Somos de esquerdas e non nos entendemos

Pactos entre distintas forzas apartaron do poder municipal ao PP, pero nalgúns lugares non foi tan doado © Sol Álvarez

Coñecidas son as referencias do Partido Popular aos "pactos de perdedores" e as súas apelacións a que a lista máis votada debería ser a que ostentase a alcaldía. Este mesmo venres a formación mesmo difundiu un duro comunicado no que cualificaba de "mesquiños" os acordos que outras formacións acadaran para sumar unha maioría de goberno, e un día despois era o propio Mariano Rajoy quen a través de twitter reiteraba esa argumentación definindo como "excéntricos e sectarios" os pactos que evitan alcaldías do PP. Os populares semellan obviar que os alcaldes non se elixen en votación directa, senón que corresponde aos concelleiros elixidos buscar entre eles unha posición maioritaria. 

En calquera caso, e por mal que lle pareza ao PP, o certo é que nos concellos da maior parte das comunidades autónomas, cando os populares non acadan unha maioría absoluta, o habitual é que as restantes formacións -de esquerda, cidadanistas, ecoloxistas, nacionalistas ou de centro- busquen un acordo para entre elas investir un alcalde ou alcaldesa. En Galicia, en concreto, foi así na gran maioría das corporacións nas que isto era posible. Porén, houbo moitas localidades nas que ao longo das semanas que seguiron ao 24M foi moi difícil chegar a acordos entre PSdeG-PSOE, BNG, mareas, CxG e outras formacións e, de feito, Foz, Mugardos, Ramirás, Redondela ou Punxín contan hoxe con rexedores do Partido Popular a pesar de que era posible construír unha maioría alternativa de signo progresista.

Foz, Mugardos, Ramirás, Redondela ou Punxín contan hoxe con rexedores do Partido Popular a pesar de que era posible construír unha maioría alternativa de signo progresista

Noutras localidades, coma Muros, Oia, Ourol, O Porriño, Viana do Bolo ou Sarria. esta posibilidade evitouse no último momento, ás veces mesmo de forma sorprendente na mesma mañá do sábado, cando se constituíron as novas corporacións. Sobre o papel pode ser doado sinalar a estrañeza por non ter chegado a un acordo entre formacións que -a priori- se atopan moito máis próximas entre si que co Partido Popular, aínda que dende logo cada localidade ten as súas propias dinámicas, e en cada lugar puido haber circunstancias concretas -máis pegadas á xestión municipal e mesmo ao persoal- que explican o resultado final.

En Mugardos o PP accedeu á alcaldía, ao decidir Iniciativa Cidadá de Mugardos (ICM) non apoiar a candidata de EU, a máis votada das forzas de esquerda, tralo resultado dunha polémica consulta aberta na que simpatizantes conservadores puideron decidir o resultado final en contra do acordo. Así, a pesar de que na sesión de investidura Pilar Díaz (EU) recibiu seis votos (os 3 da súa formación, os 2 do BNG e o do PSdeG-PSOE) e Juan Domingo de Deus (PP) tan só catro e Javier Dieste (ICM) tres, o popular accedeu a alcaldía ao non haber maiorías absoluta e ser a súa formación a máis votada.

En Foz o PP mantén a alcaldía a pesar de que o seu candidato, Jorge Castiñeira, obtivo o 24M só 5 dos 13 edís en xogo; a falta de entendemento entre PSdeG-PSOE (3), BNG (2) e Foz Plataforma de Futuro (3) foi determinante. PSdeG e FPF non conseguiron acordar cal das dúas forzas debía ocupar a alcaldía (aínda que os socialistas recibiran máis votos) e o candidato BNG chegou a ofrecerse como rexedor, para evitar un goberno popular.

Tamén continúa o dominio conservador en Ramirás, onde o PP perdeu unha maioría absoluta que mantiña dende 1991. Os 4 edís acadados polo PSdeG-PSOE, xunto co concelleiro obtido polo BNG superaban os catro que mantiñan os populares, e podía pensarse nun cambio de goberno. Porén, o BNG votou polo seu candidato, impedindo a chegada á alcaldía da candidata socialista, que fora vetada pola formación nacionalista.

