Feijóo pide evitar as doazóns de empresas a partidos tras admitir o PP 2 millóns en catro anos

Feijóo e Rajoy, nun mitin das autonómicas de 2012 CC-BY-SA PPdeG

O financiamento do PP é cuestionado política, mediática e xudicialmente dende hai anos. O caso Gürtel e todas as derivacións da presunta contabilidade B xestionada polo ex tesoureiro do partido, Luis Bárcenas, fan medrar unha incerteza que para o xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz xa non é total, toda vez que xa dá por confirmados aspectos como o pagamento con cartos negros da sede central da organización. Diverentes puntos destas investigacións salpican o PPdeG, toda vez que os papeis de Bárcenas sitúan o partido en Galicia como un dos seus principais recadadores nos anos 90. Xa en 2006, ano no que Alberto Núñez Feijóo accedeu ao liderado, un informe do seu ex xerente, Modesto Fernández, asegura que o PPdeG recadou 2 millóns en doazóns opacas de empresas, case a mesma cantidade que o partido incluíu na súa contabilidade oficial para todo o Estado entre 2009 e 2012. Neste contexto Feijóo vén de instar o conxunto dos partidos políticos a suprimir as doazóns de empresas privada.s

Aínda irado pola negativa do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a asinar con el un pacto bipartito con medidas anticorrupción, o presidente da Xunta defende que o seu partido vai "actuar, con ou sen o PSOE", e que comezará cunha "primeira cousa" que "vou presentar no Parlamento" como "unha cuestión separada". "Ademais de dar maior transparencia", di, impulsará un acordo para que "nas campañas electorais en Galicia non se utilicen fondos de ningunha empresa nin ningunha doazón de ningunha empresa". Non aclara, así e todo, se o PPdeG está disposto a asumir esa nova esixencia se os demais partidos non aceptan subscribir un acordo cos conservadores. Cómpre deixar "fluír" as conversas, di.

Pero, cal sería o impacto real desta medida? Segundo o Consello de Contas, nas últimas eleccións autonómicas estas doazóns foron practicamente inexistentes. Na análise das contas electorais das forzas con representación parlamentaria PP, PSdeG e BNG rexistraron un cero no epígrafe de doazóns de "persoas físícas ou xurídicas" mentres que AGE anotou 650 euros. Nas de 2009, nin populares, nin socialistas nin o Bloque anotaron cantidade ningunha nese epígrafe. 

O Tribunal de Cuentas rexistra 2 millóns en doazóns de empresas ao PP entre 2009 e 2012

Así e todo, os fondos das empresas cara aos partidos non flúen só durante o período estritamente electoral. Nesta liña, unha ollada aos informes do Tribunal de Cuentas dos últimos anos permite coñecer que, só dende 2009, o PP rexistrou nas súas contas de todo o Estado doazóns procedentes de persoas xurídicas por importe de 1,99 millóns de euros. A maior parte destes fondos foron anotados no ano electoral de 2011 (1,4 millóns). Mentres, pola banda do PSOE -non existen datos desagregados do PSdeG no Tribunal- os ingresos de empresas neste período foron de 473.000 euros, a maior parte, case 353.000, tamén no ano das xerais. Paralelamente, no BNG as achegas de persoas xurídicas ascenden a cero euros e, no único dos membros de AGE auditado por Cuentas neste período, IU, o Tribunal rexistra a anotación de 2.000 euros procedentes dunha cooperativa, sen que se especifique o ano en que foi realizada.

"Unha nova época dos partidos políticos en España"

Neste contexto, e malia non achegar ningún destes datos, Feijóo sentencia que, se as demais formacións políticas con representación en Galicia "non recibiron doazóns de ningunha empresa" non terán "problemas en pactalo". Aínda máis, afirma, "non me explico por que non o propuxeron antes". El, asegura, toma a iniciativa "despois de ver o panorama" do "principal partido da oposición", ao que acusa de "poñerse de perfil" ante os problemas da corrupción. Así e todo, coida que "sobre esa decisión", que non afectaría ás arcas centrais dos partidos de dimensión estatal, "pódese construír unha nova época dos partidos políticos en España".

Cancela (PSdeG) advirte que o escenario para os acordos é o Parlamento e non "o despacho" do presidente

Se isto sae adiante, afirma o presidente, todo aquel dirixente que reciba unha doazón dunha empresa saberá "perfectamente que é para el" e que "nada ten que ver "co seu partido. "Se alguén, despois de acordar esta cuestión, recibe unha doazón sabendo que os partidos non poden aceptalas, é evidente que esa doazón é para el" e sobre el "caerá o peso ético e moral" e o "funcionamento democrático de Galicia". Neste escenario a secretaria de organización do PSdeG, Pilar Cancela, advertiu de que o seu partido non vai chegar a pactos co PP cando a Feijóo "lle interese". A "rexeneración democrática", di, vai alén de "dúas ou tres medidas" e ademais, para abordala, "está o Parlamento" e non "o despacho" presidencial.

Feijóo e Rajoy, nun mitin das autonómicas de 2012 CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.