A comisión de garantías di que houbo irregularidades no proceso e pospón a votación e o comité electoral insiste en que “segue en marcha” e que pode “garantir” o seu “correcto funcionamento”
A comisión de garantías de En Marea anunciou a última hora deste venres a suspensión das primarias previstas para elixir ao longo desta fin de semana o seu novo Consello das Mareas argumentando presuntas irregularidades no proceso. Pouco despois outro órgano, o comité electoral insistiu en que o proceso “segue en marcha” e que pode “garantir” o seu “correcto funcionamento”. Ás primarias presentábanse dúas listas encabezadas polo actual portavoz da formación, Luís Villares, e o ex-deputado David Bruzos, acompañado este último por nomes vinculados á actual dirección de Anova, a Podemos Galicia e ás mareas municipais das cidades. Por tras das posturas discrepantes da comisión de garantías e do comité electoral diversas fontes apuntan ao seu suposto control por cada unha das dúas candidaturas.
Do 30 de novembro ao 3 de decembro estaban chamadas a votar nas primarias de En Marea case 4.500 persoas inscritas, unhas 1.500 máis que ao inicio do actual proceso interno. Ían elixir o Consello das Mareas, isto é, a nova dirección ordinaria da formación nada como tal pouco antes das últimas eleccións galegas de 2016 e cuxa vida interna veu estando marcada pola convulsión e mais por sucesivas recolocacións de pezas en cada elección interna, todas elas formuladas en clave de identidade e mesmo de existencia da propia En Marea.
A comisión de garantías enumera cinco motivos para adiar as primarias
Segundo un comunicado divulgado a última hora deste venres pola dirección da formación, “a Comisión de Garantías de En Marea vén de ditaminar a suspensión temporal do proceso de elección ao Consello das Mareas e da Comisión de Garantías” por cinco motivos que enumera: “imposibilidade de acceso ao censo do responsable legal ante a Axencia Española de Protección de Datos durante 24 horas, motivo polo que hai unha auditoría en curso; imposibilidade técnica para que figurasen na papeleta electrónica o nome de tódalas integrantes das distintas listas que concorren en dito proceso; imposibilidade técnica de realizar todas as probas de seguridade e as simulacións de voto coa versión da papeleta electrónica definitiva; descoñecemento dos locais de votación a menos de 24 horas para comenzar a votación; e imposibilidade de informar ás persoas inscritas da situación e horarios de apertura dos locais de votación”. O comunicado de En Marea sinala que “a votación levarase a cabo á maior brevidade posible” e mentres realizarase unha auditoría e diversas probas de seguridade coa papeleta electrónica.
O comité electoral indica o enderezo dos lugares de votación
Pouco despois o comité electoral de En Marea remitiu outro comunicado no que leva a contraria á comisión de garantías. Na nota o comité electoral di que se dirixe aos inscritos en En Marea “a través dos medios de comunicación ante a imposibilidade de poderse poñer en contacto a través dos medios dos que En Marea dispón” e insiste en que o proceso de votación “segue en marcha” e que está “en condicións de garantir o correcto funcionamento do proceso”. Na nota indica o enderezo de 13 locais de votación distribuídos por toda Galicia.