Nin unha campaña sen (promesa de) carga de traballo para o naval

Vixilia polo naval en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete Ferrol

Nova campaña, nova promesa. Este venres, xusto na metade da carreira electoral das vindeiras eleccións municipais, dous dos territorios do Estado máis castigados polo desemprego, Ferrol e Cádiz, recibiron senllas mensaxes dende a empresa pública pola que levan lustros a agardar, Navantia. No quinto mes tras o levantamento do veto á construción naval civil dos estaleiros ferroláns Navantia anuncia que vén de asinar un acordo con Ondimar, unha sociedade do grupo Ibaizabal, no que senta as bases para contratar a construción de catro petroleiros. O contrato, di Navantia nun comunicado, asinarase o vindeiro mes e a construción comezaría, como moi cedo, en setembro. Pero o anuncio chega, como adoito, en plena contenda electoral.

Escasos días despois de que o naval ferrolán saíse de novo á rúa para esixir carga de traballo e censurar, precisamente, a abundancia de promesas incumpridas Navantia explica que vén de confirmar a "carta de intencións" asinada e publicitada o pasado marzo. O acordo, afirman, inclúe cato petroleiros que poderían chegar a ser seis, todos a "prezos internacionais para este tipo de buques", cunhas 725.000 horas de traballo cada un. En xuño, despois dos comicios, asinarase o contrato e, polo tanto, debería ser a partir desas datas cando se coñecese que parte da encarga lle toca á ría ferrolá e que parte lle corresponde a Cádiz.

Navantia anuncia agora que en xuño asinará un contrato para construír petroleiros en Ferrol e Cádiz

Sexa como for, o certo é que o sector naval xa ten a súa tradicional promesa de traballo en campaña, que o presidente da Xunta acolleu con entusiasmo ante a prensa -"volvemos facer petroleiros, é unha excelente noticia", dixo en Burela- e que causou unha mestura de esperanza e indignación no persoal do estaleiro. "É unha vergoña, porque sae tras a presión cidadá e en plena campaña electoral", di Ignacio Naveiras, presidente do comité de empresa de Navantia, quen atribúe este "anuncio do anuncio" á mestura de protestas e eleccións e apela, asemade, á prudencia. "Veremos canto se fará aquí e canto, alí", di, en referencia ao reparto entre Andalucía e Galicia.

Outras campañas, outras promesas

As promesas ao naval galego son, en calquera caso, un clásico das campañas, cando menos dende os tempos de José María Aznar. Así, despois de prorrogar o veto á construción naval civil en Fene de 1997 a 2008, Aznar prometeu xestionar na UE o levantamento do veto cadrando coa catástrofe do Prestige. Asemade, o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero incluíu unha nova extensión do veto, neste caso ata 2015, no paquete de medidas para evitar a quebra definitiva dos estaleiros públicos, e despois tamén prometeu erguelo. Algo semellante aconteceu xa con Rajoy e Feijóo ao mando. Así, por exemplo, na campaña das eleccións europeas de 2009, apenas dous meses despois de converterse en presidente da Xunta, Feijóo aseguraba que os populares lograrían un levantamento que non se produciu ata xaneiro deste ano, cando tocaba.

Na precampaña de 2011 a Xunta prometeu un plan para "reactivar as instalacións de Navantia"

Outra grandilocuente promesa para o naval chegou en marzo de 2011. Na súa rolda por todas as cidades galegas Feijóo organizou unha xuntanza do Consello da Xunta en Ferrol e, a dous meses das eleccións municipais, anunciou que o seu goberno ía formular unha "proposta estratéxica para reactivar as instalacións de Navantia con proxectos industriais". "Se o Goberno de España -daquela aínda dirixido polo PSOE- non fai unha proposta, a Xunta presentará a súa", advertía. "Lamentablemente non obtivemos o apoio do Goberno central para levantar o veto", dixo naquela ocasión.

O 'culebrón' de Pemex

Pero o gran anuncio para o naval en tempo de eleccións foi, sen dúbida, o de 2012. Tras meses de anuncios máis ou menos inconcretos o 19 de setembro, a apenas un mes dos comicios ao Parlamento de Galicia, a Xunta convocaba unha comparecencia urxente do presidente que se retransmitiu ao vivo pola TVG. Alí, ao carón de directivos da petroleira mexicana Pemex, anunciaba o acordo para a construción dos dous xa célebres 'floteis' que, afirmaba, traerían consigo uns 3.000 postos de traballo. Poucos días despois Pemex aclaraba que non se asinara contrato ningún e os seus directivos matizaban que os estaleiros galegos, tanto os públicos como os privados, conseguirían os contratos se gañaban un concurso convocado a tal efecto.

Un mes antes das eleccións galegas de 2012 Feijóo anunciou os célebres contratos de Pémex

Pasaron as eleccións e sucedéronse os acontecementos, entre eles, a compra do estaleiro vigués Barreras por parte da propia Pémex, e case ano e medio despois da promesa, chegaron os floteis. Pero os 3.000 empregos prometidos eran agora uns 1.000, uns 400 en Navantia. Ademais, non había noticia do resto dos barcos que se anunciaran. O inicio dos traballos no estaleiro público cadrou, casualmente, con outra campaña electoral, a das europeas de 2014. Antes do inicio da campaña Feijóo anunciara un novo barco para o mes de setembro.

Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.