0 Gardados para despois

'Galician programme': 70 anos da chegada do galego á BBC

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Emisora de Londres da BBC. C'o programa d'ista noite damos comenzo as nosas transmisiós en língoa galega". Así comezou o 14 de abril de 1947, hai este sábado setenta anos, o primeiro programa en galego na radio británica, que deu en ser a primeira programación radiofónica estable en idioma galego. A Real Academia Galega conserva nos seus arquivos máis de oitenta guións daquel Galician Programme, que achegou tamén a Galicia voces vetadas no país ata que, en 1956, "as presións" da ditadura franquista lograron botarlle o ferrollo.

O tema popular escocés Cock of the north serviu como introdución musical daquel primeiro programa que, editado e conducido polo xornalista ourensán Alejandro Reimúndez baixo o pseudónimo Javier Fernández, formaba parte da "estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional da comunicación logo da desfeita da Guerra Civil", explica o presidente da RAG, Víctor Freixanes. Foron "principalmente vellos militantes do Partido Galeguista" quen impulsaron esta "acción estratéxica dende o exilio interior", no que xa xermolaba o grupo Galaxia.

"Naqueles tempos arriscados -sinala Freixanes- xestos aparentemente tan sinxelos estaban cargados dunha poderosísima significación simbólica e política" e por iso "parece de xustiza lembrar non só os seus promotores, senón todos os colaboradores que o fixeron posible". Entre esas colaboracións figurou de xeito senlleiro a de Francisco Fernández del Riego, quen recibiu a "encomenda" de "procurar colaboracións periódicas para o programa galego", que se emitía cada tres semanas, en edicións alternas con espazos en euskera e catalán.

A radio formaba parte "da estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional da comunicación" tras o golpe franquista, explica Freixanes

As achegas de intelectuais, escritores e músicos foron diversas, con nomes tan destacados como Xosé María Álvarez Blázquez, Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Villar Ponte, Pura Vázquez, Rafael Dieste, Manuel María ou Faustino Santalices. E xunto a todos eles, un dos galegos máis internacionais da época: Plácido Castro, que como traballador da BBC elaborou once guións do programa, no que tamén foi locutor.

A doazón de Alejandro Raimúndez -xornalista ata o golpe franquista en publicacións como Nós ou El Pueblo Gallego e correspondente na II Guerra Mundial para La Vanguardia- permite conservar nos arquivos da Academia uns guións que retoman os primeiros traballos radiofónicos, os desenvolvidos na Galicia interior durante a II República. Así, por exemplo, a primeira emisora de radio do país, a compostelá Radio Galicia, foi un dos soportes de expansión da campaña do Estatuto do 36 mediante discursos de persoeiros como Enrique Rajoy e tamén emisións de entretemento como as protagonizadas por Xosé Mosquera, 'O vello dos contos'.

A radio, subliña Freixanes, foi durante o franquismo vehículo de "resistencia democrática dende o exterior", xa fose con estes programas realizados na BBC británica ou nas "emisións para as colectividades galegas de América", caso do programa Sempre en Galiza, realizado dende Montevideo na década dos 50, ou o Galicia emigrante que dirixiu Luís Seoane na Arxentina dende 1954 e ata 1971. Nos últimos anos do franquismo as emisións galegas chegaron tamén dende o exilio en Portugal da man de Margarita Ledo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.