O "cambalache eólico" que lle veu de volta a Feijóo

Feijóo, xunto a Sánchez Galán, presidente de Iberdrola © Xunta

A sentenza do Tribunal Supremo que ratificou a desfeita cometida pola Xunta de Feijóo coa anulación da repartición eólica do bipartito devolve ás portadas un sector case paralizado desde a volta do PP a San Caetano. O alto tribunal estatal, tal e como adiantou Praza, desestimou o recurso de casación que o Goberno galego impuxera contra a sentenza do TSXG que xa declarara ilegal a suspensión do procedemento de autorización de parques eólicos. A xustiza confirma o ditame do Superior galego e a anulación da decisión adoptada en agosto de 2009 polo daquela conselleiro de Industria, Javier Guerra, de paralizar o procedemento, unha actuación que definira como "ilegal" e pola que a xustiza acusara a Administración autonómica de "desviación de poder" e de crear unha grande "inseguridade xurídica"

A sentenza do Supremo ratifica a ilegalidade da anulación das adxudicacións eólicas do bipartito

Esta "inseguridade xurídica", as posteriores reformas lexislativas do Goberno de Mariano Rajoy e a desaparición das primas ás renovables fixeron esmorecer o sector eólico. En 2010, unha sentenza do TSXG confirmaba a legalidade das adxudicacións do bipartito, en 2012 o mesmo tribunal declaraba "ilegal" a anulación da repartición feita pola Xunta e o Supremo, neste pasado mes de maio, ratificaba a "desviación de poder" cometida pola Administración galega. Pero Feijóo, logo de anular a repartición de megavatios do bipartito -contra a que cargou con extrema dureza durante a campaña electoral de 2009- xa artellara outro plano eólico co que prometía crear uns 14.000 empregos e un investimento de 5.700 millóns. Case nada. 

Uns catro anos despois, en xaneiro de 2014, o presidente presumía de sector logo de autorizar os primeiros 60 megavatios dos 2.600 previstos e cualificaba de "positivo" o balance da súa estratexia para os muíños de vento en Galicia. Polo camiño, varias empresas abandonaban o país e milleiros de postos de emprego -directos e indirectos- vinculados a esta industria desaparecían. Tan só en Ferrolterra, uns 1.500 postos de traballo do sector foron destruídos nos primeiros cinco anos da crise. Gas Natural Fenosa, a principal adxudicataria do concurso eólico de Feijóo, non tardou en anunciar que desistía do 41% da potencia que conseguira no concurso. 

A paralización do sector eólico provocou a fuxida de empresas e a perda de milleiros de empregos

O veredito de economistas e expertos no sector foi demoledor. Manuel Lago aseguraba que "se Feijóo e Javier Guerra non se tivesen cargado o concurso eólico de 2009, cando aínda había primas para renovables e mellores condicións, é moi posible que en Galicia estivesen traballando 10.000 persoas máis na fabricación de aeroxeradores e instalacións". A profesora Rosa María Regueiro, autora d'A propiedade do vento galego, censuraba tamén aquela decisión do Goberno galego. "Seguramente o concurso do bipartito non era perfecto, pero a Xunta de Feijóo anulouno, apareceu unha nova lei, presentáronse recursos e as primas desapareceron", resumía. A patronal eólica foi máis aló e cargou con dureza contra a Administración autonómica, ademais de cualificar a política enerxética do PP de "totalmente improvisada, errática e incoherente".

Nos últimos seis anos, Galicia foi superada en potencia eólica por Andalucía e Castela e León, que multiplicou por seis os megavatios galegos

E Galicia perdeu o liderado. Segundo datos da Asociación Empresarial Eólica (AEA), Castela e León instalou case 2.200 megavatios de potencia nos últimos seis anos, seis veces máis que os instalados no país no mesmo período. En 2014, na comunidade autónoma o incremento limitouse a 14 megavatios cun novo parque eólico. Porque en 2008, o sector eólico galego tiña unha potencia instalada de case 3.000 megavatios, tan só superada por Castela-A Mancha. Seis anos despois, Castela e León e Andalucía tamén superaron na táboa a Galicia, que ve como un sector con importante potencial económico e de emprego quedou en case nada. 

Pero antes de todo isto, Feijóo e o PP empregaron o anterior concurso eólico do bipartito como unha das patas sobre as que baseou a súa dura campaña electoral de 2009. Outra delas foron aquelas fotos do daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, co empresario Jacinto Rey, cuxa empresa foi unha das adxudicatarias na repartición.

Feijóo e o PP empregaron o concurso eólico e unhas fotos descontextualizadas de Quintana cun empresario para atacar o bipartito

Varios medios publicaron simultaneamente unhas imaxes que o agora presidente da Xunta vinculou coas adxudicacións dos parques eólicos. Fixérono unha semana antes dos comicios pero obviaron un detalle clave que logo aclararía Quintana. As fotos foran tomadas un ano antes de que se convertese en vicepresidente e catro antes de que se convocara concurso ningún. "Dificilmente, pois, o empresario e máis eu podiamos estar tratando ningunha adxudicación", asegurara logo o ex líder do BNG. O PP falaba, pola contra, de "contactos claros" e insinuaba un acordo ás agachadas. 

O presidente da Xunta presumiu de acabar co "cambalache eólico" para substituílo por un concurso "legal e transparente"

Pero xa daba igual. Entre polémicas por unha suposta "imposición lingúística" e por un suposto concurso "ilegal", Feijóo chegou á Xunta e botou por terra o que considerou "un cambalache eólico" para substituílo por un "legal e transparente". Axudaron as críticas dunha parte do PSOE que amosou a súa desconfianza tamén, xunto co daquela presidente da patronal galega, Antonio Fontenla, que comparara o proceso cunha "especie de novela por entregas" na que "ao final se descobre que tiña algo de ilegal". 

"Non se deben mesturar política e negocios", pontificaba o PP. Tras a súa proclamación como presidente, unha imaxe de Feijóo sobresaíu sobre outras: o presidente de Iberdrola, Sánchez Galán, dándolle unha aperta. Agora, a oposición xa pide "responsabilidades políticas" e tanto AGE como BNG preguntarán ao xefe do Executivo pola sentenza ratificatoria do Supremo na vindeira sesión de control. As posibles reclamacións e indemnizacións económicas que podería ter que asumir o Goberno son outras das preocupacións dun "cambalache" eterno que afectou un sector esgarecido. 

Feijóo, nun acto de Iberdrola © Xunta
Parque eólico na comarca do Ortegal CC-BY-SA Oleg Zaytsev

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.