O pasado mércores o presidente da Xunta aseguraba, tras tres horas e media de xuntanza co secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que está disposto a comparecer no Parlamento "todas as veces que se queira" sobre os casos de presunta corrupción ou sobre calquera outro tema. Facíao apenas vinte e catro horas despois de que o PP fixese valer a súa maioría absoluta na Xunta de Portavoces da Cámara para vetar, precisamente, as solicitudes de comparencia do presidente a respecto da trama Zeta. A súa aseveración chegaba tras a negativa de Besteiro a asinar pacto ningún co líder conservador sen que este ofrecese antes "explicacións" sobre os casos que afectan ao seu partido. Chegaba, tamén, despois de 43 negativas a comparecer na Cámara no que vai de lexislatura.
A última vez que, ata o momento, Feijóo accedeu a comparecer na Cámara á marxe das sesións ordinarias e obrigatorias -a sesión de control e o debate de política xeral- foi o 10 de abril de 2013. Daquela, os conservadores deron en ceder ante a extraordinaria polémica xerada pola publicación en El País das fotografías do presidente co narcotraficante Marcial Dorado, datadas no verán de 1995, cando Feijóo dirixía o Servizo Galego de Saúde. Contra todo prognóstico o PP aceptou as solicitudes que presentara o PSdeG, por unha banda, e AGE e BNG, pola outra, e acudiu a comparecer.
Feijóo non comparece dende o escándalo polas fotos de Marcial Dorado
Cando se produciu a comparecencia sobre as fotos con Dorado xa pasaran dous anos, sete meses e unha semana dende que o presidente subira á tribuna parlamentaria por última vez para abordar algún asunto de xeito monográfico. Non o facía dende o 20 de xullo de 2010, no seu primeiro mandato á fronte da Xunta. Nesa primeira etapa Feijóo chegou a comparecer en seis ocasións, todas elas para tratar diferentes aspectos da xestión do Goberno central que presidía José Luis Rodríguez Zapatero.
Unha corentena de vetos
Así as cousas, unha vez restada a excepción vinculada a Marcial Dorado, restan un total de 43 solicitudes de comparecencia que, dende as eleccións de 2012, bateron contra a maioría absoluta do PP. Un total de 39 destes bloqueos foron a comparecencias solicitadas polo PSdeG, único grupo con escanos dabondo para solicitalas en solitario. Ademais, foron rexeitadas tamén tres solicitudes conxuntas de AGE e BNG e unha máis asinada polos tres grupos da oposición, que a formularon en marzo de 2013 para pedir contas, precisamente, polos casos de presunta corrupción que afectaban ao PP.
O PP evitou que o presidente comparecese sobre "o suposto financiamento ilegal do PP", sobre Novagalicia Banco, o naval ou o paro, entre outros asuntos
O abano de temas sobre os que o PP e o Goberno se negaron a que Feijóo respondese é amplo. O último rexeitamento, desta semana, foi sobre o caso Zeta e os inmediatamente anteriores estaban relacionados coas supostas irregularidades nas antigas caixas galegas e co desprazamento da construción de parte dos floteis de Pemex a Cádiz. Nos últimos tempos Feijóo tamén se negou a comparecer "sobre o suposto financiamento ilegal do PP", a respecto da xestión dos fondos europeos para Galicia, sobre o dique flotante de Ferrol, o desemprego, a reforma fiscal que prepara o Goberno central ou as súas viaxes institucionais.
Igual sorte correron as solicitudes coas que a oposición pretendía que o presidente falase sobre a venda de Novagalicia Banco, a respecto da seguridade na rede ferroviaria tras o accidente de Angrois ou sobre a "ocultación de información" vinculada aos contratos da Xunta con empresas ligadas a Marcial Dorado. Asemade, o titular da Xunta tampouco compareceu para falar sobre a estafa das preferentes ou o plan eólico. Deste xeito, socialistas, Alternativa e Bloque téñense que conformar cos poucos minutos que, cada dúas semanas, conforman a sesión de control.