licitada por 4,6 millóns de euros e un prazo de execución máximo de 18 meses é a primeira obra física que lanza Adif para mellorar ese pequeno treito da súa competencia da liña Vigo-Porto, pero aínda quedan outras pendentes como a instalacións da catenaria, os cables que distribuirán a electricidade aos trens desde a subestación de Guillarei ao longo deses oito quilómetros de vía ata a ponte sobre o Miño, onde conectarán coa electrificación portuguesa.

Do outro lado da fronteira, o Goberno portugués contratou o pasado verán a última fase da súa parte dos traballos, moito máis complexos. No seu caso, non só electrificará os 47 quilómetros existentes entre a fronteira de Valença e Viana do Castelo (dese punto cara ao sur as obras xa se iniciaran antes) senón que tamén mellorará varios puntos das vías e mesmo creará unha estación de mercadorías en Valença, actuacións que permitirán que polo seu treito da liña poidan circular trens de mercadorías máis longos que os permitidos en calquera punto de Galicia.

As obras do treito portugués entre o Miño e Viana do Castelo, claves para que os trens de pasaxeiros poidan mellorar as súas prestacións e reducir o tempo das actuais viaxes de dúas horas e vinte minutos entre Vigo e Porto que realizan conxuntamente Renfe e Comboios de Portugal, finalizarán a finais de 2020. Desde Fomento e Adif sempre se mantivo que a menor envergadura dos traballos pendentes en territorio galego permitiría chegar a tempo para coordinar a posta en servizo de ambas as dúas actuacións.

Deutsche Bahn está pendente de obter autorización para un servizo privado entre A Coruña e Porto que se beneficiaría destas melloras e diversas institucións piden unha actuación de máis calado, a saída sur de Vigo, que mellore aínda máis a liña

A electrificación de toda a liña entre Vigo e Porto é unha mellora agardada tamén pola empresa de transportes Arriva, filial da ferroviaria alemá Deutsche Bahn, que está pendente de obter autorización da Comisión Nacional do Mercado e a Competencia (CNMC) para operar entre A Coruña e Porto o primeiro tren privado internacional de pasaxeiros da península.

Ademais da electrificación agora lanzada por Adif dos oito quilómetros pendentes entre Guillarei e a fronteira do Miño, hai anos que a crise paralizou un proxecto de moita maior envergadura reclamado por diversas administracións e institucións para mellorar o trazado da liña máis ao norte, entre Vigo e O Porriño, cun gran túnel directo, a coñecida como saída sur de Vigo. Ese subterráneo evitaría o rodeo que actualmente teñen que dar os trens por Redondela, aínda máis ao norte, así como o seu paso polo centro do Porriño, onde hai dous anos un tren descarrilou provocando catro mortos e son frecuentes os accidentes con peóns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.