De Lara rexistra Monbús e detén o seu propietario, Raúl López

Sede de Monbús, no polígono da Louzaneta de Lugo © Google

Enésimo terremoto xudicial en Galicia con epicentro en Lugo. A titular do xulgado de instrución número 1 da capital lucense, Pilar de Lara, lanzou o pasado mércores unha operación dirixida á empresa de transportes Monbús que, segundo transcendeu na mañá deste xoves, implicou o precinto e rexistro da sede matriz da empresa e, antes, a detención en Sanxenxo do seu propietario, Raúl López, quen ademais exerce como presidente do club de baloncesto Obradoiro, en Santiago. Tras permanecer no cuartel da Garda Civil en Lugo López foi conducido polos axentes, igualmente coa condición de detido, a unha sucursal bancaria da cidade. Ao saír da oficina manifestouse "tranquilo de todo", segundo recollen os medios presentes alí.

O empresario foi conducido a unha entidade bancaria de Lugo e di estar "tranquilo"

Fontes consultadas por este diario indican que a investigación da maxistrada De Lara sobre a empresa de Raúl López xorde a raíz da Operación Pokémon, que ela mesma instrúe, se ben os datos obtidos deron lugar a unha nova operación, xa denominada Cóndor. A causa, sobre a que xa pesa o segredo, investigaría posibles delitos de malversación. branqueo de capitais e tráfico de influencias, entre outros, e prevese que traia consigo novas detencións. Así, segundo as mesmas fontes, nos rexistros ás empresas de López os axentes incautaron xa en torno a un millón de euros que, gardados en sacos, presuntamente, pertencerían a unha contabilidade 'B'. Ademais da de López inicialmente practicáronse catro detencións máis, unha delas a do xenro do empreario, que na tarde do xoves ascenderon a dez, catro delas en Madrid.

Os rexistros desenvólvense en Lugo e mais en Santiago; os axentes atoparon un millón de euros en sacos

O desenvolvemento da operación está pendente da información que poidan recabar os axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira tanto na sede de Monbús como noutros emprazamentos, entre eles, segundo as mesmas fontes, o Palacio de Congresos de Galicia, con sede en Santiago, do que Monbús é concesionaria xunto a outras compañías e do que os axentes xa levaron ata catro arquivadores con documentación no seu interior, ademais dun ordenador. Asemade, os rexistros esténdense ás oficinas do Obradoiro no Multiusos Fontes do Sar, sede do equipo e de instalacións deportivas municipais das que sociedades López é concesionario a través da sociedade mixta XADE, participada tamén polo Concello de Santiago.

Mencións no sumario da Pokémon

As mencións a Raúl López e Monbús son diversas na investigación do caso Pokémon, do que segundo as fontes consultadas deriva a operación lanzada este mércores. Nomeadamente, a instrutora do caso dubidou da legalidade da operación de compra de tres autobuses urbanos para o Concello de Santiago, operación cofinanciada con cartos da Unión Europea a través da Consellería de Infraestruturas cando o seu titular era Agustín Hernández, actual alcalde da capital. Esa operación foi un dos motivos que, apenas dous días despois da presentación dos vehículos, en febreiro de 2013, era detido o daquela dedil responsable de Tráfico en Compostela, Albino Vázquez.

De Lara xa investigaba o presunto amaño do contrato de tres buses en Compostela

Do mesmo xeito, De Lara segundo consta na parte do sumario que xa non é segreda e a cuxo contido tivo acceso este dairio, a xuíza investigou tamén o xeito en que se financiou o CAB Obradoiro, que López Preside. Nomeadamente, segundo Vixilancia Aduaneira son feitos "destacados" a "entrega de cartos por parte da empresa Aquagest ao Obradoiro" como contrapartida ao Concello daquela dirixido por Gerardo Conde Roa "para conseguir a prórroga do contrato" do servizo de augas da cidade. Segundo a investigacion este sería un "desvío evidente de fondos a fins que non son os do contrato de Aquagest".

A investigación da Pokémon sospeitou do xeito en que o Concello de Santiago financiou o Obradoiro

Sempre segundo Vixilancia Aduaneira neses anos "realízanse achegas de cartos por Aquagest para empresas suxeridas por autoridades de Santiago". Concretamente, a achega ao Obadoiro produciríase "a iniciativa de Ángel Espadas", xefe de gabinete da Alcaldía con Conde Roa, para "pagar nóminas e xogadores". "Se estaría entregando diñeiro dende o Concello ao club de baloncesto e, para que non quedase constancia deste feito, estaríase realizando a través de facturas", indicáronlle os axentes á xuíza, indicando no mesmo informe que "se trataría de facturas ficticias. Nunha conversa telefónica intervida entre Espadas e o ex concelleiro de Deportes de Santiago, Adrián Varela, estes admiten que as achegas se fixeron "por tras, con facturas".

 

Raúl López (segundo pola esquerda), nun partido do Obradoiro © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.