Tellado critica que Sánchez non poña independentes "nin sequera en Correos", onde Feijóo foi presidente

Miguel Tellado entrevistado en TVE CC-BY-SA Praza Pública

O portavoz parlamentario popular cita expresamente como exemplo de "ocupación política das institucións" a empresa pública na que o Goberno de Aznar puxo ao agora líder popular

O agora presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, levaba xa unha década en cargos políticos, como secretario xeral de dúas consellerías da Xunta, secretario xeral do Ministerio de Sanidade e presidente do Insalud, cando en maio de 2000 o Goberno de José María Aznar o nomeou presidente de Correos. Nese posto estaría ata xaneiro de 2003, cando volveu a Galicia como conselleiro de Fraga

Obviando ese pasado do seu líder, este martes o portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, ex-número 2 do PPdeG, escolleu precisamente Correos como exemplo do que considera unha "ocupación política das institucións" por parte do Goberno de Pedro Sánchez.

Declaracións de Tellado (PP) a 'La Hora de la 1' (TVE), este 2 de abril de 2024 © RTVE

Tellado, entrevistado en TVE, enleouse coa xornalista nun debate sobre a independencia dos medios públicos estatais, logo de que este luns o propio Feijóo os cualificase como "a canle de propaganda informativa máis importante do sanchismo".

O portavoz popular foi máis alá e asegurou que Sánchez ten unha estratexia de colonización de todo o público e que "puxo a socialistas á fronte de todas as institucións públicas do país e de todas as empresas públicas do país, non hai un só independente, nin sequera en Correos". Tellado escolleu como exemplo precisamente a empresa pública que presidiu Feijóo.

Feijóo, acompañado de Rueda e Tellado, este martes na xunta directiva do PP estatal © PP

As declaracións de Tellado chegaron nun día no que o propio Feijóo anunciou un "plan de rexeneración democrática" para "recuperar a política decente" co que "os militantes non dirixirían medios públicos, nin controlarían a Xustiza".

Feijóo anunciou un "plan de rexeneración democrática" nunha reunión en Madrid á que asistiu Rueda mentres en Santiago se celebraban as consultas para a súa investidura

O anuncio de Feijóo, que na Xunta xa anunciara un similar "plan de impulso democrático" hai unha década,  foi lanzado nunha reunión en Madrid da xunta directiva estatal do PP á que acudiu tamén o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, mentres en Santiago se celebraban as consultas para a súa investidura como presidente da Xunta. A súa viaxe a Madrid fará que non sexa ata este mércores que o presidente do Parlamento propoña a Rueda a investidura.

Rueda e membros do PPdeG este martes na xunta directiva do PP estatal en Madrid © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.