Baltar menospreza a oposición parlamentaria por reprocharlle que é investigado por acoso sexual

Un intre da comparecencia de Baltar na comisión de orzamentos do Parlamento © Parlamento de Galicia

A principios de novembro de 2015 o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, acudiu ao Parlamento para cumprir co trámite de presentar os orzamentos da institución que preside e as contas quedaron nun segundo plano case absoluto. Apenas dúas semanas antes estourara a denuncia da muller que acusa o barón do PP ourensán de ofrecerlle un posto de traballo na Deputación a cambio de sexo, a mesma que sería despois arquivada pola Fiscalía e a continuación asumida polo xulgado no que permanece actualmente investigado -antiga imputación- por presuntos delitos de acoso sexual, suborno e tráfico de influencias. Este martes Baltar tivo que volver cumprir co trámite orzamentario na Cámara galega e as voceiras da oposición reprocháronlle con dureza que continúe no cargo tras todos estes feitos. O líder do PP de Ourense optou por non responder ás súas preguntas e menosprezar cadansúas posicións.

Como en anteriores ocasións, Baltar gabouse ante o lexislativo da celeridade na aprobación dos seus orzamentos ou da "planificación" e "previsibilidade" do seu goberno que, mantén, é o único que se apoia nun "programa electoral" provincial -as deputacións non son elixidas pola cidadanía nas urnas-. Nas súas quendas os grupos da oposición lamentaron asistiren a un novo episodio de expliación do "combustíbel do clientelismo político do PP", en verbas de Noa Presas (BNG), que como a voceira do PSdeG, Noela Blanco, evocaron unha reportaxe da xornalista Cristina Huete para resumir o, ao seu xuízo, modo de actuar máis habitual do baltarismo: "A fábrica dos enchufes".

As voceiras de En Marea, PSdeG e BNG esixen a dimisión de Baltar, repróchanlle o seu "caciquismo" e censuran que o PP avale actitudes "machistas"

As contas de Baltar, agrega Presas, son as da "miseria" que lle permite "manter o control social a través de pequenas pleitesías", o "intercambio" de favores baseado "no caciquismo", sinala Ánxeles Cuña, de En Marea, quen como o resto de grupos da esquerda considerou "ineludible" poñer sobre a mesa o caso de presunto acoso sexual que paira sobre o líder popular. "Unha denunciante foi empurrada a manter relacións sexuais" por un posto de traballo "e iso é algo que afecta á sociedade enteira". "Vostede dá un exemplo nefasto", mesmo no caso de que os tribunais cheguen "a darlle a razón", acusa.

O barón ourensán cualifica as deputadas da esquerda de ignorantes e carentes de educación

"A súa denuncia resolverana os tribunais", agrega Blanco, pero politicamente a socialista ve motivos máis que suficientes para que "alguén no PP faga que dimita". No entanto, lamenta, o presidente da Xunta "axeónllase ante o barón ourensán para, con actitudes machistas, darlle a volta á tortilla e converter a vitima en verdugo" e caracterizar a denunciante, tamén investigada na causa xudicial, como "un demo que veu apoderarse do bo de Baltar". Todo, afirma, para evitar que o PP de Ourense volva promover "un peche nun pisito" como o impulsado por Baltar pai a comezos de século. Neste escenario, conclúen as tres voceiras, a ética recomenda que Baltar dexe o seu posto ou senón, afirma Presas, o único xeito de continuar no cargo e "cumprir o código ético" que el mesmo aprobou é "introducir" nel "o dereito de pernada".

O PP cualifica a petición de explicacións de "representación caricaturesca" e acusa a esquerda de "querer afundir a provincia de Ourense"

As intervencións de En Marea, PSdeG e BNG foron retrucadas con desdén por Baltar. As tres deputadas, acusa, "pisotearon un principio básico do Estado de dereito" coas súas acusacións a través de discursos "previsibles" que, ao seu xuízo, estiveron "presididos" pola "ignorancia, pola falta absoluta de coñecemento" a respecto das deputacións e mais "a falta de respecto e a educación". Baltar cualifica de ignorante á voceira do Bloque e define en termos semellantes ás voceiras de En Marea e mais do PSdeG, de quen cuestiona tamén a "habilidade parlamentaria". Non fan máis que recorrer "aos argumentos de sempre" pero a "tendencia electoral", evidencia, segue a acompañalo a el.

Antes da súa quenda de peche Baltar xa recibira un balón de osíxeno do voceiro do PP no debate, César Fernández, quen reduce as intervencións da esquerda a unha "representación caricaturesca" da "realidade da sociedade ourensá". Os reproches polo presunto acoso sexual son para Fernández unha mostra de que o orzamento da Deputación non "preocupa" aos grupos da oposición, e a petición de explicacións a Baltar é, en realidade, unha falta de "respecto" ao electorado ourensán. "O único que queren facer -conclúe- é afundir a provincia de Ourense".

Baltar, durante a súa comparecencia ante a comisión de Orzamentos CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.