A semana en que Feijóo pediu ser investido líder da oposición

Acto do pasado domingo en Madrid no que Feijóo escenificou unidade no PP para chegar á Moncloa "se non agora, pronto" © PP

Tras constatar hai dous meses que non tiña apoios para ser elixido presidente, o popular deu nos últimos días, na rúa e no Congreso, os primeiros mitins das próximas eleccións xerais para chegar á Moncloa "se non agora, pronto"

Unha semana despois das eleccións xerais do 23 de xullo o gañador deses comicios, Alberto Núñez Feijóo, pedía por carta o seu apoio a quen viña presentando como un problema para a democracia española, o socialista Pedro Sánchez. Evidenciaba así o presidente do PP o que se ratificou nos dous meses que pasaron desde aquela, que malia devolver o seu partido aos niveis electorais nos que o deixara Rajoy segue carecendo de apoios significativos máis alá da extrema dereita para facerse co goberno nun sistema parlamentario como o establecido pola Constitución da que se di garante.

Feijóo durante a súa intervención ante o Congreso dos Deputados o pasado martes © PP

Unha vez constatado que non podería chegar á Moncloa cos resultados do 23X, Feijóo vén despregando unha estratexia centrada en consolidarse como líder da oposición e esperanza de futuro para quen queira apartar a esquerda do poder. Estratexia resumida na frase "se non agora, pronto" que repetiu en varias ocasións nas últimas semanas. Unha frase coa que está a pedir tempo e confianza e coa que vén de lanzar, desde as rúas de Madrid o pasado domingo e desde a tribuna do Congreso ao longo da semana, a campaña das próximas eleccións xerais, sexan en xaneiro se Pedro Sánchez non logra agora ser investido el presidente ou sexan ao longo dos próximos catro anos.

Feijóo chegou á presidencia do PP hai ano e medio por acordo dos baróns do seu partido ante a crise interna aberta entre o anterior líder, Pablo Casado, e a presidenta Madrileña, Isabel Díaz Ayuso. O galego aparecía como unha figura de consenso fronte as circunstancias, pero aínda tiña que gañarse o dereito a ser considerado líder tanto da súa formación como da oposición. 

Os resultados do 23X foron agridoces en moitos aspectos. Fixo medrar o PP, pero non o suficiente como para poder gobernar. Freou a Vox, pero ao tempo a formación de extrema dereita aumentou o seu poder territorial nas eleccións autonómicas. E as voces críticas comezaron a escoitarse. 

Abascal (Vox) observa a Feijóo, durante unha sesión do debate de investidura Dominio Público

Non vai ser agora, pero non falta moito e el é o mellor situado para combater a Sánchez, vén dicir Feijóo coas formas e co fondo das súas intervencións da última semana

Así que nas últimas xornadas, ante a evidencia de que desta volta non ía ser a súa ansiada chegada á Moncloa, a estratexia de Feijóo vén pasando por pedir unha prórroga. Non vai ser agora, pero non falta moito e el é o mellor situado para combater a Sánchez, vén dicir coas formas e co fondo das súas intervencións públicas.

O acto convocado o pasado domingo en Madrid, secundado polos dous ex-presidentes populares, José María Aznar e Mariano Rajoy, non sempre coincidentes, e polos presidentes autonómicos, entre eles Díaz Ayuso, quixo transmitir a mensaxe visual de que no partido hai unidade. E o seu discurso puxo o foco en pedir paciencia porque cre que o PP vai gobernar "se non agora, pronto". Fíxoo antes, durante o debate da súa investidura e fixérono no seu partido xusto despois. "Máis pronto que tarde será presidente", repetiu Alfonso Rueda o pasado venres. 

Feijóo comprobou o venres que a súa alianza con Vox impídelle obter máis apoios no Congreso, pero endureceu o seu discurso contra un posible "goberno da mentira"

Constatada a súa falta de apoios para gobernar "agora", Feijóo converteu o seu discurso de investidura nun mitin no Congreso de cara ás próximas eleccións xerais, esas coas que espera gobernar "pronto". A súa intervención tivo máis de crítica que de exposición dun programa de goberno. E mesmo apelou a recursos máis propios dunha campaña electoral que dunha negociación parlamentaria: "Son un presidente de fiar, créanme", chegou a dicir.

Porén, a maioría do Congreso non se fiou del e o resultado da súa investidura foi unha dobre negativa ao non obter nin o mércores a maioría absoluta nin o venres a maioría simple. Hai máis deputados e deputadas en contra de que goberne Feijóo que a favor.

Con todo, Feijóo ollou xa ao futuro máis inmediato —ben sexa a súa desexada repetición electoral ou unha lexislatura que se prevé complexa para un hipotético executivo progresista— e dedicou o debate de investidura do venres a cargar contra un futuro "goberno da mentira e do engano" e en comprobar como case ningún apoio máis ten que o da ultradereita de Vox, con quen amosou unha condescendencia que non mostrou con ninguén máis. 

Advertiullo claramente o PNV, partido no que o PP confía en atraer nun futuro para posibles acordos e fórmulas de goberno. Pero teno máis lonxe que antes. O portavoz dos nacionalistas vascos no Congreso, Aitor Esteban, asegurou que o seu non á investidura de Feijóo era aínda máis contundente que o do mércores. E aclaroulle que xa o ía "coñecendo". 

"Xenérico e contraditorio no económico e decepcionante no territorial" e cun "discurso agresivo, arrogante mesmo, no que confunde sorna con provocación", dixo Estaban. "Feijóo non é quen di ser", engadiu, tras advertir do "abismo moi profundo" que separa o PNV do líder do PP e de que nada ten que facer mentres Vox entre na súa ecuación. 

O pasado domingo, no comezo desta semana planificada como de consolidación como líder da oposición, Feijóo chegou a asegurar de Aznar e Rajoy que "non son o pasado, son o presente e a guía para o futuro", talvez lembrando que os seus antecesores tampouco lograron chegar á presidencia do goberno á primeira, nin á segunda, senón á terceira vez que o intentaron. Pero que o acabaron conseguindo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.