Cando Feijóo defendía que “se un candidato a unha comunidade ten máis escanos, debe ter un plus para formar goberno”

Feijóo e o candidato do PP á Junta, Juan Manuel Moreno, con outros cargos populares durante a campaña andaluza Dominio Público @JuanMa_Moreno

O presidente galego aposta agora por apartar o PSOE de Andalucía tras dicir que as coalicións “non teñen tanto de democrático e nada de ético” se nelas non participa a lista máis votada, tese que impediría o goberno do PP tras os resultados deste domingo

“Se un candidato á presidencia dunha comunidade autónoma ten máis escanos, máis votos, máis porcentaxe de apoio electoral, debe ter un plus para formar goberno”. A frase, que de aplicarse ás elección andaluzas deste domingo primaría as posibilidades da socialista Susana Díaz de repetir na presidencia da Junta por ser a candidata máis votada fronte á suma de escanos das dereitas que podería elixir ao popular Juan Manuel Moreno, é de Alberto Núñez Feijóo. Pronunciouna o pasado 8 de febreiro, pero non é anecdótica xa que son constantes as súas apelacións a “que goberne a lista máis votada” e mesmo criticando a falta de ética das coalicións cando nelas non participa a formación gañadora duns comicios. Pola contra, nas súas primeiras declaracións este luns tras as eleccións andaluzas, a visión do presidente galego xa é distinta. Segundo Feijóo, este domingo co seu voto os andaluces, malia elixir como primeira forza ao PSOE, “dixéronlle á esquerda que non queren que siga gobernando e hai unha opción clarísima para que haxa un goberno distinto”, opción que só pasaría por que non goberne a lista máis votada.

Feijóo, único presidente dunha comunidade autónoma que vén gobernando con maioría absoluta, que el identifica con estabilidade, vén queixándose hai anos do sistema parlamentarista que rexe as administracións estatal, autonómicas e locais e que dá as súas presidencias ao candidato que obteña máis apoios dos partidos representados nas súas respectivas cámaras, o que fai que este non sempre sexa o máis votado pola cidadanía. Esa circunstancia facilitaría agora a conformación dun goberno de dereitas en Andalucía malia que a socialista Díaz foi a máis votada, pero non é o modelo que lle gusta a Feijóo, máis preocupado nestes anos das coalicións de grupos de esquerdas que impiden que o PP goberne numerosos concellos malia ser a forza máis votada se non obtén a maioría absoluta, ameaza que sempre pendeu sobre el mesmo en sucesivos comicios autonómicos. Por iso, é recorrente a súa defensa dunha reforma do sistema electoral que prime o partido máis votado, o que na situación actual beneficiaría en Andalucía aos socialistas.

“Facilitar que goberne o que gañe as eleccións é un principio que debería inspirar calquera lei electoral”, considera Feijóo

Xa na campaña das autonómicas andaluzas de 2015 Feijóo se queixara do ocorrido nos anteriores comicios de 2012, nos que o PP fora o partido máis votado en Andalucía pero o PSOE revalidara a presidencia da Junta tras un pacto con Esquerda Unida. Iso fixo que ao seu ver o seu partido se convertese no “máis democrático” ao pasar “tres anos na oposición” malia ser a forza con máis votos. Tras os comicios autonómicos e municipais daquel ano, Feijóo chegou a asegurar que “as coalicións están no ADN do PP”, pero que eses acordos “non teñen tanto de democrático e nada de ético” se neles non participa a forza máis votada.

A comezos deste ano, cando Podemos e Ciudadanos lanzaron diversas propostas de reforma das leis electorais, Feijóo volveu lembrar as súas teses. Foi nunha rolda de prensa tras a reunión semanal do Goberno galego do 8 de febreiro, ao preguntárselle por esas propostas, cando Feijóo fixo unha das exposicións máis detalladas das súas teses asegurando que a reforma electoral si é “unha asignatura pendente en España” pero “para facilitar que goberne a lista máis votada”.

Feijóo, con Casado e o líder do PP andaluz na campaña electoral de Andalucía © PP

Para o presidente galego, que goberne a lista máis votada “facilita a gobernabilidade do noso país e iso facilita unha vez máis o respecto ás institucións e aos resultados políticos”

“É coñecida a miña opinión de que si creo que é bo modificar a lei electoral, é unha lei electoral que veu funcionando nos últimos 40 anos pero que lamentablemente os consensos que a inspiraban foron rotos como consecuencia de que en España deixamos de ter como costume deixar gobernar ao que gaña e gobernar unha coalición de partidos que perden”, comezou Feijóo, salientando que ese principio debera ser de aplicación case directa no caso das eleccións municipais pero estendéndoo tamén a outros comicios. “Baixo ese principio creo que hai que facer un axuste na lei electoral no que se refire a comunidades autónomas e administración xeral do Estado dándolle un plus aos partidos políticos que obteñen máis representación, máis escanos”, dixo, xa que “facilitar que goberne o que gañe as eleccións é un principio que debería inspirar calquera lei electoral”, poñendo mesmo como exemplo o caso de Grecia, que outorga ese plus de escanos á formación máis votada.

As reiteradas apelacións de Feijóo a que goberne a forza máis votada veríanse confrontadas en Andalucía coa súa consideración de que a Transición non se pode dar por completada alí ata que o PSOE deixe a Junta

E foi a continuación cando dixo a frase de que “se un candidato á presidencia dunha comunidade autónoma ten máis escanos, máis votos, máis porcentaxe de apoio electoral, debe ter un plus para formar goberno” -cuestións todas que se producirían con Susana Díaz no caso de Andalucía- xa que “iso facilita a gobernabilidade do noso país e iso facilita unha vez máis o respecto ás institucións e aos resultados políticos”.

Esa defensa de que goberne o candidato da formación máis votada nas urnas e contra os acordos de “perdedores” acrecentouse tras a moción de censura coa que en xuño Pedro Sánchez apartou a Mariano Rajoy do Goberno central malia contar o PSOE con cincuenta deputados menos que o PP. Pero as reiteradas apelacións de Feijóo á necesidade de que goberne a forza máis votada veríanse confrontadas en Andalucía con outra das teses do presidente, a de que a Transición non se poderá dar por completada alí ata que o PSOE deixe o goberno autonómico.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.