A Marea Galega colle folgos e acumula máis forzas proclives

Alberto Garzón e Martiño Noriega, en Compostela Dominio Público @esquerdaunida

Podemos queda só. E nin tan sequera toda a formación en Galicia. As voces que chaman a unha candidatura galega unitaria de cara ás vindeiras eleccións xerais co obxectivo de conseguir un grupo propio no Congreso son cada vez máis e máis variadas. Aos diferentes manifestos que piden "unidade" e "liderado cidadán" únense tamén diferentes forzas políticas da esquerda e do nacionalismo, que achegan posturas tras as reticencias iniciais duns e doutros. Coinciden na necesidade de renunciar ás súas siglas ou en que a marca "non sexa o problema" de cara á conformación desa Marea Galega. E métenlle presión ao partido de Pablo Iglesias, que teima en vetar a IU no conxunto do Estado e en permitir "excepcións" en casos como o galego, onde só pasaría por engadir ao carón do nome de Podemos outra denominación. Non parece que vaia ser aceptado. Nin moito menos. 

Militantes críticos de Podemos en Galicia acordan "impulsar" unha candidatura unitaria para as autonómicas

Este pasado sábado, militantes críticos con Podemos en Galicia acordaron xuntarse para "impulsar" unha candidatura unitaria. Refírense ás autonómicas, pero fían unhas bases coincidentes con aqueles que reclaman unha Marea Galega xa para as xerais: con "protagonismo" da cidadanía e cos partidos "ao servizo" desta. Convocados pola corrente Podemos Cambiar Galicia, decidíronse a lanzar a convocatoria porque "alguén ten que tomar a iniciativa". Esta corrente e outras críticas do partido apostan por insistir na confluencia que xa provocou o éxito en casos como Compostela Aberta ou a Marea Atlántica. 

E no mesmo insisten os impulsores e protagonistas destas mareas, desde movementos sociais ata candidatos independentes, pasando polas formacións que tiveron protagonismo nalgunha delas como Anova, EU, Compromiso por Galicia, Equo ou Espazo Ecosocialista. O BNG, remiso nun principio á confluencia con forzas de ámbito estatal, tendeu este sábado a man logo dun Consello Nacional que fixo unha proposta "dirixida á cidadanía e ás demais forzas políticas para traballar mancomunadamente na dirección de elaborar unha candidatura nacional galega de amplo espectro". Co centro de decisión en Galicia, pero xa non vetada a formacións non nacionalistas. Abondaría con que respectasen o dereito a decidir do país e con que todas aceptasen renunciar ás súas siglas. 

O BNG tende a man e aposta por unha "candidatura nacional galega de amplo espectro" de cara ás xerais

Yolanda Díaz, coordinadora de EU, insistiu na idea e nunha entrevista na SER apelou ao BNG que, segundo dixo, "ten que entender que a marea é unha peza de transformación tecida cooperativamente pola cidadanía", "Igual que pido a EU que se ten que poñer a un lado, pídolle ao BNG que se poña a un lado para deixar o protagonista a outros actores sociais", engadiu, logo de amosarse practicamente segura de que esa candidatura unitaria en Galicia acabará por poñerse en marcha. 

E mentres Pablo Iglesias teima en condicionar todo a que Podemos lidere o proceso, cando menos na denominación, Alberto Garzón, candidato de IU á presidencia do Goberno, adiantouno pola dereita na súa aposta pola "unidade popular" en Galicia. Reuniuse con Ferrol en Común, coa Marea Atlántica, con Ourense en Común, Marea Pontevedra e con Compostela Aberta e o seu candidato e agora alcalde de Santiago, Martiño Noriega. O líder de Izquierda Unida insistiu en aclarar este domingo que a súa formación defende o dereito de autodeterminación e, respecto da proposta do BNG de diluír as siglas das formacións, insistiu en que "o importante é acordar un programa de mínimos". 

Alberto Garzón insiste en situar Galicia como exemplo da "unidade popular" e coincide en diluír as siglas dos diferentes partidos na confluencia

"O que hai que demandar é unidade popular e respecto, tanto pola xente que vén con adscrición partidaria como pola que non a ten", engadiu Noriega durante o debate que compartiu con Garzón, que durante a fin de semana puxo as mareas e Galicia como exemplo desa "unidade popular" tras dicir que o país é o lugar de Europa "máis preparado" para a confluencia e logo de aclarar que a fórmula para acadala débea decidir "o pobo galego". 

Mentres, a plataforma Somos Nós, liderada polo ex voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, ofrécese como "espazo de encontro" co obxectivo de lograr un grupo no Congreso, algo que considera "fundamental" para que "Galicia exista políticamente no novo Parlamento do Estado cunha representación propia, forte e decisiva". O propio ex vicepresidente da Xunta deixou claro nunha entrevista en Praza que esa posible confluencia debe ser inclusiva. 

Somos Nós ofrécese como "espazo de encontro", Somos Maioría promove unha consulta sobre a confluencia e varios manifeston insisten na "unidade"

"Non é só que se poidan sumar forzas de ámbito estatal, senón que a base fundamental dun proceso así non deben ser as forzas políticas, senón que se debe construír un movemento de base cidadá onde as persoas conten individualmente e onde se poidan sumar todas aquelas que teñan unha sentimento de pertenza a este país, que queiran que Galiza exista", dixo Quintana. Ao tempo, os manifestos sucédense e Somos Maioría, entidade que co seu manifesto impulsou varias candidaturas unitarias en vilas galegas nas municipais, promove tamén unha consulta sobre esta unidade popular. A Marea Galega semella máis perto. 

Alberto Garzón e Martiño Noriega, en Compostela Dominio Público @esquerdaunida
Consello Nacional do BNG CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.