Un complexo faraónico presentado por un antigo ministro da ditadura como o seu "soño" e para cuxa construción houbo que arrasar un monte. Estaba previsto erguelo nun trienio por pouco máis de 100 millóns de euros e, década e media despois, xa se sepultaron alí máis de 400 millóns de euros públicos, sobrecusto investigado nunha comisión parlamentaria sen consecuencias para os seus responsables. A paralización da construción en tempos de crise, dous gobernos despois, provocou que no centro do recinto haxa dous enormes buracos de incerto destino mentres as súas actividades son financiadas por unha opaca fundación e os custos de mantemento superan os 3 millóns de euros ao ano. Este retrato da Cidade da Cultura ben podería ser considerado, máis ou menos ironicamente, como unha mostra de 'marca España', na medida en que aglutinou boa parte das malas prácticas dos gobernos e das escuras relacións coas empresas construtoras que acadaron o seu paroxismo nos anos da burbulla. A denominada Marca España foi, precisamente, o que se promocionou este luns no compostelán monte Gaiás.
Nun dos edificios deseñados por Peter Eisenman, eses que foron recubertos por pedra que chegou a vir do Brasil e en cuxas contratacións non faltaron os nomes ligados a dirixentes e familiares do PP, a Xunta e o Goberno central citaron un bo número de empresarios para participaren na xornada Marca España: Un esfuerzo conjunto hacia una industria innovadora y global. No que noutrora ía ser edificio de servizos centrais da Cidade da Cultura e que, tras a enésima reformulación, é coñecido como Centro de Innovación Cultural, o "alto comisionado para a Marca España", Carlos Espinosa de los Monteros, o presidente da Xunta e os ministros de Fomento e Exteriores formularon un optimista panorama económico no que, obviamente, non houbo mención ningunha á xénese do complexo que os acollía.
O presidente da Xunta e dous ministros promocionaron a 'marca' no inconcluso complexo que Fraga presentou como un "soño" e que xa custou máis de 400 millóns de euros
Antes do inicio da xornada, que se dividiu en mesas temáticas sobre a "fábrica do futuro", "sectores estratéxicos", "loxística e infraestruturas" e "talento" a ministra de Fomento, Ana Pastor, pronunciou un novo discurso con matices preelectorais no que non aforrou eloxios á xestión do Goberno do que forma parte. O seu departamento, asegura, tivo "ao longo desta lexislatura moi presente" a aposta por "contribuír ao crecemento económico e á proxección ao exterior de España a través das infraestruturas".
"Os feitos demostran que España vai polo bo camiño", proclama Pastor, quen asegura que os seus investimentos sempre teñen "retorno social e económico". Entre eloxios ao "papel" do Camiño de Santiago e das empresas galegas como "grandes activos da Marca España a titular de Fomento presentou o AVE como un dos "grandes fitos" do Ministerio en Galicia. No mesmo recinto en que as vítimas do Alvia clamaban hai poucos meses por unha comisión de investigación que seguen a esixir Pastor reitera: "As infraestruturas de transporte tamén fan marca España".
Feijóo eloxia a 'marca' como "aventura colectiva"
O discurso do presidente da Xunta non foi menos entusiasta que o da titular de Fomento. Acompañado por Espinosa de los Monteros e polo ministro de Exteriores, José Manuel García-Margallo, Alberto Núñez Feijóo presentou a "Marca España como unha aventura colectiva con obxectivos compartidos na que tamén está Galicia, unha Galicia que sabe traballar". Segundo Feijóo "piares económicos como o téxtil, a automoción ou o naval" están "apuntalados" polo "prestixio gañado polos técnicos e profesionais galegos, a estabilidade institucional e social e tamén a reputación que foron forxando os emigrantes, que alí onde chegaron implantaron unha nova idea do español". O "traballo, honradez e sentido do deber" da emigración galega forxou, segundo Feijóo, "o que hoxe se coñece como Marca España".
Feijóo asegura agora que "o porto exterior da Coruña forma xunto co de Ferrol un dos grandes portos exteriores" de Europa
Neste escenario, o titular do Executivo galego debullou ante o auditorio, formado esencialmente por empresariado, razóns polas que Galicia está preparada para ser "unha das plataformas de entrada e saída de Europa". Entre eles figuran proxectos aínda inconclusos, como a Cidade da Cultura, e cuxa construción tampouco estivo exenta de polémica. Así, o presidente explica que "o porto exterior da Coruña forma xunto co de Ferrol un dos grandes portos exteriores do continente europeo" e "a eles súmanse unha ampla rede de autoestradas [que non chegan a ningún dos dous portos] que nos unen a España e Portugal por catro vías diferentes e a alta velocidade ferroviaria", que "pronto conectará Galicia con Madrid".