O gabinete de José Crespo, o que fora alcalde de Lalín durante os últimos 25 anos, tamén empregou recursos públicos do municipio para "colaborar e prestar apoio na campaña do PP de Silleda e Agolada nas municipais do ano 2011", segundo denuncia o novo goberno local, liderado polo rexedor Rafa Cuiña, de CxG.
Os populares tiraron dos recursos públicos do Concello para "prestar apoio na campaña do PP de Silleda e Agolada"
Logo de que o novo executivo de Lalín achegase documentación atopada nos ordenadores do Concello no que demostraba a utilización durante anos dos recursos públicos do municipio con fins partidistas e electoralistas por parte do PP da localidade, novos arquivos achados demostran que o emprego do gabinete do ex alcalde Crespo non se limitaba só a traballar para os populares de Lalín, senón tamén para os doutros municipios da comarca do Deza. "Persoal de confianza do ex alcalde participou na comunicación e deseño de actos electorais, non só en Lalín senón en diferentes concellos", aclaran.
Entre os arquivos atopados -correspondentes ao ano 2011- existe unha carpeta chamada Material campaña, que ademais de albergar documentos electorais do PP de Lalín tamén contén outra co título Silleda. Alí atópase diverso material empregado para realizar carteis e trípticos electorais -xunto coas instrucións para a súa impresión- convocatorias e notas de prensa co logotipo do PP, guións e convites a mitins, o borrador do programa electoral ou unha carta do candidato José Carlos Pin pedindo o voto para o PP.
Ademais, existe un cronograma de campaña no que se asignan tarefas concretas a persoal do gabinete do ex alcalde de Lalín. A meirande parte dos documentos achados corresponden ao ano 2011, no que houbo dúas convocatorias electorais, pero nos ordenadores propiedade do Concello tamén se atopou unha nota de prensa do PP de Silleda datada o 5 de abril do ano 2013, e un discurso político elaborado para un dos membros da candidatura do PP de Agolada, segundo aclara o executivo local. Son case 150 arquivos en total.
"Queda máis que demostrado que Crespo instrumentalizou o Concello para obter beneficios electorais non só en Lalín, senón noutros municipios"
Tal e como acontecía nos documentos correspondentes ao PP de Lalín, tamén neste caso as propiedades informáticas sinalan que "a autoría de moitos dos arquivos pertence ao Concello de Lalín e, en concreto, a persoal de confianza de Crespo". Logo desta nova análise de documentos, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, apunta que queda “máis que demostrado que José Crespo instrumentalizou o Concello para obter beneficios electorais non só en Lalín, senón noutros municipios da comarca”.
“Non pode ser”, reitera Casares, “que o ex alcalde pretenda facernos pasar por normal a presenza de centos de documentos electorais do Partido Popular no sistema informático do Concello, e menos cando corresponden a outras localidades”.
Casares afirma ademais que “a gravidade dos feitos aumenta tras esta nova revelación, xa que se estaban a empregar recursos pagados por todos os lalinenses con fins partidistas en Silleda e Agolada”. “Despois disto”, conclúe, “non acerto a imaxinar que máis pode aparecer nos servidores do Concello”.
José Crespo, ex alcalde de Lalín, negou que empregase medios públicos nas súas campañas electorais e respondeu á primeira denuncia do novo goberno local acusando ao rexedor Cuiña de "estar máis implicado na súa cruzada contra todos os que non tocan ao seu ritmo que de gobernar a localidade". Horas despois, o Concello facía públicos novos documentos que demostrarían que o uso de recursos municipais non se limitaba só a favorecer ao PP da vila, senón doutros municipios da comarca.