Novo pau xudicial ao eólico: o TSXG anula o concurso do PP e obriga a volver atrás

Vista dun parque eólico en Galicia CC-BY Ignorant Walking

O PP e o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, basearan na suposta ilegalidade das adxudicacións do bipartito a dura campaña das autonómicas 2009. O TSXG declarou legal o concurso e ilegal a anulación que o Goberno fixo da repartición de megavatios, unha ilegalidade ratificada logo polo Supremo. Dous anos despois, o Goberno resolvía un novo concurso que agora vén de ser tombado polo Superior, que estimou a demanda en contra das valoracións das ofertas presentadas por Capital Energy, un dos candidatos que quedou fóra dos gañadores. 

O TSXG tomba o concurso ao estimar a demadna contra a valoración das ofertas presentada por Capital Energy

Tal e como adiantou Faro de Vigo, a sentenza tomba a resolución dos 2.325 megavatios e obriga a Xunta a volver ao comezo, ao ter que valorar de novo as ofertas. Un novo pau xudicial á política que no sector eólico desenvolveu o PP desde que recuperou San Caetano aló por 2009. O TSXG declarara legal o concurso que Feijóo consideraba ilegal, o Supremo confirmou a "desviación de poder" que tería cometido a Administración coa súa anulación e o Superior vén de declarar ilegal o concurso que o Executivo resolveu en substitución do impulsado polo bipartito. Un "cambalache eólico" do que falara o actual presidente que dixo intentar corrixir cun concurso "legal e transparente" que agora é botado abaixo pola xustiza. 

A sentenza do TSXG implica revisar os plan industriais presentados polas compañías para un concurso que contaba con mobilizar 6.000 millóns de euros en invstimentos e crear 12.000 postos de traballo. No entanto, os promotores desbotaron os seus proxectos tras a fin das primas ás renovables e acentuaron unha problemática que viña xa da inseguridade xurídica creada pola anulación do concurso anterior e as posteriores demandas, recursos e reclamación de dereitos por parte das empresas. A instalación de megavatios é nula e Galicia perdeu o 80% do emprego no sector en tan só dez anos

O Superior bota abaixo un concurso que substituíra o do bipartito, considerado ilegal por Feijóo e declarado ilegal polo mesmo tribunal

O ditame xudicial chega logo de que Capital Energy -que daquela presentouse á poxa da man de Amancio Ortega- acudise aos tribunais pola revisión do seu proxecto. A compañía con sede en Madrid confirma a Praza notificación da sentenza pero advirte que non fará declaracións ata que analice con detalle o texto. Ratificaría que as valoracións das propostas "non se axustan a dereito", tras unha denuncia na que se personaron doce compañías máis. 

Os criterios de valoración da Xunta foran discutidos desde un inicio e varios informes da comisión de valoración indicaran máis tarde que moitas das propostas tiñan erros e que se valoraron positivamente proxectos de investimento que non supoñían a creación de emprego. Segundo Faro, o TSXG comparte a "disconformidade" pola forma de puntuar e ditamina a obriga da Xunta de "retroacción das actuacións á fase de valoración da oferta"

A Xunta asegura que esta sentenza entra "en contradición" con outras do TSXG e anuncia recurso de casación ate o Supremo

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegurou que este ditame supón "unha situación que é contraditoria con outras resolucións do TSXG que validaron o concurso". "Con estas resolucións acudiremos ao Tribunal Supremo para que se poida aclarar esa situación en casación. Esta é unha sentenza máis; de 21 hai 17 que validan a legalidade", dixo tras adiantar o recurso que presentará a Xunta. 

Fontes xurídicas consultadas por este diario advirten da consecuencia política para o Goberno pola estratexia levada a cabo no sector, pero aclaran do escaso influxo posterior tras un concurso cuxas adxudicacións "quedaron en nada ante a negativa das empresas a instalar os megavatios concedidos". Dos 2.325 adxudicados, nin un só foi posto en marcha por mor da crise económica, a inseguridade xurídica e a demora provocada nos proxectos tras a anulación do concurso anterior ao agora tombado. 

Feijóo, xunto a Sánchez Galán, presidente de Iberdrola © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.