O pasado 8 de xullo Agustín Hernández tomaba posesión como alcalde de Santiago. O ex conselleiro de Infraestruturas pasaba, contra a que inicialmente fora a súa vontade política, a ser o terceiro rexedor da capital de Galicia en menos de tres anos, substituíndo a Ángel Currás tras a condena por prevaricación de máis da metade do goberno que antes estivera dirixido por Gerardo Conde Roa, condenado por fraude fiscal. Xusto un mes despois desta terceira toma de posesión, que culminaba unha ampla serie de avatares políticos ligados, na súa maioría, á investigación e revelacións do caso Pokémon, a Xunta asinaba o primeiro dos dous convenios cos que, por algo máis de 200.000 euros, se dispuxo a "enxalzar" a maltreita imaxe pública da cidade en dous xornais.
O primeiro destes convenios foi rubricado o 8 de agosto entre a Secretaría Xeral de Medios e a Editorial Compostela "para a a difusión informativa da potencialidade de Santiago de Compostela nos medios de comunicación do grupo El Correo Gallego. Por 115.000 euros o Goberno galego expresa a súa intención de "colaborar co xornal" na "difusión da información relativa á imaxe de Santiago de Compostela nos distintos ámbitos de actuación da Xunta de Galicia", tales como "o Camiño de Santiago, a Cidade da Cultura, a capitalidade de Galicia, a cidade administrativa" ou "as actuacións en I+D+i", especialmente "mediante a colaboración entre a USC e a Xunta".
O primeiro convenio asinouse un mes despois de que Hernández tomase posesión como terceiro alcalde da cidade no que vai de mandato
"A cidade como destino turístico final", a "súa proxección internacional" e "calquera outra información que poida difundir unha imaxe moderna e o futuro da cidade" centraban un convenio que ao mes seguinte, se reproduciu cun chisco máis de cartos. O 1 de setembro a Secretaría de Medios encomendoulle a La Voz de Galicia a mesma difusión das "potencialidades" santiaguesas. O convenio ten un texto idéntico ao asinado con El Correo e, como no caso do xornal compostelán, a súa vixencia esténdese ata o vindeiro 22 de decembro. En ningún dos dous casos existe achega económica das empresas, algo que tamén aconteceu en 2012, cando o Executivo tamén colocou contidos nestes dous xornais con, formalmente, a mesma finalidade.
A sinatura deste tipo de convenios é criticada dende hai anos por colectivos profesionais do xornalismo como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ou o Sindicato de Xornalistas, que veñen reclamando, entre outras medidas, a aprobación dunha Lei de Publicidade Institucional que faga "transparentes" as axudas da Xunta á prensa. Aínda que, como acontecera co bipartito, o PP levou no seu programa electoral esta lei tanto en 2009 como en 2012, polo momento non chegou a ser aprobada nin figura nos plans inmediatos. Estas achegas directas e discrecionais de cartos públicos tamén foron criticadas polo Consello de Contas, que vén reflectindo que case o 90% dos cartos repartidos entre as empresas editoras se distribúen sen unha convocatoria pública e obxectiva á que todos os medios poidan concorrer en igualdade de condicións.