"O cancro non espera": pacientes de Oncoloxía do CHUS denuncian os continuos atrasos nos tratamentos e revisións

Rolda de prensa das pacientes de Oncoloxía do CHUS, a pasada semana © Asociación de Pacientes do CHUS

Cada ano diagnostícanse case vinte mil tumores en Galicia, segundo o Rexistro Galego de Tumores (Regat) posto en marcha polo SERGAS, afectando máis a homes que a mulleres. O cancro é a causa, ademais, de un de cada catro falecementos en Galicia, sendo o segundo motivo de morte despois das enfermidades do sistema circulatorio.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia que "a pesar da implantación de peonadas polas tardes [horas extras voluntarias por parte do cadro médico], continúa a haber atrasos de ata 6 meses nas consultas de revisión"

O cancro (a maior parte, cando menos) ten curación. Cada vez máis. O diagnóstico non é unha sentenza de morte, pero os tratamentos supoñen un importante sufrimento para os doentes e as súas familias, cun impacto físico e psicolóxico, ligado en boa medida á incerteza sobre o resultado final do proceso. Non é doado nin agradable. É por iso que, na medida do posible, o sistema sanitario debe achegar as máximas facilidades e apoios posibles a pacientes e familiares. Porén, non sempre é así.

Ao igual que xa fixo noutras ocasións, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou a pasada semana a situación do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico de Santiago, con eivas de todo tipo, encabezadas polos frecuentes atrasos nas citas, que non só non se resolveron dende as alertas iniciais, senón que están "a deteriorarse de maneira alarmante". A entidade, que xa puxo a situación en coñecemento do Defensor do Paciente, salienta que "a pesar da implantación de peonadas polas tardes [horas extras voluntarias por parte do cadro médico], continúa a haber atrasos de ata 6 meses nas consultas de revisión".

Rolda de prensa das pacientes de Oncoloxía do CHUS, a pasada semana © Asociación de Pacientes do CHUS

 Os problemas afectan tanto aos pacientes en tratamento activo, coma aos que deben facer revisións periódicas. A entidade denuncia que "o colapso no hospital de día é total", xa que pacientes enfermos de cancro "deben esperar ata 10 horas para poder recibir o seu tratamento de quimioterapia"

A entidade quería responder así ás optimistas declaracións efectuadas polo novo Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que destacou que o problema estaba en vías de solución. E critica, así mesmo, a falta de transparencia demostrada polo Sergas, pois a Xerencia e a Consellería "negánse a dar non só a cifra de persoas afectadas, senón tamén o número de consultas extraordinarias que se están a realizar". "Seguen sen aclarar o alcance real desta problemática, polo que descoñecemos en que se basean para afirmar que o problema estará solventado en dous meses", di a Asociación presidida por Fernando Abraldes, que engade que "non parece lóxico agardar que unha solución puntual resolva un problema estrutural".

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS reclama "que se poña solución xa á cada vez máis precaria situación do servizo de Oncoloxía, xa que estes pacientes non poden esperar" e lembra que se trata dunha enfermidade "na que o tempo é crucial". Os problemas afectan tanto aos pacientes en tratamento activo, coma aos que deben facer revisións periódicas. A entidade denuncia que "o colapso no hospital de día é total", xa que pacientes enfermos de cancro "deben esperar ata 10 horas para poder recibir o seu tratamento de quimioterapia". 

En canto ás revisións, as pacientes "seguimos saíndo das nosas consultas de revisión sen unha cita fixada, xa que se nos introduce no sistema de buzón e quedamos nun limbo no que nin figuramos en ningunha lista de espera nin sabemos cando seremos atendidos", denuncian

En canto ás revisións, as pacientes "seguimos saíndo das nosas consultas de revisión sen unha cita fixada, xa que se nos introduce no sistema de buzón e quedamos nun limbo no que nin figuramos en ningunha lista de espera nin sabemos cando seremos atendidos", segundo denunciaron publicamente a pasada semana. "Ao descoñecer a data que se nos asigna para a atención non poderemos sequera reclamar que esta sexa en prazo razonable, simplemente porque ignoramos a data ata o momento en que nos chaman", din. "Esta situación, ademais de vulnerar a normativa da propria consellería de Sanidade, engade máis incerteza á xa complicada situación dos enfermos", comenta a Asociación.

