Teresa Gómez-Limón é deputada da Asemblea de Madrid. Pertence ao grupo mixto logo de que hai un mes abandonase o PP por diversos motivos, pero fundamentalmente pola negativa do que era o seu partido a crear unha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois ou pola "represión" sufrida polas vítimas no acto de homenaxe en Compostela, onde parte delas foron vetadas tras enviarlles os antidisturbios. Porque esta política é unha vítima do tráximo sinistro ferroviario e membro da plataforma Vítimas Alvia 04155, unha das máis activas na loita por depurar responsabilidades. O mesmo colectivo que vén de mostrar a súa "indignación e rexeitamento" polo "indecente nomeamento" como novo ministro de Xustiza de Rafael Catalá, secretario de Estado de Infraestruturas de Fomento no momento do accidente, e que chegou a "presionar" a Gómez-Limón para que non criticase a Renfe e Adif durante a súa convalecencia, segundo denuncia esta muller que explica en Praza con detalle a súa fonda decepción co Partido Popular e co Goberno de Mariano Rajoy.
Por que esa repulsa ao novo ministro de Xustiza?
Por varias razóns. A primeira delas porque mentiu sendo secretario de Estado de Fomento cando dixo que a liña non era de alta velocidade, cando iso era o que dicía o BOE e cando foi o que se demostrou en sede xudicial, tanto por parte dos declarantes de Adif, como polos peritos ou polo propio xuíz. En segundo lugar porque Rafael Catalá estivo interceptando e non facilitando a investigación xudicial. O maxistrado tivo que requirir en numerosas ocasións a Adif e a Renfe, dependentes de Fomento, para que lle eviasen documentación que chegaba tarde, mal e incompleta. El é responsable de todo isto, pero tamén é responsable político do desastre que se produciu porque cando se decidiu desconectar o sistema ERTMS, que puido evitar o accidente tal e como afirmaron os peritos, el xa era secretario de Estado de Infraestruturas.
"O novo ministro de Xustiza é responsable político do desastre de Angrois; el era secretario de Estado de Fomento cando se decidiu desconectar o ERTMS"
A plataforma de vítimas á que vostede pertence tamén lle censura algunhas polémicas declaracións...
En xullo de 2013, aos poucos días do accidente, afirmou no Faro de Vigo que non podía falar mal da alta velocidade porque iso complicaba os negocios de España. E isto fíxoo cos mortos aínda quentes, con máis de 140 persoas feridas e moitas delas loitando entre a vida e amorte. Foi daquela cando fixo esas declaracións, algo que ten que ver con todas as vítimas, pero a min persoalmente tamén me ofendeu.
Por que?
Chamoume persoalmente, cando acababa de chegar á miña casa en Madrid logo de oito días na UVI. Presionoume para que non falase mal de Renfe e toda a miña familia foi testemuña diso. Díxome que como era posible que unha deputada do PP puidese dicir esas cousas. E fíxoo ademais nun momento no que eu estaba moi enferma e totalmente vulnerable. A miña familia indignouse, e é lóxico.
"Rafael Catalá é un señor indigno; presionoume estando convalecente para que non criticase a Renfe"
Cal foi a súa reacción daquela?
Ese señor parécenos indigno. O que tería que ter feito, e xa o solicitamos desde a plataforma hai tempo, era dimitir do seu cargo de secretario de Estado de Fomento, algo que tería pasado en calquera país civilizado. Pero non só non dimitiu, senón que foi ascendido a ministro e, nada máis e nada menos, que de Xustiza. Non é unha broma, é algo que só ocorre en España e que non pasaría en ningún país da UE.
"Nun país civilizado, tería dimitido tras o accidente de Angrois, pero non só non o fixo, senón que foi ascendido a ministro"
Desde a plataforma tamén din "temer" que o nomeamento "poida interferir no proceso xudicial".
Confiamos no xuíz Aláez porque buscou xustiza e confiamos no de agora tamén. Cando o caso chege a altas instancias, a aquelas que dominará o Goberno, confío en que o PP xa non goberne. Esa é a miña esperanza.
"Non queríamos medallas senón entrar na homenaxe, pero mandáronnos os antidisturbios.. Feijóo tamén é indigno"
Tanto a plataforma como vostede foron tamén moi duros coa actitude de Núñez Feijóo na homenaxe ás vítimas en Compostela. Falou con el?
Nunca falei con el. Molestoume a súa actitude, pero con esta xente do PP un vai de asombro en asombro. No caso daquela homenaxe oficial, nós achegámonos advertindo que non queríamos recoller medalla ningunha porque nós non eramos heroes, senón uns pobres enganados aos que nos dixeran que aquel era un tren de alta velocidade, pero de alta velocidade só tiña a velocidade e nada máis. Os heroes eran os veciños de Angrois, os bombeiros, os voluntarios... Pedimos asistir ao acto e non só non nos deixaron entrar, senón que nos mandaron aos antidisturbios. Foi unha decisión que dependía da Delegación do Goberno, pero se viñeron foi porque Núñez Feijóo o aceptou, senón non os mandaban. O presidente da Xunta é un ser indigno e son xa moitos no PP, partido no que grazas a deus xa non estou. Fixemos unha carta moi dura contra a súa actitude, pero non contestou... E non o vai facer, claro que non vai contestar.
"Cando o caso chegue ás altas instancias xudiciais, aquelas que domina o Goberno, confío en que o PP xa non estea gobernando"
Falou con xente do PP para dicirlles todo isto á cara?
Tiven ocasión de falar con xente da Asemblea de Madrid. Eu xa pedira explicacións a Mariano Rajoy polo tema da Gürtel e os sobres en negro. Eu non cobrei na miña vida nin un sobre nin nada que non fose legal e indignoume todo aquilo. A resposta do PP foi chamarme desleal e todo iso coincidía coa miña indignación polos continuos incumprimentos de programa e as mentiras á cidadanía, pero o do tren foi o colmo. A súa actitude e aforma de xestionar o accidente desde o minuto un non me gustou nada. Negaron todo, negaron unha comisión de investigación e incluso que houbese fallos cando os peritos así o dícían. No momento que nos mandaron os antidisturbios a Compostela, decidín marchar. Daquela sentinme mal e deixei todo. Síntome moi agredida como cidadá.