A xira de Altri pola Ulloa na defensa da súa fábrica principia e queda suspendida entre protestas

Protestas veciñais durante a presentación de Altri en Palas, este 20 de marzo de 2024, con representantes políticos da contorna en primeiro termo CC-BY-NC-SA Ulloa Viva

Greenfiber, a sociedade creada pola portuguesa Altri para a instalación dunha fábrica de celulosa e fibras téxtiles en Palas de Rei, participada pola galega Greenalia ao 25% e co apoio aberto da Xunta, vén de principiar as presentacións do seu proxecto pola comarca da Ulloa, onde prevé instalarse. Palas e Monterroso foron este mércores as primeiras paradas dunha xira que ía continuar por Melide, Agolada, Santiso e Antas pero que, tras principar entre intensas protestas veciñais e ecoloxistas, foi suspendida pola empresa tras a xuntanza melidá.

A compañía portuguesa defende ante a veciñanza da Ulloa que devolverá auga ao río en condicións "excelentes" ou que non propiciará novas plantacións de eucalipto

Cadrando co período da preceptiva exposición pública da documentación ambiental do proxecto por parte da Xunta, os responsables de Altri tentan trasladar á veciñanza ulloá que o que proxectan é unha fábrica de "última xeración", con criterios ambientais "superiores" aos fixados polas leis galegas, estatais e europeas. Que "utilizará" moita auga cada día -equivalente ao consumo diario de toda a provincia de Lugo-, pero que a devolverá ao río en "condicións excelentes" ou que as emisións á atmosfera carecerán de "impacto". 

Protestas durante a presentación dos representantes de Altri, este 20 de marzo

Todo, aseguran, mentres crean en torno a medio milleiro de postos de traballo "directos" e "uns dous mil, indirectos". E mentres consomen o 20% do eucalipto que se corta en Galicia pero que, aseguran, non suporá novas plantacións porque aspiran a reter a produción que agora vai a outros territorios.

A empresa admite que aínda non ten os terreos e supedita a instalación á obtención de fondos públicos mentres a plataforma Ulloa Viva pon o foco nos riscos ambientais e socioeconómicos da "macrocelulosa"

Bruno Dapena, director técnico do proxecto de Altri en Palas, encabeza a delegación que está a protagonizar unhas presentacións nas que tamén agroman incertezas pola banda empresarial. A compañía aínda non ten mercados os terreos nos que di prever instalarse -así o acreditou o propietario no propio encontro en Palas -"levo dous anos esperando", explicou Leandro Quintas, segundo recolle El Progreso- e aínda non falou coas persoas titulares de todas as propiedades afectadas.

Ademais, a compañía ten claro que non se instalará se non logra os arredor de 250 millóns de euros de fondos públicos que pretende obter. E para iso cómprenlle, entre outros aspectos, o visto e prace ambiental da Comisión Europea, admiten. O rexeitamento ambiental da UE é unha das esperanzas dos movementos contrarios ao proxecto, aglutinados en boa medida a través da plataforma Ulloa Viva, que fixo ecoar na xuntanza de Palas os berros de "Altri non".

Terreos nos que Altri prevé instalarse © Altri

Para o colectivo, as visitas da empresa ao territorio non fai máis que confirmar que o que pretenden instalar é unha "macrocelulosa", a "máis grande de Europa". Unha factoría na que pretenden fabricar "o dobre de celulosa que de lyocell" -400.000 toneladas de celulosa soluble fronte a 200.000 do tecido ecolóxico fabricado a partir de pasta de madeira-. O preciso, din, sería suspender a tramitación xa que nas últimas semanas mesmo "o propio PP de Lugo asegura que aínda está a analizar os impactos deste proxecto na zona"

Oposición da dirección do BNG e tamén do PSdeG en Palas

O Bloque subliña que rexeita esta "bomba ambiental" que parte "dunha gran mentira": "Causará un enorme prexuízo ambiental e socieconómico en toda a bacía do Ulla e na ría de Arousa"

Mentres Altri procura convencer a veciñanza das bondades dos seus plans, tamén no ámbito político aumenta o movemento ao respecto. Este mesmo xoves a vicevoceira parlamentaria e deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, deixaba claro que a primeira forza da oposición galega se opón ao proxecto, "unha bomba ambiental no corazón e Galiza" que parte dunha "gran mentira": que se trataba dunha fabrica de fibras téxtiles ecolóxicas.

"Causará un enorme prexuízo ambiental e socieconómico en toda a bacía do río Ulla e na ría de Arousa" e "tamén afectará a numerosas explotacións agrogandeiras" e "proxectos empresariais vinculados ao sector primario", advirte. Por todo isto, di Rodil, "o Bloque ponse do lado da veciñanza fronte a un PP que pon a riqueza do paísa ao servizo das súas empresas amigas.

Planos da factoría que Altri proxecta en Palas, incluídos na documentación exposta ao público para a tramitación ambiental © Greenfiber S.L.

Tamén pola banda do PSdeG, aínda que polo momento dende o eido local, amosan os seus receos. "Despois de examinar o proxecto de captación de auga e o proxecto industrial previsto", a voceira socialista no Concello de Palas, a gandeira Ana Corredoira, explica a través dun comunicado que se opoñen "á instalación dunha macrocelulosa" no lugar "dende o punto de vista medioambiental", pero tamén "socioeconómico", ao "poñer en risco a estabilidade e mesmo a viabilidade dos sectores tractores da nosa comarca", dende o agrogandeiro aos servizos ligados ao Camiño de Santiago.

O PSdeG palense, tras examinar a documentación, sustenta o seu "non" en razóns ambientais e en que "pon en risco a viabilidade dos sectores tractores da nosa comarca"

Advirte tamén o PSdeG de Palas de que, "ademais, este proxecto afástase dos modelos produtivos promovidos" dende a UE. "Non é un proxecto que encaixe nos obxectivos de descarbonización" e ademais, non encaixa no concepto de "economía circular", senón no de industria "de enclave" -así o recoñece a propia documentación a exposición pública-, no que "os beneficios directos non redundan na comunidade que se executan".

Mentres, dende o PP e a Xunta, o presidente en funcións reitera o seu apoio. Neste contexto, este pasado mércores Alfonso Rueda chamaba a "ser valentes fronte ás posturas que se opoñen sistematicamente a todos os proxectos industriais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.