Reclaman á Xunta que elimine do rexistro de vivendas turísticas as que carezan de licenza municipal

Campaña de concienciación sobre a necesidade de optar por pisos turísticos legais, na turística praza compostelá de Cervantes © Concello de Santiago

En cinco anos as vivendas de uso turístico rexistradas pola Xunta pasaron de 4.630 a 16.603. Algúns concellos comezaron a adoptar medidas para regular os pisos turísticos e evitar algúns dos efectos negativos que teñen para a veciñanza

Nos últimos cinco anos emerxeu en Galicia o fenómeno dos denominados pisos turísticos, inmobles alugados en períodos curtos a visitantes por particulares. A proliferación destas vivendas de uso turístico tivo varios efectos, dende a redución do número de opcións para o alugueiro tradicional ata a saturación destes establecementos en determinados lugares, nomeadamente os centros dalgunhas cidades (nomeadamente Santiago de Compostela) e vilas litorais (por exemplo, Sanxenxo ou O Grove). Esta saturación ten efectos diversos, dende a expulsión de residentes neses barrios ata as molestias provocadas á poboación polo incremento do ruído. 

O seu número non deixa de aumentar. O rexistro habilitado pola Xunta de Galicia no ano 2017 amosa que o número de pisos turísticos legais (a inscrición no rexistro é obrigatoria para poder operar) pasou de 4.630 en xaneiro de 2018 a 16.603 na última medición, correspondente a outubro de 2022. Porén, a realidade é que segue a haber moitas vivendas de uso turístico que se alugan a pesar de non estar inscritas na instancia do Goberno galego.

O mes pasado o pleno municipal de Compostela aprobou, cos únicos votos contrarios do PP, restrinxir nas "zonas sensibles" a instalación de vivendas turísticas aos baixos dos edificios residenciais "que contan cun mínimo de cinco andares" ou ao seu primeiro andar

Nos últimos anos algúns concellos comezaron a adoptar medidas para regular os pisos turísticos e evitar algúns dos efectos negativos deste fenómeno. Por exemplo, o Concello de Pontevedra estableceu uns límites estritos para a apertura destes establecementos, indicando que ao tratarse dunha actividade económica só se poden instalar seguindo as mesmas normas que outros negocios; é dicir, nos baixos e primeiros andares dun edificio, en vivendas unifamiliares e tamén en edificios completos, nos que todos os seus andares se dedican a a esta actividade e non se mesturan con usos residenciais. A medida foi avalada pola xustiza a través de senllas sentenzas do Xulgado Contencioso-Administrativo e do TSXG. A xustiza tamén avalou a prohibición de alugar pisos turísticos por habitacións en Galicia, unha normativa aprobada pola Xunta en 2017.

De igual xeito, en Santiago tanto o anterior Goberno municipal de Compostela Aberta como o actual do PSdeG-PSOE puxeron en marcha medidas para limitar a expansión destes establecementos, especialmente no casco histórico, onde hai anos que se detecta unha saturación con efectos moi negativos para a veciñanza. Ademais, o pasado mes de setembro o pleno municipal compostelán aprobou por ampla maioría (17 votos a favor de PSdeG, CA e BNG e só os 8 votos en contra do PP) a modificación puntual do PXOM para acoutar este tipo de actividades

Santiago leva tempo esixindo aos propietarios de pisos turísticos a solicitude dunha licenza municipal para poder operar. Porén, das ao redor de 700 vivendas rexistradas pola Xunta en Compostela, tan só un cento solicitou a habilitación municipal

A reforma, entre outras medidas, restrinxe nas "zonas sensibles" a instalación de vivendas turísticas aos baixos dos edificios residenciais "que contan cun mínimo de cinco andares" ou ao seu primeiro andar, nos que teñen cando menos seis. O obxectivo é defender o dereito á vivenda da poboación habitual, evitando a carencia dun parque de suficiente de inmobles en alugueiro, os incrementos de prezo e as molestias causadas polos visitantes.

Ademais, a cidade de Santiago leva tempo esixindo aos propietarios de pisos turísticos a solicitude dunha licenza municipal para poder operar, xa que se trata dunha actividade económica que debe contar con esta habilitación municipal. Porén, das ao redor de 700 vivendas de uso turístico rexistradas pola Xunta en Compostela (un trámite que só esixe unha 'declaración responsable'), tan só un cento solicitou ata agora a devandita licenza municipal de actividade. Para a obtención desta licenza é necesraio, obviamente, cumprir coa normativa municipal.

