O pasado 4 de agosto o Boletín Oficial do Parlamento de Galicia publicaba o texto definitivo da reforma da lei de eleccións que o PP impulsa en solitario co obxectivo fundamental de recortar o número de escanos do lexislativo galego, pasando dos 75 actuais a 61. Cando, no inminente inicio do curso político, os de Alberto Núñez Feijóo se vallan da súa maioría absoluta para sacar adiante a modificación culminarán dous anos nos que os conservadores galegos axitaron o proxecto en innumerables ocasións con diversas xustificacións, do "aforro" ao "simbolismo", e nos que só cederon na rebaixa do mínimo de escanos asignados a cada provincia, de 10 a 8. As novas regras de xogo farán, aínda máis, que as normas electorais e parlamentarias do país sexan un traxe á medida do partido da gaivota, fiado agora por Feijóo ao xeito do que comezou a facer Manuel Fraga.
A finais de 1992 o primeiro Goberno galego do patrón da dereita española preparaba os fastos dunha das súas grandes criaturas, o Xacobeo 93, e tamén comezaba a axustar ás súas necesidades as regras do xogo político. Facíao a través dunha modificación da lei de eleccións que menos dunha década antes, en 1985, saíra adiante cun amplo consenso parlamentario. Fraga procuraba a súa Baviera e para facelo cumpria acabar coa "atomización ideolóxica", xeito no que eufemisticamente definía o PP a presenza na Cámara de formacións minoritarias. Tratábase, dicían na exposición de motivos da reforma, dunha "lóxica adaptación da lei ao niel de implantación social das forzas políticas e da procura da máxima eficacia na actuación do Parlamento". Isto concretouse elevando do 3% ao 5% o limiar mínimo de votos para acadar representación parlamentaria en cada circunscrición, barreira que eliminou as forzas minoritarias do Pazo do Hórreo.
Feijoó disponse a recortar o Parlamento en solitario
Mentres algúns dos artífices dos grandes consensos do inicio da autonomía, como Ceferino Díaz, do PSdeG, ou Camilo Nogueira, naquela do grupo do PSG-EG, lamentaban que o PP de Fraga dinamitase consensos acadados con esforzo e que se asentaban nos propios Pactos do Hostal, os conservadores deron un paso máis no redeseño ao seu xeito das institucións autonómicas. Así, en marzo 1993, a poucos meses das seguintes eleccións autonómicas, lanzaban a lei para reformar o Regulamento do Parlamento que, entre outros aspectos, limitaba as intervencións da oposición eliminando prerrogativas como o dereito de réplica, minoraba o control ao Goberno e ampliaba as capacidades dos conselleiros para intervir.
A comezos dos 90 o PP mudou a lei sen apoios para poñer barreiras á entrada de grupos minoritarios e limitar a marxe de manobra da oposición no Parlamento
Para defender aquela reforma Fraga elixiu un deputado mozo, Gerardo Conde Roa, quen dende a tribuna defendeu que a modificación non facía máis que plasmar a vontade "maioritaria" da sociedade galega. "Non é o Regulamento da Cámara o que outorga representatividade, senón a sociedade galega, que cada catro anos se pronuncia acerca dos que deben ter máis voz e dos que deben ter menos voz", proclamou. "O señor Fraga leva tempo nunha tola carreira por rachar todos os consensos acadados noutros tempos", retrucou Ceferino Díaz, que lembraba a inexistencia de "precedentes" nos que un só grupo "impuxese a todo un Parlamento a súa constitución interna".
Segundo Conde Roa a oposición non facía máis que "vitimismo" mentres desexaba un sistema de "partido único", acusacións que contribuíron a tensar aínda máis o debate no que se produciu a histórica imaxe de Xosé Manuel Beiras, daquela deputado do BNG, batendo co seu zapato sobre o taboleiro do escano. Meses máis tarde, en xuño, outra protesta de Beiras durante o debate da reforma nunha comisión parlamentaria derivaría na súa expulsión da Cámara, revogada despois polo Tribunal Constitucional nun ditame que para o PP foi unha "cacicada".
Contra as recomendacións europeas
O xeito en que o PP executou aquelas reformas, vixentes dúas décadas despois, non só foi contra o criterio de quen daquela estaba na oposición, senón que tamén bate contra os criterios de boas prácticas electorais que defenden institucións internacionais como a Unión Eurpea. Segundo o Manual de observación electoral da UE, considerado un dos documentos de referencia para velar pola limpeza dos procesos electorais, as "boas prácticas" democráticas recomendan que "o marco lexislativo das eleccións se elabore e adopte nun proceso inclusivo e transparente" e, ademais, que "a lei electoral goce do apoio dos partidos da oposición, así como dos partidos que apoian o goberno", unha condición que non cumprían os cambios de Fraga e que tampouco cumpre a de Feijóo.
O Manual de Observación Electoral da UE recomenda que a lei electoral "goce do apoio da oposición" e non se cambie menos dun ano antes dos comicios
Ese mesmo manual incide nun aspecto no que non incorre o recorte parlamentario de Feijóo, pero no que si caeron os cambios de Fraga e no que tamén caería Mariano Rajoy se, finalmente, decide mudar a lei electoral antes das vindeiras eleccións municipais para ilegalizar os gobernos locais de coalición. Segundo a UE para garantir a limpeza e as boas prácticas nos comicios "o marco lexislativo e administrativo para as eleccións", as "regras do xogo", teñen que estar "establecidas moito antes de que comece o proceso electoral", sendo "condición ideal" que "un ano antes" da cita coas urnas a lei xa estea fixada e consensuada. En caso contrario, "debe haber consenso" para introducir cambios.