A campaña europea do BNG retoma as protestas de 1981 contra os residuos nucleares da Foxa Atlántica

Acto do BNG a bordo dun barco en lembranza da loita do 'Xurelo' contra os vertidos nucleares na Foxa Atlántica Dominio Público @BNGParl_Europa

Sucesivas iniciativas na Eurocámara de Ana Miranda e do socialista José Blanco levaron á Comisión Europea a interesarse pola radioactividade nas costas galegas tras anos sen información sobre o estado dos residuos vertidos ata hai catro décadas

O acto principal deste xoves da campaña do BNG ás eleccións europeas, coa súa candidata Ana Miranda á fronte, celebrouse a bordo dun barco no porto da Coruña en lembranza do histórico Xurelo, o pesqueiro co que en 1981 e 1982 mariñeiros e políticos galegos se mobilizaron e lograron poñer fin ao vertido de residuos nucleares fronte ás costas galegas, na denominada Foxa Atlantica. Tras a publicación por este diario hai ano e medio da falta de control sobre o estado daqueles bidóns, tanto Miranda como o tamén eurodeputado socialista galego José Blanco, que agora non repite candidatura, presentaron sucesivas iniciativas no Parlamento Europeo e lograron que a Comisión Europea se interesase pola radioactividade nas costas galegas.

No acto deste xoves no porto da Coruña participaron, xunto con Miranda, persoas que ían a bordo do Xurelo nas súas viaxes de hai catro décadas para intentar obstaculizar os vertidos, como o escritor e daquela xornalista Manuel Rivas, ou Manuel Méndez, político moañés daquela en Esquerda Galega, formación que liderara as protestas tras ser contactada por Greenpeace. Este xoves recuperaron na Coruña o manifesto de 1981 e lamentaron que case catro décadas despois da fin dos vertidos as administracións non teñan información actualizada sobre o estado e o posible impacto dos bidóns que albergan as 140.000 toneladas deitadas no fondo do Atlántico entre 1949 e 1982, os últimos a 650 quilómetros de Galicia pero outros anteriores, de 1964, a só 200 quilómetros de Asturias. 

Ponte de mando do 'Xurelo' e, ao fondo, o xornalista e escritor Manuel Rivas © Xosé Castro

“É terrible que tras 38 anos non existan datos sobre o estado dos restos radioactivos", lamenta Manuel Rivas, que viaxou como xornalista no Xurelo

“É terrible que despois de 38 anos da acción do Xurelo non existan datos actualizados sobre o estado destes restos radioactivos, depositados a 650 quilómetros da costa galega, e o seu impacto sobre o medio ambiente e os ecosistemas mariños”, denunciaron Miranda e Rivas ao finalizar o acto deste xoves na Coruña. A conclusión é que Galiza é tratada como un vertedoiro”, manifestou Miranda.

A Comisión Europea supervisará entre este ano e o próximo como España controla a radioactividade que chega ao litoral galego

Tras desvelar este diario hai ano e medio, coincidindo co 35 aniversario da fin dos vertidos, que ningún organismo español ou internacional sabe de ningún control periódico sobre eses residuos, tanto a nacionalista Miranda como o socialista Blanco presentaron diversas iniciativas no Parlamento Europeo que evidenciaron a falta de información ao respecto da Comisión Europea. As autoridades comunitarias argumentaron que os bidóns están en augas internacionais e que os estados membros só teñen obriga de controlar a radioactividade nas súas costas, pero acabaron decidindo supervisar entre este ano e o próximo como España realiza eses controis no litoral galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.