O presidente da Xunta de Galicia vén de facilitar o Nadal. Fíxoo, polo momento, como presidente do PPdeG nun vídeo no que asegura que "neste 2014, por fin volveron algunhas palabras" ao país. E a continuación enuméranse vinte verbas que, segundo o xefe do Executivo galego, regresaron á sociedade galega e que foron sacadas de diferentes discursos protagonizados por el mesmo.
Feijóo cre que no 2014 "por fin volveron algunhas palabras" a Galicia e inclúe "emprego, recuperación, sanidade, industria e investigación"
"Autoestima, optimismo, emprego, recuperación, tecnoloxía, turismo, sanidade, coñecemento, igualdade, benestar, cooperación, automoción, irmandade, rigor, oportunidade, exportacións, compromiso, industria, investigación e naval". Vinte palabras que, segundo Feijóo, xa regresaron a Galicia. "Neste 2015, traballaremos para que estean presentes con maior intensidade, en Galicia e nos fogares. Feliz Nadal e próspero aninovo.", finaliza o presidente da Xunta.
Unha ollada a diferentes datos abonda para comprobar que a maioría das palabras ás que se refire Feijóo ou non regresaron ou están volvendo cun ritmo máis que precario. Un repaso a algunhas delas descóbrennos unha realidade algo diferente á que pinta o Goberno galego e o partido que o sustenta.
AUTOESTIMA. Se hai algo do que poden presumir os galegos é de contar cun idioma propio. Unha lingua que esmorece a cada paso e que se ve afectada pola discutida política lingüística que leva a cabo a Xunta de Galicia. A última enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso do galego revela que as persoas que utilizan o idioma do país na súa vida diaria descenderon 13 puntos en dez anos. Pero o Executivo celebra o incremento da poboación bilingüe.
Feijóo presume da "autoestima", mentres os galegos son cada vez menos e o uso da lingua propia descende sen remedio
Ademais, os datos confirman a preocupación polo descenso de falantes entre a mocidade. Tres de cada catro rapaces e rapazas de menos de 15 anos é castelanfalante, o mesmo de dúas de cada tres persoas entre 15 e 29 anos. Xa que logo, o galego xa só é maioritario entre os maiores de 50 anos.
Se falamos da poboación galega, Galicia volveu liderar a perda de poboación no Estado nas últimas estatísticas. O país perdeu máis de 6.100 habitantes no primeiro semestre deste ano 2014 e volve encabezar a lista con peor saldo vexetativo. Tamén presenta unha das taxas máis baixas de fecundidade e é unha das autonomías onde a maternidade chega máis tarde (32,3 anos). Menos galegos e menos galego. E menos autoestima.
OPTIMISMO. Segundo os últimos datos do IGE, seis de cada dez familias seguen chegando "con dificultades" a final de mes en Galicia. Quen máis problemas atopa para subsistir son os fogares monoparentais, entre os que tres de cada catro se atopan nesta situación. Os indicadores melloraron lixeiramente, pero tres de cada dez persoas asumiron novas medidas de aforro, ao tempo que pasan do 7% ao 11% as familias "con moitas dificultades".
De igual xeito, reduciuse o número de familias que adoptaron medidas para recortar gastos. Por exemplo, aqueles que nos últimos meses cambiaron os seus hábitos de compra mercando marcas brancas ou produtos en oferta, son o 28,13% cando hai un ano superaban o 30% e en 2010 chegaron ao 40% do total. En termos semellantes evolucionou a porcentaxe de familias que recortaron gastos e roupa ou transporte, tamén por debaixo do trinta por cento (28,7%). Porén, a realidade é que case tres de cada dez familias realizaron nos últimos meses novos recortes de gastos. Para eles e elas a crise non escampou. De optimismo, nada de nada.
EMPREGO E RECUPERACIÓN. Difícil manter que o emprego volveu aos fogares galegos. Polo menos aos dos 248.362 desempregados cos que conta Galicia segundo os últimos datos dos servizos públicos de emprego. No pasado mes de novembro, o paro baixou no conxunto do Estado pero subiu no país, que foi a segunda comunidade autónoma onde máis se incrementou o desemprego.
Así, en Galicia hai 4.588 persoas máis rexistradas nos servizos públicos de emprego (+1,9%), quedando a cifra total nos case 250.000 parados, un 8,2% e 22.222 menos que hai un ano. O de novembro foi o terceiro ascenso consecutivo do paro no país, o que deixa xa moi lonxe aqueles datos que fixeron que a autonomía liderase a caída do desemprego no Estado no pasado mes de agosto. Foi un espellismo provocado polas contratacións estivais e a campaña de verán. O desemprego volveu subir en setembro en 1.264 persoas e noutras 5.841 en outubro. En novembro, tan só Illes Balears rexistrou un peor dato, con case 9.000 rexistrados máis nas oficinas de emprego.