O Parlamento aprobou unha proposición non de Lei do PSdeG que buscaba reclamarlle á Xunta a eliminación do Rexistro de vivendas de uso turístico daquelas que carezan de habilitación municipal

A pasada semana a Comisión de Industria do Parlamento aprobou por unanimidade unha proposición non de Lei do PSdeG-PSOE que buscaba reclamarlle á Xunta que cumpra coa súa propia normativa que regula as vivendas de uso turístico (o Decreto 12/2017) e que segundo os socialistas implicaría a eliminación do Rexistro de vivendas de uso turístico daquelas que carezan de habilitación municipal. O texto aprobado tamén polo PP pide que a Xunta "colabore" coas" administracións competentes en materia urbanística para lograr un uso axeitado e ordenado das vivendas de uso turístico”

O decreto establece que a declaración responsable inscrita polos propietarios da vivenda turística debe conter un "certificado municipal que acredite que a edificación reúne as condicións técnicas e urbanísticas para o seu destino a vivenda". Ademais, a norma sinala que "os concellos poderán establecer limitacións no que respecta ao número máximo de vivendas de uso turístico por edificio ou por sector".

O decreto de 2017 sinala que "os concellos poderán establecer limitacións no que respecta ao número máximo de vivendas de uso turístico por edificio ou por sector". A deputada Noa Díaz (PSdeG) acusou á Xunta de “abdicar da súa obriga de cumprir coa Lei”

A deputada Noa Díaz cualificou de “incomprensible” que "o mesmo goberno que redactou aquela norma se negue a lle dar cumprimento e non queira eliminar do rexistro ás vivendas que carecen de habilitación municipal” e acusou á Xunta de “abdicar da súa obriga de cumprir coa Lei”. Díaz explicou que o decreto "impide continuar coa actividade no caso de que carezan dos requisitos" e sinalou que "son os concellos os que deben regular e establecer limitacións ás VUT". "Son as entidades locais, polo tanto, as que deben exercer as súas competencias urbanísticas e establecer requisitos ou permisos previos esixidos para empezar coa actividade", sinalou a deputada socialista.

O mapa da distribución por concellos dos pisos turísticos rexistrados pola Xunta amosa unha gran cantidade en practicamente todo o litoral e tamén nas cidades, cun número moi inferior no resto do país, agás zonas moi concretas ligadas á chegada de visitantes, dende as localidades situadas no percorrido do Camiño Francés a Compostela ata a Ribeira Sacra. 

Segundo os datos de outubro deste ano, Sanxenxo segue a concentrar o maior número deste establecementos (2.423), moi por diante de Vigo (877) e A Coruña (684), que dende hai uns meses superan por primeira vez a Santiago (672). O Grove, Cangas e Foz roldan os 500 establecementos rexistrados e Barreiros, Poio e Fisterra superan os 300.

Santiago é o único dos grandes concellos de Galicia no que o número de vivendas de uso turístico non só non aumentou dende o 2020, senón que mesmo se reduciu (-1,3%)

A evolución seguida nos últimos dous anos e medio por Compostela chama poderosamente a atención. En xaneiro de 2020 estaban rexistrados na cidade 681 pisos turísticos, mentres que na actualidade a cifra é inferior (672). De feito, o descenso é máis importante dende o máximo acadado en xaneiro de 2021 (736). Segundo os datos do rexistro da Xunta, Santiago é o único dos grandes concellos de Galicia no que o número de vivendas de uso turístico non só non aumentou dende o 2020, senón que mesmo se reduciu (-1,3%), a pesar de coincidir neste período -marcado tamén pola pandemia de COVID- dous anos xacobeos, 2021 e 2022.

A cifra continuou a medrar en Sanxenxo (+40%), O Grove (+70%), Cangas (+83%) ou Foz (+61%). E fíxoo de forma aínda máis importante en Vigo (+131%), A Coruña (+87%) ou Pontevedra (+138%)

En cambio, a cifra continuou a medrar en Sanxenxo (+40%), O Grove (+70%), Cangas (+83%) ou Foz (+61%). E fíxoo de forma aínda máis importante en Vigo (+131%), A Coruña (+87%), Pontevedra (+138%) ou Vilagarcía (+137%). Semella que o fenómeno dos pisos turísticos está a estenderse de forma moi destacada nas cidades (tamén en Ourense, Lugo e Ferrol o aumento é moi importante), urbes que -iso si- aínda non sofren a saturación vivida nestes anos en Compostela.

O fenómeno dos pisos turísticos está a estenderse de forma moi destacada nas cidades, agás Santiago

O seguinte gráfico amosa a evolución seguida polos pisos turísticos do rexistro da Xunta nas sete cidades, con ascensos constantes en seis delas e unha curva que no 2021 comezou a ser descendente en Compostela. En xaneiro de 2019 o número de establecementos en Santiago case duplicaba os de Vigo e Coruña, que hoxe superan á capital de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.