A Marea Atlántica saca músculo nun ateigado acto que clama pola "unidade popular"

Acto da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica

A Marea Atlántica sacou músculo e mostrou forza este martes na Coruña. Encheu o Palexco pero tanta xente ou máis como a que había dentra quedou fóra. A presenza de Pablo Iglesias e o apoio á confluencia a través da presenza de EU, Anova, EQUO e o resto de partidos ateigou un acto no que se clamou pola “unidade popular” e mesmo por outra “marea galega” para botar o PP da Xunta.

Enormes ringleiras agardaron a entrada e moita xente quedou fóra ao quedar sen sitio para o acto

“A Marea será o principio do fin do PP gobernando en Galicia”, asegurou o líder de Podemos, que apostou pola plataforma cidadá que “chega do Atlántico e vai cambiar as cousas e botar os corruptos”. “Precisamos que a marea medre, leve os mafiosos, os pokémon, os corruptos... Que medre máis forte e leve tamén os amigos dos narcos”, insistiu, ao identificar a Marea Atlántica como “a representación do cambio en Galiza”. “Non teñen por que mandar os mesmos todo o tempo”, asegurou, tras insistir en que “a forza non son os partidos que a apoian, senón a xente”.

Amosou fortaleza a Marea, cunhas 2.000 persoas no acto e con ringleiras de xente que agardou desde máis de hora e media antes para entrar. As filas chegaban desde o Palexco ata o Obelisco, percorrendo case medio quilómetro polos Cantóns da Coruña. As previsións sobrepasaron mesmo á organización. Tanta xente quedou fóra -outros 2.000 cando menos- que os participantes no mitin tiveron que se desculpar en forma de aplausos desde o balcón do edificio. As filas molestaron mesmo ao presidente da Deputación da Coruña, que nas redes sociais acusaba a Podemos de tomar a xente "por parva" e "obrigar a facer cola e entrar de un en un para parecer máis"

"A Marea será o principio do fin do PP gobernando en Galicia", dixo Pablo Iglesias

Precisaba a Marea visualizar e explicitar o apoio e a confluencia na súa candidatura pola que apostaron varias formacións políticas. As enquisas danlle xa a posibilidade de liderar a alternativa ao PP na Coruña. E Pablo Iglesias, xunto a Yolanda Díaz ou Antón Sánchez, pediron o voto para a plataforma cidadá para “gobernar a favor da xente e non para os corruptos”. “Hai que botalos xa porque están roubando o que construíron os nosos país co seu esforzo”, engadiu o líder de Podemos, que reclamou un debate a Rajoy, ao que chamou "covarde". “Deixe de agocharse como unha galiña, debata. Xa está ben de roldas de prensa con plasmas”, pediu.

Entre berros de Sí, pódese! e Hai marea! e entre milleiros de puntos azuis que erguidos reclamaban unha “nova primavera na Coruña”, Xulio Ferreiro, candidato da Marea á alcaldía, levantou mesmo máis aplausos que Iglesias. Reivindicou a “unidade popular” e ter conseguido na Coruña “aquilo que se reclamaba nas prazas”. "O día 24 de maio, todos nós, esta Marea, imos facer o que nos toca facer: expulsar os mordomos do 1% do Concello da Coruña. A rebelión democrática é unha necesidade", insistiu, tras identificar o "caos" do que fala o PP "coa corrupción, o desmantelamento da sanidade e dos servizos públicos, ou o paro". "Os señores do chapapote e da guerra son agora os da desigualdade", manifestou. "A corrupción descarada da Gürtel, na Coruña chámase Pokémon... E o espolio de Bankia, aquí chámase Caixa Galicia", insistiu. 

Xulio Ferreiro reivindicou a confluencia e ter conseguido na Coruña "aquilo que se reclamaba nas prazas"

Tanto el como todos os participantes insistiron en gabar a confluencia conseguida. E Pablo Iglesias advertiu a Feijóo: "Podemos, ou como coño se chame en cada sitio, participa na unidade popular da Marea, porque hai dúas maneiras de gobernar: seguir igual ou cambiar", dixo, logo de reivindicar "chamar os ladróns, ladróns; e aos narcos, narcos". A amizade do presidente da Xunta con Marcial Dorado foi algún dos temas máis recorrido polo líder madrileño. 

Pola súa banda, Rosa Martínez, covoceira de Equo, reivindicou unha Coruña "que vai poñer os alicerces do que ten que ser a participación que desexamos" e reclamou ter en conta "a ecoloxía e o futuro sostible".

Antón Sánchez reivindicou o nacionalismo de Anova, pero tamén a unidade "contra os inimigos"

Tamén Antón Sánchez, membro de Anova e deputado de AGE, foi un dos máis aplaudidos no mitin tras advertir a Negreira, alcalde da Coruña. “Pon o flotador que vén a Marea”, dixo para chamar á “unidade” porque “cando veñen a por ti, non che piden o carné”. “Somos nacionalistas”, dixo en referencia á súa formación, pero insistiu en reclamar “unión” contra “os inimigos que son os da Pokémon, os da Zeta, os da Gürtel ou os da Púnica”. “Os mesmos que gastan máis de 50 millóns nas obras da Mariña e do Parrote para dárllelos a unha empresa amiga que financia ilegalmente o PP”, dixo, antes de anunciar que, desde agora, os populares “van suar frío”.

Yolanda Díaz chamou a "constituír tamén a Marea Galega" á maneira da unidade da Marea Atlántica

No mesmo sentido se expresou Yolanda Díaz, líder de EU en Galicia e vicevoceira de AGE. Dixo ir á Coruña a "defender a candidatura de Xulio Ferreiro, pero tamén a de Ada Colau, Manuela Carmena, a de Martiño Noriega... E todas as de unidade popular". "A Marea é un exemplo de xenerosidade porque a xente que non ten para comer non entende das nosas diferenzas", dixo, tras chamar a "constituír a Marea Galega". "Porque somos quen e somos máis. Ou acaso non somos capaces de facer un programa de mínimos, priorizar rescatar as persoas ou poñer no centro de actuación o traballo digno?", preguntouse, advertindo que loitará para lograr unha unidade ampla tamén en Galicia, á maneira da Marea Atlántica que todos puxeron como exemplo nun acto que rematou con alusións á Grândola, Vila Morena e á "rebelión democrática": "O pobo é quen máis ordena"

Público no acto da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica
Público no acto da Marea Atlántica na Coruña Dominio Público @larahace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.