2019, ano internacional da táboa periódica de elementos... tamén en galego

Táboa periódica dos elementos © Moléculas en Galego

Hemeroteca

A Unesco celebra este ano os 150 anos da clasificación divulgada polo ruso Mendeleev, da que Moléculas en Galego vén de divulgar a súa versión galega

A Unesco decidiu que 2019 sexa o Ano Internacional da Táboa Periódica de elementos químicos en conmemoración da súa primeira formulación polo científico ruso Dmitri Mendeleev. As súas abreviaturas proceden dos termos en grego e latín ou dos nomes dos seus descubridores, pero hai palabras propias de moitos idiomas do mundo para designar moitos deses mesmos elementos e, en Galicia, Moléculas en Galego leva tempo facendo un importante esforzo de divulgación desas verbas autóctonas e das traducións ao galego doutros moitos conceptos químicos máis.

Malia que desde a aprobación do denominado decreto do plurilinguismo xa non se pode estudar a materia de química en galego na educación secundaria, nada impide aos químicos galegos falar de ouro ou ferro sabendo que eses termos teñen máis similitude que os doutras linguas coas abreviaturas empregadas internacionalmente.

Agora, para incentivar o uso de termos químicos en galego, Moléculas en Galego vén de divulgar a táboa periódica en galego e de abrir, a través da súa conta de Twitter (@moleculas_gal) un sorteo dun exemplar do libro Guía dos elementos químicos, Historia, propiedades e aplicacións.

Guía dos elementos químicos © Moléculas en Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.