Ourense en Común confirma outra candidatura cidadá máis en Galicia para as municipais

Recollida de sinaturas de Ourense en Común © Ourense en Común

As mareas van confirmando a súa presenza nas vindeiras eleccións municipais de 2015 en Galicia. Foi a Marea Atlántica, a finais do pasado mes de setembro, a primeira que anunciou que presentaría candidatura aos comicios locais logo de superar as 2.500 sinaturas de apoio ao seu manifesto que se exixía como aval cidadán para presentar unha lista de confluencia. O pasado mércores foi Ourense en Común, a segunda das iniciativas populares que xurdiu con forza no país, a que deu o paso tamén logo de alcanzar os 1.500 apoios que neste caso se puxera como condición para continuar adiante.

Ourense en Común superou os 1.500 apoios que se marcara como aval cidadán para confirmar a candidatura ás municipais

Desde o movemento non dubidan en amosar a súa "satisfacción" tras cumprir cun obxectivo "bastante ambicioso" tendo en conta a poboación de Ourense, e tamén polo feito de que este aval se acadase seis días antes de que rematase o prazo marcado. Reforzan así o proceso para unha candidatura cidadá xa confirmada e que segue o ronsel da Marea Atlántica en Galicia e que antes marcara Guanyem en Cataluña.

"O noso programa actualmente só ten dous puntos: participación cidadá e transparencia. O resto querémolo construír dende abaixo e de modo horizontal coa participación dos barrios e habitantes de Ourense, para dotarnos, entre todas, dunha ferramenta efectiva para a solución dos nosos problemas". Ese é o obxectivo fundacional dun proxecto que suma achegas de movementos sociais, cidadás e políticos e que comeza agora outra fase de cara á sumar xente e máis apoios de cara á candidatura.

A iniciativa cidadá comeza a vindeira semana a rolda de contactos con movementos sociais e políticos

"Non podemos acelerar os tempos, pero tampouco deixarnos levar", recoñecen en Ourense en Común, que na vindeira semana comezará xa a rolda de contactos con organizacións políticas e sociais. Un contacto "bidireccional" no que o movemento explicará as súas ideas básicas para a cidade e para o proxecto e no que as diferentes formacións expresarán a súa dispoñibilidade a unirse á iniciativa, pero tamén as posibles eivas e problemas que lle ven.

"Queremos xuntarnos por unha proposta colectiva da cidade que queremos", insisten. Pero non queren unha suma de siglas. Como no caso da Marea Atlántica da Coruña, que recoñecen como referente polo seu funcionamento e bagaxe, o obxectivo é conseguir a "xenerosidade" daquelas formacións e movementos que compartan obxectivos para que se dilúan no proxecto que debe ser "claramente cidadán".

Ourense en Común apela á "xenerosidade" das organizacións políticas e sociais para se diluír na súa marea "sen siglas"

O que parece claro é que en Ourense, unha cidade asolagada desde hai tempo tamén por múltiples casos de corrupción, haberá unha alternativa electoral. Os primeiros achegamentos informais ás formacións da esquerda alternativa revelan que hai "sintonía", segundo as fontes consultadas, para poder conformar unha candidatura unitaria e conxunta baseada na xente e sen siglas.

Ao apoio inicial á confluencia que amosaron xa a nivel galego Anova, Espazo Ecosocialista, Equo, Compromiso ou mesmo Esquerda Unida podería tamén xuntarse Podemos, logo de que a formación que lidera Pablo Iglesias optase por "apoiar e implicarse" nas iniciativas municipalistas que respecten os valores do partido. O seu círculo na cidade das Burgas -e co que xa houbo contactos a nivel individual- anunciou xa que manterá unha xuntanza con Ourense en Común e que será a asemblea quen decida se finalmente se xunta ao proxecto. Nin tan sequera o BNG, que xa anunciou que presentaría candidatura propia, está descartado para a marea ourensá.

Ás xuntanzas por barrios e sectoriais seguiralle a elaboración dun programa conxunto en xaneiro

O que si está claro é o calendario. A iniciativa comeza agora unha serie de xuntanzas por barrios e sectoriais para ir recollendo achegas cidadás para o proxecto común. No vindeiro mes de decembro levará a cabo unha serie de econtros nos que se avaliará a situación para en xaneiro elaborar un programa conxunto e confirmar unha candidatura cidadá xa en febreiro. É, con matices, o calendario que as distintas mareas que agroman en Galicia pretenden seguir co obxectivo de "gañar" as cidades para a cidadanía. A Coruña e Ourense contan xa con dúa propostas reforzadas, mentres Vigo, Ferrol, Compostela ou Pontevedra traballan tamén por asentar as súas iniciativas municipalistas. O taboleiro, non hai dúbida, ten novas pezas.

Recollida de sinaturas de Ourense en Común © Ourense en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.