O presidente da Xunta fala de "emprego" e "recuperación" con 250.000 parados e 13.000 emigrantes en seis meses de 2014
O dato foi aínda peor se temos en conta que a afiliación á Seguridade Social en Galicia baixou no mes de novembro en 4.100 persoas (-0,44%), polo que o total de afiliados situouse en 928.660 traballadores. En relación co mesmo mes do ano anterior, a cifra aumentou en 11.900 persoas. É este dato interanual o único positivo, xa que as cifras do mes de novembro deixaron claro o empeoramento do mercado laboral en Galicia, que mesmo racha coa feble e precaria tendencia positiva no conxunto de España.
E iso sen ter en conta a emigración, que reflicte a cara máis dura da situación laboral en Galicia. A publicitadísima "senda da recuperación" non chegou aos ouvidos de, cando menos, 12.620 persoas. Tampouco as aseveracións refereridas a que Galicia é dos primeiros territorios do Estado en saír da crise económica. Iso se deduce dos datos migratorios publicados hai dúas semanas polo Instituto Nacional de Estatística (INE), os cales acreditan que esa cifra de homes e mulleres, case 13.000, abandonaron o país en dirección a outros puntos do Estado ou do mundo no primeiro semestre deste 2014. Dende o inicio da crise a cifra aproxímase xa ás 160.000 persoas.
SANIDADE. As manifestacións contra os recortes e as privatizacións na sanidade pública galega, contra o aumento das listas de esperas e contra as precarias condicións dos seus traballadores son constantes.Un completo informe de SOS Sanidade Pública destaca que entre 2009 e 2014 destinouse un 12,3% menos de orzamento para o sistema sanitario público e perdéronse máis de 2.000 postos de traballo, "un auténtico ERE no Sergas".
A sanidade pública perdeu un 12,3% do orzamento e máis de 2.000 postos de traballo nos últimos cinco anos
Ademais, levouse a cabo o peche de 275 camas hospitalarias e seguiuse beneficiando a sanidade privada mentres "se vampirizan os fondos do sistema público, provocando tamén a perda de coñecemento, loxística ou mantemento". Segundo este colectivo, neste período de goberno do PP o 48,8% do orzamento foi destinado ao sector privado, mentres que tan só o 7,1% para os centros públicos. Ao tempo, en catro anos a espera cirúrxica media pasou de 71 a 83 días, engadindo así a estas listaxes uns 3.700 pacientes.
BENESTAR. Nos últimos anos, o Goberno galego sacou peito polo incremento dos orzamentos destinados a sufragar a Renda de Integración Social de Galicia. En marcha dende 1992, a RISGA é un subsidio que, admite a propia Xunta, está destinado a procurar a mera "subsistencia" das persoas que "carecen de recursos económicos". A súa contía oscila entre os 399 euros, para persoas que viven soas, e os 601, para unidades de convivencia de cinco ou más persoas. Se ben é certo que a dotación orzamentaria da RISGA acadou cifras récord nos últimos anos non o é menos que o propio funcionamento do subsidio implica un incremento de fondos en función das persoas solicitantes, isto é, das persoas nunha situación económica límite.
O orzamento da RISGA permaneceu practicamente intacto nuns 23 millóns de euros dende as derradeiras contas públicas aprobadas polo bipartito, as de 2009, e ata 2012, cando foi incrementado nun millón de euros. En 2013 o seu incremento foi maior, ata os 32,7 millóns de euros, en 2014 rozou os 40 e en 2015 está previsto que supere os 47. Estas subas non impediron, ademais, que a Consellería de Benestar tivese que realizar modificacións orzamentarias en pleno exercicio por non seren dabondo as contías iniciais.
O PPdeG tamén fala da recuperación do "benestar", cuns 9.000 beneficiarios da Risga e medio millón de galegos en exclusión social
Dende finais dos anos 90 a poboación beneficiaria destas axudas roldou as 4.000 persoas, unha estabilidade que comezou a rachar en 2009, cando se achegaron ás 4.800. Dous anos despois, en 2011, as persoas que precisaban a RISGA para subsistir xa superaban as 5.000, en 2012 quedaron por riba das 6.700 e en 2013 produciuse o gran salto, ata as 9.300. As cifras de 2014 e 2015, aínda correspondentes a estimacións da Xunta, falan dun lixeirísimo descenso no presente ano e dun incremento no seguinte, ata as 9.900. A suba, polo tanto, é de arredor do 113% dende o inicio da crise. Un síntoma evidente da falta dun mínimo benestar en milleiros de persoas en Galicia.