Tampouco houbo acordo en Punxín, onde o PP acadou a alcaldía con 3 dos 7 edís. PSdeG-PSOE e Cambio Intelixente (unha candidatura cidadá nacida a partir do conflito que viviu a localidade en relación co seu servizo de augas) obtiveron dous concelleiros cada un, pero na investidura votaron polos seus respectivos candidatos, facilitando o goberno popular.

En Redondela, o PP accede á alcaldía con 9 concelleiros, ao non haber acordo entre PSdeG-PSOE (6), Agrupación de Electores de Redondela (4), BNG (1) e Redondela Pode (1). Neste caso non foi unha sorpresa; AER manifestara xa semanas atrás que non apoiaría o candidato socialista, ao tempo que facía chamamentos ao resto de forzas para conformar unha maioría alternativa ao PP. AER, BNG e Pode igualaban en edís ao PSdeG-PSOE e superábano en votos. O ambiente entre o PSdeG e AER foi crispándose co paso dos días, chegando a acusar os socialistas a membros de AER de recibir "favores" da Deputación.

Lonxe estivo o acordo, igualmente, en Padrón, onde o PP acadou a alcaldía con 5 dos 13 edís. Os outros oito repartíronse entre seis forzas, nunha corporación moi fragmentada, e na sesión de investidura cada formación votou por si mesma. PGD, PSOE, AxP e CIPa chegaran a un acordo, que sumaba seis edís, para o que necesitaban un voto máis. Porén, o BNG negouse a participar neste pacto.

 

Acordo no último momento

Había algunhas localidades nas que nas semanas posteriores ao 24M houbo igualmente moitos obstáculos, e nas que ata o último momento se mantivo a dúbida sobre se ía ser posible un goberno alternativo ao PP. Concellos tan importantes coma Cambados, Sarria, Muros ou O Porriño estiveron preto de ser gobernados polo PP, pero finalmente o desenlace foi outro.

Concellos tan importantes coma Cambados, Sarria, Muros ou O Porriño estiveron preto de ser gobernados polo PP, pero finalmente o desenlace foi outro

Sarria ten alcaldesa socialista, despois de que CxG decidise apoiar a súa investidura (xunto co BNG), unha posibilidade que o venres pola tarde aínda non estaba confirmada. Tamén houbo sorpresa en Cambados, onde a pesar de que xa se daba por seguro un goberno do PP, ao fracasar as negociacións entre PSdeG-PSOE, Somos, BNG e Pode, finalmente a socialista Fátima Abal se converteu en rexedora, poñendo fin a 28 anos de alcaldías populares. E o mesmo sucedeu en Muros, onde María Xosé Alfonso (CxG) é a nova alcaldesa, grazas aos votos do PSdeG-PSOE, e a pesar de que nas últimas semanas estas formacións non conseguiran chegar a un acordo; o PP obtivo 4 edís, os mesmos que os socialistas que preferiron apoiar a candidata de Compromiso (3 concelleiros) para evitar un goberno popular. 

Tamén Oia terá unha socialista á fronte do concello, co voto de Converxencia Galega, aínda que a incerteza chegou ata o último día. De igual xeito, o PSdeG-PSOE gobernará no Porriño, grazas ao apoio no último momento dun grupo independente. En Baños de Molgas e Viana do Bolo o BNG accedeu á alcaldía grazas ao voto do PSdeG, despois de 30 anos de gobernos do PP. E en Fene, aínda que nalgún momento pareceu que se podía frustrar o acordo, finalmente o BNG gobernará grazas ao apoio de PSdeG-PSOE e Somos Fene.

Máis estraña foi a resolución en Ourol, onde a pesar de que se anunciara un acordo entre PP e CxG, a número 2 dos populares optou por apoiar o candidato do PSdeG (a formación máis votada), que se converte en alcalde. E aínda máis en Miño, onde os seis concelleiros do PP apoiaron a Ricardo Sánchez (CxG), que o 24M só obtivo un edil, para evitar a alcaldía do PSdeG-PSOE, forza máis votada.

Pactos entre distintas forzas apartaron do poder municipal ao PP, pero nalgúns lugares non foi tan doado © Sol Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.