A familia Franco volve impedir as visitas ao pazo de Meirás, que permanecerá pechado en agosto malia as queixas do Concello de Sada, que censura que se impida o acceso a este Ben de Interese Cultural (BIC) no mes no que a localidade conta con máis turistas. Ao igual que leva ocorrendo anos, os familiares do ditador incumpren a normativa que obriga á apertura do inmoble cando menos catro días ao mes.
Os familiares do ditador incumpren a normativa que obriga á apertura do inmoble cando menos catro días ao mes
A empresa encargada de xestionar as visitas non reserva visitas neste mes á queu fora residencia de Emilia Pardo Bazán e que foi regalado tras a guerra civil ao xeneral Francisco Franco a través de bonos supostamente voluntarios -que non eran tal- e de descontos a funcionarios da época.
O alcalde de Sada, Benito Portela, responsabiliza a Xunta porque "fai oídos xordos" ante as denuncias do incumprimento do deber que ten a familia Franco e incide "no que custou conseguir o nomeamento do pazo como BIC". "Agora, desde o Goberno galego eluden a súa responsabilidade ao non exixir aos propietarios que se permitan unhas visitas xa de por si moi restrinxidas", asegurou a Radio Coruña-Cadena SER. De feito, non se permiten gravar vídeos nin sacar fotografías e está prohibida a visita á antiga biblioteca, entre outras estancias.
"A Xunta elude a súa responsabilidade ao non exixir aos Franco que permitan as visitas", di o alcalde de Sada
A polémica sobre o pazo de Meirás chega un ano despois de que tamén se dera no pasado verán, cando ademais a revista Hola! publicara unha portada onde a neta do ditador, Carmen Martínez-Bordíu, posaba na entrada da que fora residencia de Emilia Pardo-Bazán -posteriormente roubada ao pobo polo franquismo- para "anunciar a súa ruptura" nunha "exclusiva" na que o medio destacaba a súa entrada "por primeira vez" na "histórica casa familiar".
Porque malia ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e tras determinarse a súa apertura ao público hai xa tres anos, a familia Franco sempre puxo atrancos a cumprir coa lei que a obriga a abrir o inmoble cando menos catro días ao mes. Foi hai máis de dous anos cando os herdeiros do ditador facilitaron un calendario de visitas e logo de que reclamasen á Xunta que sufragase os gastos de seguridade, como así fixo durante ben tempo, e de organización.
A Xunta deixou de financiar os gastos de seguridade e organización das visitas logo de gastar máis de 50.000 euros
A Xunta deixou de financiar os gastos de seguridade e organización das visitas, das que se encarga unha empresa privada contratada polos Franco. Antes, e desde que o pazo se declarou BIC, os convenios non só se limitaran a "regular as condicións para o desenvolvemento das visitas", tal e como afirmaba a Xunta. Ademais disto, tres acordos entre o Goberno galego e a familia do ditador tiveron un impacto de máis de 50.000 euros nas arcas públicas. O primeiro destes convenios, asinado para poñer en marcha as visitas ás que obrigaba a declaración do pazo como BIC que promovera o bipartito, implicou un gasto de 9.513 euros para pagar un servizo de seguridade privada aínda que, admitía daquela a propia Xunta, a Lei de Patrmonio Cultural non "obrigaba" a facer tal achega económica.
En agosto de 2011 Cultura pactaba cos Franco unha addenda ao convenio inicial que implicaba sumarlle 23.000 euros para a mesma finalidade. Como informou Praza Pública, na primavera de 2012 saía á luz un terceiro acordo, desta volta por importe de 21.200 euros, polo que a Xunta seguía asumindo os gastos derivados da seguridade e dos guías das visitas. En total, polo tanto, o gasto ascendeu a 53.713 euros que saíron do erario e non do peto dos Franco.