Pero non é o único dato. Medio millón de galegos atópase en situación de exclusión social, segundo un informe presentado tamén hai pouco por Cáritas e a Fundación Barrié, no que se advirte do envecellemento da poboación e da necesidade de "atención de urxencia" aos 55.000 fogares galegos (unhas 130.000 persoas) que se atopan en situación de exclusión social severa.
INVESTIGACIÓN. Aquí, unha vez máis, os datos son teimudos. Os máis recentes son o dos orzamentos da Xunta para o ano 2015, presentados hai unhas semanas. A partida dedicada a I+D+i crece, pero de forma mínima, pasando dos 118,4 millóns de euros de 2014 aos 120 millóns, un incremento de apenas o 1,35%. Certo é que o ano anterior o investimento no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica tamén crecera (dende os 114,5 millóns), pero dous anos antes, nos orzamentos para o 2011 este experimentara o seu recorte máis importante, perdendo 20 millóns de euros, que se unían aos 8 millóns perdidos nas contas de 2010. En definitiva, e a pesar das leves subas dos dous últimos anos, o investimento en I+D+i nas contas públicas galegas é hoxe un 15,5% inferior ao de 2009. Seis anos perdidos e en regresión.
Ademais, entidades coma a Confederación de Sociedades Científicas de España teñen denunciado en varias ocasións que, ademais dos recortes sufridos nos orzamentos, tamén hai que falar do elevado grao de non execución dos mesmos, superior ao 40% do total en moitos casos. Case a totalidade dos fondos non gastados corresponden a créditos, o que nas partidas aparecen como operacións financeiras, que non se adxudicaron.
INDUSTRIA. Que a situación industrial en Galicia é mala é máis que evidente, pero os datos tampouco enganan. O Índice de Produción Industrial (IPI) diminuíu en Galicia un 7% no mes de outubro con respecto ao mesmo mes de 2013, o que supón a maior caída a nivel estatal despois de Asturias. Son as últimas cifras feitas públicas polo INE, que revelaron tamén que, no que vai de ano, este IPI caeu un 4,6%, situándose o país como a segunda autonomía con maior caída, só por detrás de Asturias.
Galicia sofre a maior caída a nivel estatal en produción industrial despois de Asturias
Xa en particular, a situación dalgunhas empresas é alarmante. A última, a de Alcoa e os seus traballadores, pendentes dunha nova poxa de interrompibilidade para evitar o peche da factoría da Coruña, que suporía a perda de 400 empregos directos e máis do dobre indirectos.
NAVAL E AUTOMOCIÓN. A menos de dúas semanas de que finalice o veto á UE sobre a construción naval civil, os estaleiros da ría de Ferrol recibiron unha boa nova, coa adxudicación do seu primeiro gran proxecto fóra do naval. Iberdrola adxudicou a Navantia o contrato de compoñentes de eólica mariña para un parque alemán, con 700 traballadores implicados entre Fene e Puerto Real e cun contrato que ascende a 160 millóns.
Foi unha das poucas boas novas recibidas por un sector que perdeu milleiros de empregos nos últimos anos, que segue á espera de máis carga de traballo e que agarda por un dique flotante que nunca chega. Mentres, os contratos de Pemex -positivos- quedaron en moito menos do que desde a Xunta se promocionaba.
Na automoción, tamén Feijóo presume. A planta viguesa de PSA Citroën adxudicouse a nova furgoneta do grupo, a K-9, tal e como se encargou de anunciar o Goberno galego. Foi unha boa nova que tivo unha condición nada positiva: o reaxuste salarial e os recorte que tivo que sufrir o cadro de persoal e que provocou importantes protestas dos sindicatos, contrarios a un acordo so sindicato maioritario SIT coa dirección da empresa e co rexeitamento do resto de centrais (UGT, CCOO, CIG e CUT).
IGUALDADE. Tamén falou Feijóo de "igualdade" no vídeo no que felicita o Nadal. Só un dato dos múltiples que hai sobre a situación de desigualdade das mulleres: As mulleres galegas cobran, de media, un 23% menos que os homes nos seus postos de traballo por conta allea. Ademais, as novas empresas creadas no país teñen, no 70% dos casos, fundadores masculinos. Isto sucede nun contexto no que as cifras oficiais de poboación indican que en Galicia viven máis mulleres ca homes, no que o alumnado dos estudos superiores é maioritariamente feminino e no que as estudantes protagonizan os galardóns de excelencia académica. Malia estas circunstancias nos postos de traballo mellor pagados do país a presenza de homes practicamente duplica á de mulleres, mentres que nos postos de traballo máis precarios o persoal feminino é maioría.