A Asociación de Pacientes explica que a implantación deste sistema "é contrario ao principio de estabilidade das axendas para consultas externas" recollido na Orde do 13 de xullo do 2004, actualmente vixente, que fixa como criterio xeral que non existirán pacientes sen cita, salvo excepcións debidamente autorizadas e por un tempo claramente definido. A entidade denuncia que os pacientes de cancro fican esta situación "un tempo indeterminado" sen coñecer en que momento van ser citados, aínda que a súa doenza "requira unha atención clínica pautada e nos tempos debidamente establecidos polos protocolos, como acontece cos pacientes de cancro". O sistema de buzón pode "aumentar a gravidade" da situación dos pacientes non tratados a tempo "que finalmente requerirán maior aplicación de medios" e en consecuencia un maior gasto para o sistema, sinala a Asociación.

Camas hospitalarias na área de Urxencias no CHUS de Santiago CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

"O cancro non espera"

"Dinche que 'hai que ter paciencia, hai que esperar'. Non, señor, con esta enfermidade non podes ter paciencia, porque ela non a ten con nós. Se hai unha recaída, o cancro non espera un mes a que poidas iniciar o tratamento. A enfermidade aparece e igual cando vaias xa non o contas", di Milagros

É o caso de Milagros, paciente de cancro de colon, detectado en 2022, cun proceso inicialmente moi rápido, cunha colonoscopia, quimioterapia e operación en cuestión de meses. "Ata aí todo perfecto, pero foi terminar o tratamento e esquecéronse de min", di. En xuño tiña que ter a terceira revisión e aínda non fixen a segunda. A primeira revisión tamén foi con moito atraso, que non foi máis porque denunciei a situación publicamente cun vídeo", relata.

"É vergonzoso o que están facendo con nós. Psicoloxicamente estanos afectando moito, porque sempre tes medo, cando sentes calquera dor, de que sexa o cancro que che volve afectar. Non estamos curados, ata que pasan todas as revisións que están pautadas non o estás, sempre pode haber recaídas", denuncia. "Eu tiña que facer un TAC e unha analítica cada cinco meses e aos seis meses ir a consulta, pero non hai maneira. Ademais, non dan a cara. Mándanche unhas respostas que parece que se están burlando de ti", di.

Milagros refírese tamén aos recentes cambios na consellaría, co nomeamento dun novo equipo e dun novo conselleiro, Antonio Gómez: "a min o que me fastidia é que esta xente nova que entrou non faga méritos, intentando facer ben as cousas. Creo que cambiamos de actores, pero o teatro vai ser o mesmo"

Milagros refírese tamén aos recentes cambios na consellaría, co nomeamento dun novo equipo e dun novo conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, anteriormente xefe de Servizo de Oncoloxía Radioterápica no CHUS. "Este novo conselleiro, precisamente por vir de onde vén, debería coñecer mellor esta situación e preocuparse por solucionala. Pero a realidade é que os atrasos se manteñen, non están chamando á xente e á que chaman é moitas vedes  porque fixeron presión publicamente, porque se non non a chamaban". "A min o que me fastidia é que esta xente nova que entrou non faga méritos, intentando facer ben as cousas. Creo que cambiamos de actores, pero o teatro vai ser o mesmo", engade.

"Dinche que 'hai que ter paciencia, hai que esperar'. Non, señor, con esta enfermidade non podes ter paciencia, porque ela non a ten con nós, ela non espera. Se temos a mala sorte de ter unha recaída, o cancro non espera un mes a que poidas iniciar o tratamento. A enfermidade aparece e igual cando vaias xa non o contas", explica Milagros, que conclúe: "todos temos dereito a unha atención sanitaria de primeiro nivel, levamos toda a vida cotizando e agora chega o momento que enfermas e que che din? Que non teñen medios? Non señores, eu teño un dereito e se me está negando!"

Presentación da queixa colectiva das pacientes de Oncoloxía do CHUS na oficina da Valedora do Pobo © Asociación de Pacientes do CHUS

Unha prótese non axeitada e atrasos de meses para a súa primeira revisión

Miriam, cun cancro de mama, realizou unha dobre mastectomía. A reconstrución debía ser inmediata cunhas próteses definitivas coa intervención dun cirurxián plástico, pero isto non sucedeu

Miriam foi diagnosticada en novembro de 2022 cun cancro de mama de orixe xenética. Recibiu quimioterapia e o tumor desapareceu pero decidiu facer preventivamente unha dobre mastectomía e unha extirpación de ovarios e trompas para evitar unha posible reaparición do cancro. A reconstrución debía ser inmediata cunhas próteses definitivas coa intervención dun cirurxián plástico, pero isto non sucedeu. A Miriam fóronlle implantadas unhas próteses que lle provocan dor e foi derivada ao servizo de Cirurxía Plástica e Reparadora, cunha primeira consulta en decembro de 2023, pero aínda sen solución para o seu problema.

