Anova aposta pola "confluencia nacional" das distintas 'mareas' cidadás

Coordinadora Nacional de Anova CC-BY-SA Anova

Anova apoia as diferentes mareas cidadás xurdidas en Galicia de cara aos vindeiros comicios locais e aposta pola "confluencia nacional" destas iniciativas, en parte pola importancia que o agromar destes procesos populares puidesen ter "para a posterior conformación das deputacións provinciais" e ante as dificultades que supoñen os requisitos da lei electoral. "Cómpre procurar solucións técnicas e políticas para que exista unha fórmula electoral que xunga as mareas que xurdan e que, entre outros obxectivos, sirva para dar a batalla polas deputacións, administración notoriamente reforzada tras a reforma local", asegura nun comunicado a coordinadora nacional da formación nacionalista, celebrada este sábado en Teo.

"Cómpre procurar solucións técnicas e políticas para que exista unha fórmula electoral que xunga as 'mareas' que xurdan"

Con esta aposta, Anova segue o ronsel que xa apuntou Somos Maioría -que celebra este domingo unha xuntanza nacional en Compostela para "procurar a harmonía de principios comúns e programas concretos a nivel local e galego"- ou da Marea Atlántica da Coruña, que chama a crear "un espazo de encontro e diálogo onde intercambiar obxectivos e experiencias" cos procesos semellantes que están a xurdir en numerosas vilas e cidades de Galicia. A formación nacionalista parece ir un pouco máis aló e ante a importancia que as reformas do Goberno central lle conceden ás deputacións, de cuxa conformación dependen os resultados nas locais.

Así, a coordinadora nacional de Anova aprobou un documento que define a constitución dun comité de política municipal para a elaboración de propostas programáticas para os concellos, así como para "o estudo de propostas técnico-político-legais para a conformación dun proxecto nacional para as municipais". Ademais, abriu un prazo de quince días para que as localidades ou comarcas "envíen informes da situación e as propostas de forma das candidaturas".

Anova aposta por un acordo a nivel galego entre as iniciativas cidadás "para dar batalla tamén nas deputacións"

Anova aclara que "as distintas formas organizativas de mareas, así como outras fórmulas como Ourense en Común ou Somos Maioría" son "expresións que van no camiño apuntado por Anova de apoiar, promover e potenciar, que non tutelar, iniciativas amplas de base cidadá". Na opinión da formación nacionalista, "cómpre tamén achegar nestes ámbitos tanto solucións a nivel interno como externo, que axuden a rematar con éxito esta aposta e os propios procesos a nivel local".

Ante a situación aberta coa morea de iniciativas cidadás que agroman, a formación liderada por Xosé Manuel Beiras cre que a conformación "dunha única forma electoral a nivel nacional" debe ser "tamén obxectivo" de Anova. Todo a partir da "expresión dos procesos e candidaturas a nivel local". Así, advirte que esta proposta chega ante a "transcendencia" que a conformación destas hipotéticas candidaturas "terá tamén a efectos da posterior conformación das deputacións provinciais".

A lei electoral só permite a presentación de candidaturas a partidos ou federacións, coalicións entre partidos ou agrupacións de electores

Tal e como lembra a formación nacionalista, a lei electoral só permite a presentación de candidaturas a partidos ou federacións (inscritos no rexistro de partidos), a coalicións electorais (só entre partidos ou federacións, previamente rexistrados) ou a agrupacións de electores (con recollida de sinaturas autenticadas, en número mínimo fixado na normativa). "En consecuencia, as candidaturas de unidade só poden formalizar candidaturas ou ben rexistrándose como partido (ben a nivel local, ben a nivel territorial) ou ben como candidatura de electores a nivel municipal (forma esta que non permite a coalición supra-municipal)".

Votación nunha asemblea de Anova Dominio Público Praza Pública
Coordinadora Nacional de Anova CC-BY-SA Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.