71 pediatras do Sergas con cadanseu milleiro de pacientes para atender

Nenas e nenos agardan para recibiren a vacina contra a COVID en 2021 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Unha cuarta parte do persoal médico pediátrico nos centros de saúde do Sergas ten asignados máis dos 1.000 pacientes pactados como "máximo" entre Estado e autonomías, segundo datos da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria

A escaseza de pediatras e, sobre todo, as dificultades para substituír este persoal médico ante ausencias derivadas de licenzas, vacacións, baixas ou da escaseza mesma son unha constante nas protestas de colectivos na defensa da sanidade pública e tamén das familias. A Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap) vén de aproveitar a presentación do seu vixesimo congreso para achegar cifras ao respecto.

Esta organización médica pon sobre a mesa datos que, no caso galego, apuntan por exemplo a que practicamente unha cuarta parte do persoal de pediatría que exerce na Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde ten asignados no seu cupo máis de 1.000 pacientes. Isto é, máis do "máximo estipulado no Marco
Estratéxico de Atención Primaria pactado entre autonomías e Goberno de España en 2019.

Traducido a cifras absolutas, serían 71 pediatras con máis de 1.000 pacientes. Concretamente, especifican, 66 que teñen asignados entre 1.001 e 1.250 nenas e nenos e 5, entre 1.251 e 1.500. O grupo máis numeroso de profesionais, 145, teñen un cupo de entre 751 e 1.000 pacientes de pediatría, mentres que os restantes 92 teñen asignados menos de 750 pacientes. Todo isto, non obstante, nun contexto no que arredor de 11.000 nenas e nenos non teñen pediatra de referencia en Galicia, segundo datos recompilados pola Asociación Española de Pediatría no pasado 2023.

Ao abrirmos o foco para o conxunto do Estado, as cifras divulgadas pola AEPap sitúan a Galicia na banda media en canto á presión asistencial da pediatría, ao ser a novena comunidade autónoma con maior porcentaxe de pediatras que teñen asignados máis de mil pacientes. Balears, Catalunya e Madrid son as que presentan peores rexistros, con máis da metade do persoal médico de pediatría nesta situación, mentres que os indicadores máis favorables están na Comunitat Valenciana, Asturias e Canarias, nos tres casos con menos do 10%. 

Estas cifras engádense ás publicadas o pasado 2023 por Civio tras unha ampla investigación ao respecto, que ían alén dos números xerais de cada autonomía e descendían ao detalle por áreas sanitarias. Segundo aquela pescuda, a área sanitaria de Lugo (que abrangue toda a provincia) é a terceira do Estado con maior presión asistencial en pediatría, ao ter o persoal médico, de media, 31,66 pacientes por día.

As áreas de Santiago-Barbanza e de Vigo tamén estaban mal situadas no contexto estatal, con case unha trintena de pacientes para o seu persoal de pediatría por cada xornada. Non andaba lonxe a de Ourense, tamén na contorn da trintena. Máis afastadas estaban as de Pontevedra, A Coruña e Ferrol, que non obstante roldaban os 25 pacientes por día e profesional.

Unha investigación de Civio revelara que a área sanitaria de Lugo é a terceira do Estado con maior presión asistencial en Pediatría

No relativo aos cupos, o nivel do milleiro de pacientes por pediatra superábase en tres das sete áreas sanitarias galegas: Lugo (1.068), A Coruña (1.068) e Vigo (1.014). Non chegaba, por pouco, a e Pontevedra - O Salnés (983). Tras elas situábanse Santiago (896), Ourense (834) e Ferrol (698).

Ante cifras coma estas e as devanditas protestas, a Xunta vén subliñando que ten en marcha diversas iniciativas para paliar unha falta de persoal médico que, subliña, é un problema xeral no Estado. Entre elas, destaca algunhas como a recente "incorporación inmediata" de 60 pediatras en centros de saúde de "difícil cobertura" a través dunha convocatoria por concurso de médirots.

Na última media década, dende que o Goberno de España está encabezado por Pedro Sánchez, as respostas do Goberno galego do PP veñen poñendo o foco en responsabilizar o Ministerio de Sanidade por non habilitar máis prazas de formación sanitaria especializada. Estas, non obstante veñen batendo cada ano o seu propio récord.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.