“Os resultados desa prótese inicial, que o cirurxián plástico recoñece que 'non é a que eu tería colocado' son moi negativos. Eu agora mírome no espello e non me recoñezo e ademais dos danos estéticos, eu non podo levar unha vida normal: teño moita dor e cun neno de tres anos teño que estar sempre en posición de defensa, con moito coidado”, di.

"Mírome no espello e non me recoñezo. E ademais dos danos estéticos, eu non podo levar unha vida normal: teño moita dor e cun neno de tres anos teño que estar sempre en posición de defensa, con moito coidado”, di Miriam

Con todo, os problemas de Miriam van máis aló e chegan tamén ás necesarias revisións, que están a chegar con moitos meses de atrasos, como relata: "despois de que me extirparan ovarios e trompas, eu debía ter acudido a unha primeira revisión en outubro do ano pasado, pero non foi así. Neste mes de febreiro, nunha consulta xinecolóxica, a xinecóloga estrañouse moito polo feito de que non me chamaran para unha revisión tan importante (a primeira) e fixo unha chamada a Oncoloxía para que corrixisen a situación". "Catro meses de atraso nun cancro agresivo como é o meu poden ser vitais", destaca.

E a situación mantense: "eu estou agora mesmo nun limbo, outra vez. Da cita do mes de maio saín sen cita para setembro, que é cando me tocaría. Metéronme no que se chama buzón e o único que me din é 'xa te chamaremos'". Miriam conclúe: "outra vez con esta incerteza e co medo a que nestes meses o cancro se reproduza. Unha vez que tes cancro, o medo non cho quita ninguén, e máis se as revisións non se fan a tempo".

Presentación da queixa colectiva das pacientes de Oncoloxía do CHUS na oficina da Valedora do Pobo © Asociación de Pacientes do CHUS

Persoal "esgotado e saturado" e salas de espera ateigadas

Cristina leva dende o 2011 acompañando a súa nai na súa loita contra o cancro. "Dende hai 13 anos o único que aumentou foi o número de doentes, non así o persoal sanitario", sinala, o que incrementa a espera para os doentes e degrada a súa atención

A situación afecta directamente aos doentes e tamén aos seus familiares, que tamén soportan unha carga moi importante no acompañamento aos enfermos. Cristina leva dende o 2011 acompañando a súa nai na súa loita contra o cancro. "Dende hai 13 anos o único que aumentou foi o número de doentes, non así o persoal sanitario", sinala, o que incrementa a espera para os doentes e degrada a súa atención. 

"O normal nun paciente que asiste a tratamento de quimioterapia seria asistir á consulta e despois dunha hora aproximadamente, tempo no que preparan o tratamento, entraría na sala de tratamento para iniciar o mesmo", explica. Porén, engade, "a realidade é ben distinta, pois os pacientes chegan e solápase o tempo de espera da análise coa hora da consulta, e así atrasando a hora de saída do hospital". "O pasado venres 3 de maio a miña nai chegou ao hospital ás 9 da mañá e saíu do hospital cerca das 22 horas", pon como exemplo.

"Como pode este persoal dar o mellor de si, se teñen que estar esgotados e saturados, ao mesmo tempo que presionados?", pregúntase Cristina

"A miña nai ten que ir a tratamento tres semanas seguidas e o e parar unha, o que implica unha fatiga física e psicolóxica, engadida aos efectos secundarios do tratamento de quimioterapia, pois as horas de espera fanse eternas", di. Cristina critica tamén as condicións existentes "nunha sala de espera que é un corredor, con cadeiras de madeira que semellan táboas", un lugar, ademais, de dimensións reducidas, onde "esta mesma semana a xente non tiña espazo suficiente para sentarse, habendo pacientes e acompañantes de pé polos corredores e salas de espera". Precisamente este venres a Xunta anunciou a licitación do novo mobilizario co que busca "humanizar" a nova sala de espera de Oncoloxía, prevista na Terraza do Hospital.

Cristina destaca, iso si, "a sorte de poder contar cun equipo médico e de enfermeiras impecable" pero -di- claramente "insuficiente". "Hai días no que as seis salas de tratamento non dan abasto, pois collen á vez oito persoas en cada sala, e diariamente hai mais de cen pacientes nas salas de espera". "Como pode este persoal dar o mellor de si, se teñen que estar esgotados e saturados, ao mesmo tempo que presionados?", pregúntase Cristina, que, critica "a falta de organización e de persoal na que os prexudicados son os pacientes que están a sufrir esta doenza".

Cancro de colon CC-BY-SA Ed Uthman

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.