O único investigador europeo non portugués que formará parte da comisión técnica independente de doce expertos que avaliará os tráxicos incendios acontecidos o pasado mes de xuño no país veciño é galego. O profesor da Universidade de Santiago (USC) Edelmiro López traballará así durante os vindeiros meses por mandato da Assembleia da República de Portugal para avaliar a orixe e circunstancias das lapas que en varios lugares, nomeadamente en Pedrógão Grande, levaron por diante milleiros de hectáreas e a vida de 64 persoas.
Edelmiro López foi un dos seis elixidos polo Conselho de Reitores en calidade de especialista en políticas agrarias e desenvolvemento rural
O profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais forma parte do grupo de seis membros designados polo Conselho de Reitores das Universidades Portuguesas –os outros seis foron propostos polos grupos parlamentarios– en calidade de especialista en políticas agrarias e desenvolvemento rural, mentres que o resto destaca polo seu labor nos ámbitos forestais, biolóxicos ou tecnolóxicos
Foi o pasado 29 de xuño cando o Parlamento luso, cos votos favorables de PSD, PS, CDS-PP e Bloco -e co voto en contra de do PCP e a abstención de PEV e PAN- aprobaba o proxecto de lei que crea a comisión técnica independente solicitada polo PSD. O obxectivo, de acordo co texto aprobado, é o de facer "uma análise célere e o apuramento dos factos relativos aos incêndios" que tiveron lugar en Pedrogão Grande, Castanheira de Pêra, Ansião, Alvaiázere, Figueiró dos Vinhos, Arganil, Góis, Penela, Pampilhosa da Serra, Oleiros e Sertã entre o 17 e 24 de xuño de 2017.
A comisión terá un máximo de tres meses para facer "uma análise célere e o apuramento dos factos relativos aos incêndios"
A USC é, xa que logo, a única universidade europea non portuguesa que avaliará o tráxico incendio a través de Edelmiro López, que estará acompañado doutros dous expertos chegados de fóra de Portugal: Richard de Neufville, un investigador en Tecnoloxía do MIT (Estados Unidos) e Marc Castellnou, xefe de Área Forestal do Corpo de Bombeiros da Generalitat da Catalunya e presidente da Fundación de Ecología del Fuego y Gestión de Incendios Pau Costa Alcubierre.
A USC é a única universidade europea non portuguesa con representación na comisión técnica
O profesor galego xa acudiu o pasado martes 18 á reunión constitutiva da comisión en Lisboa. Desde agora, os membros da devandita comisión terán un prazo de tres meses como máximo para presentar un informe coas conclusións, así como recomendacións pertinentes para previr situacións semellantes. Xa nos vindeiros días, viaxarán ás zonas onde se produciu a catástrofe e teñen previstas xuntanzas con afectados e vítimas.
Ademais de Edelmiro López, Richard de Neufville e Marc Castellnou, forman parte desta comisión técnica independente: João Guerreiro, que será o presidente, ex-reitor da Universidade do Algarve e ex-presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Algarve; Carlos Fonseca, profesor e membro do Departamento de Bioloxía da Universidade de Aveiro; Paulo Fernandes, membro do Departamento de Ciencias Forestais e Arquitectura Paisaxista da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; António Salgueiro, administrador e técnico da Gestão Integrada de Fogos Florestais (GiFF SA); Frutuoso Pires, enxeñeiro militar; Joaquim Sande, profesor da Escola Superior Agraria do Instituto Politécnico de Coimbra; José Manuel do Vale Moura, membro da Dirección Xeral da Administración e Emprego Público e ex-comandante na Autoridade Nacional de Proteção Civil; Francisco Manuel Cardoso, profesor do Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa; e Paulo José Vaz Rainha, membro do Ministerio da Agricultura e antigo assesor do Proxecto Simwood, que procurou mobilizar os proprietarios forestais e promover a xestión mancomunada dos montes.
Todos eles buscarán respostas ás numerosas preguntas que xurdiron tras a catástrofe, que conmocionou Portugal e impactou con forza Galicia, onde as semellanzas climatolóxicas, na masa arbórea, na política forestal, no despoboamento rural e no teimudo problema co lume co país veciño fixeron e fan inevitable as comparanzas. A eterna polémica sobre a expansión masiva do eucalipto, tan propia aquí e aló -onde se conxelou até 2030- aumentou aínda máis o debate.
O representante galego nesta importante comisión técnica en Portugal, Edelmiro López, é profesor no Departamento sde Economía Aplicada, que na actualidade dirixe, e foi ademais director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC. A súa investigación céntrase nos campos da economía e política agraria, o desenvolvemento rural e a economía rexional, nos que dirixiu xa 20 proxectos de investigación e participou noutros 35.
Ademais, foi un dos redactores do Libro Blanco de la Agricultura y el Desarrollo Rural elaborado en 2003 polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación español e de 2005 a 2009 ocupou o cargo de director xeral de Desenvolvemento Rural na Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia, asumindo tamén as responsabilidades de director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), o organismo encargado da xestión en Galicia das axudas da Política Agraria Común (PAC).
Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por