A finais do pasado febreiro o Tribunal Supremo ratificaba a "nulidade de pleno dereito" da autorización do Goberno de Fraga en funcións para a instalación dunha piscifactoría de Pescanova en Touriñán. O alto tribunal, como xa fixera o TSXG, certificaba ademais a legalidade da paralización das obras, ditaminada polo bipartito en 2006, e a obriga do Goberno galego de indemnizar con máis dun millón de euros á multinacional, contía contra a que a actual Xunta non argumentou durante o procedemento xudicial, segundo a sentenza. No primeiro pleno tras o ditame o presidente da Xunta, vicepresidente do Executivo que autorizou a instalación, foi cuestionado ao respecto, se ben Alberto Núñez Feijóo optou por non responder.
No marco da sesión de control ao presidente o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, censuraba o que considera "políticas" do PP "ao servizo das súas empresas amigas a costa de arruinar este país". Hai un ano, lembraba Jorquera, "acusámolo de fomentar a venda de Galiza por parcelas e hoxe, volvo facelo". "O Tribunal Supremo -evidencia o parlamentario do Bloque- sentenciou que o plan acuícola do Goberno Fraga era nulo de pleno dereito, pero vostede preferiu que a Xunta non contestase" ás esixencias da compañía, "aínda que custase máis dun millón de euros" ao erario.
Jorquera: "O Supremo sentenciou que o plan acuícola era nulo de pleno dereito e vostede preferiu que a Xunta non contestase"
Na súa quenda de resposta o xefe do Executivo preferiu non retrucar á petición de explicacións de Jorquera a respecto da multinacional do peixe, cuxa presenza foi habitual nos argumentarios do PP durante a súa etapa na oposición. Si respondeu, no entanto, ás acusacións de permitir a "venda a prezo de ganga de Barreras a Pemex" para que, "un ano despois", a petroleira mexicana "anuncie que retira a carga de traballo".
Neste contexto Feijóo aproveitou a presenza de estudantes "de orixe mexicana" na tribuna parlamentaria reservada ao público para lamentar que o parlamentario nacionalista "teña interese en falar mal de México e calumniar a Pemex" ao "dicir que vén facer negocios aquí e que vén incumprir os seus compromisos". "Se por vostede fose, non habería ningún barco de Pemex en Galicia", mantén, mentres a propia compañía anuncia unha "revisión profunda" dos seus investimentos no país.
Defensa da venda dos restos das caixas
O presidente da Xunta retrucou, igualmente, aos reproches ao respecto do "auténtico pelotazo" no que, para Jorquera, tornou a venda dos restos das antigas caixas a Banesco, ata o punto de que "nun ano os beneficios "de Abanca xa "superan o prezo oficial de compra". "Para vostede era pecado converter Abanca nun banco público, pero non tivo reparo en que un banqueiro venezolano fixese o negocio do século", subliña.
O presidente defende a inxección de cartos públicos nas antigas caixas pero non para "facer de banqueiros"
Tamén o socialista José Luis Méndez Romeu pediu contas ao respecto. "Pasou de defender a galeguidade" da fusión de Caixanova e Caixa Galicia a facer o propio coa "venda a capital foráneo, pasando polo engano masivo a unha morea de investidores que pensaban que vostede tiña un compromiso serio". Do mesmo xeito, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, ve ao presidente como "claro responsable, en termos económicos, da estafa de Novagalicia Banco" ao "cometer dous grandes erros: a fusión e facer negocios con Novagalicia Banco".
"De que se nos acusa?", pregúntase Feijóo. "De defender por riba de calquera crítica a coherencia de que se mantivese unha entidade en Galicia con máis de 4.500 postos de traballo directos?", respóndese. "Defendemos Galicia antes e seguimos defendendo Galicia agora", mantén, por iso estiveron a favor da inxección de recursos públicos nas entidades para así asegurar os postos de traballo e os fondos das persoas depositantes. Para o que nunca defenderá a achega de diñeiro público, matiza, é "para facer de banqueiros", que é ao que ao seu xuízo suporía impulsar unha banca pública.