"Estamos peor que hai un ano; o sector lácteo ten que mobilizarse e dar un paso máis adiante"

Nai e filla, aplaudindo á tractorada CC-BY-SA Praza Pública

David Arnoso exerceu como voceiro dun grupo de gandeiros de varios concellos, maioritariamente das comarcas do Eume e de Ferrolterra, agrupados dentro da Plataforma en Defensa do Lácteo Galego. Daquela unión xorde agora Prolega, un colectivo de produtoras e produtores de leite en Galicia que botará a andar con 24 fundadores -da Capela, Monfero, Paderne ou Moeche, entre outras localidades- e no que xa solicitaron a súa inclusión varias explotacións máis. Este gandeiro de San Sadurniño explica os obxectivos da asociación e analiza a situación das granxas no país un ano despois dun acordo lácteo que o sector dá por fracasado. Fala con claridade, pide "mobilizacións" e mesmo "un paso máis adiante" e advirte do empeoramento xeral do sector. "Estamos peor que hai un ano".

Con que obxectivo nacel Prolega?

É unha asociación de gandeiros de varios concellos co obxectivo de mirar por nós, polos propios produtores e non como moitas asociacións e organizacións, que miran polos gandeiros pero tamén teñen outros intereses por tras. Intenta axudar o conxunto a nivel de cursos, de axudas da Administración, de pensos e de todo aquilo que poida favorecer as granxas. Está enfocada exclusivamente a produtores de leite e empezaremos axiña a poñela en marcha. 

"Hai moitas cousas ás que os gandeiros podemos chegar se traballamos en conxunto, pero non se o facemos de maneira individual"

É este un paso máis na unión do sector que tantas veces se reclama?

Claro. Hai moitos gandeiros que reclaman esa unión que non ven noutros sitios. Hai moitas cousas ás que se pode chegar se traballamos en conxunto, pero non se o facemos de maneira individual. Imos pouco a pouco, teremos erros, pero o noso obxectivo é facer forza unidos. 

Case un ano despois da sinatura do acordo lácteo, a situación dos gandeiros galegos é mellor, igual ou peor?

Peor. Na inmensa maioría dos casos, peor. Houbo unha baixada de prezos xeral e a iso engádeselle que, sobre o prezo base acordado coas industrias, logo estas aplican descontos que poden chegar a cinco ou mesmo dez céntimos por cada litro. O prezo base queda moi ben e moi bonito para que logo fagan a media sobre o importe que se paga en Galicia, para as estatísticas, pero a realidade das cifras non é esa. Hai industrias que asinan contratos a 27 céntimos por litro como base, pero logo adoitan pagar a moitas explotacións 20 ou mesmo 15 ao aplicárenlles diferentes descontos. Os que non están peor, están igual que hai un ano ou tirando á baixa, así que estamos peor. 

"Estamos peor que hai un ano; baixan os prezos e o importe acordado coas industrias descende polos descontos que aplican"

Non hai expectativas de mellora?

Hai expectativas de que a nivel mundial o prezo do leite suba, pero nós asinamos os contratos que nos ofreceron por seis meses e aí non se fala de suba ningunha e, en todo caso, ao contrario. É unha contradición dicir que vai haber subas e logo asinar contratos á baixa. En definitiva, estamos moito peor que hai un ano. 

Hai unha queixa xeneralizada sobre as industrias e as súas tácticas...

É así. Por poñer nomes, Lactalis ten como prezo base 27 céntimos pero logo vai facendo descontos en base ao indexado. Leite Río, igual. Ten un prezo base de 27, pero se non cumpres cos niveis de graxa descóntache cinco céntimos por cada litro; e se non cumpres co nivel de proteína, outros cinco a maiores dos outros. E a iso engádelle moreas de problemas coas mostras, que non son novos. 

"O prezo base medio queda moi ben para as estatísticas, pero a realidade non é esa; Leite Río e Lactalis baixan ata dez céntimos o importe"

Cre que o sector debería volver mobilizarse?

Sabemos que hai algunha mobilización convocada e, de principio, cremos que si sería unha boa opción facelo. De todos os xeitos, hai que dar un paso máis adiante, petar nas portas que hai que petar... Estamos en precampaña e case campaña electoral en Galicia e é unha boa hora de reclamar onde hai que reclamar. Fai moita falta buscarlle unha solución a este tema ao igual que a buscaron os franceses no seu conflito con Lactalis... E eles conseguírono. Desde a Administración só faría falta que se movesen un chisco, un chisco nada máis. Só con iso, pódense facer mil cousas, pero pasan de todo. 

"Hai que mobilizarse e hai que dar un paso máis adiante e petar nas portas que hai que petar:.. Estamos en campaña e é hora de reclamar"

Apostan por presionar na rúa?

Fai falta presión, pero hai xente que pasa de todo, a pesar de que están cobrar prezos moi baixos. Hai veces que é difícil comprendelos. Logo tamén hai gandeiros que están disgustados porque as mobilizacións foron moi intensas hai meses, houbo moitas promesas e ao final, o de sempre: todo quedou en nada. Trancamos as industrias lácteas, pensabamos en seguir adiante pero chegou un momento no que se decidiu levantar todo e os resultados son os que son. Non ven en quen confiar para mirar por nós e comproban que cada un está ao seu.

"A Administración só tería que moverse un chisco e podería facer mil cousas, pero pasa de todo"

Non serviu a Plataforma en Defensa do Lácteo para unirse e facer forza?

Metímonos aí como gandeiros dunha serie de comarcas, pero parece que cada un mira os seus temas. Non lles vexo trazas de mobilizarse pero si parece que Agromuralla o fará o 6 de setembro e que a Organización de Produtores de Leite (OPL) se vai unir. 

Van asistir a esa mobilización?

Eu, en principio, si vou asistir. Debemos movernos algo. Tamén se fala dun boicot a Lactalis impulsado polos sindicatos, pero nós non sabemos nada de maneira oficial. A marcha en Lugo é a primeira que hai desde hai xa meses e eu asistirei. 

"Xogan co noso voto; o da industria de Curtis é unha maneira de persuadirnos moi bonia, como fixeron con Navantia"

Que quedou daqueles acordos coas cadeas comerciais para que as súas subas nos prezos do leite repercutisen nos gandeiros?

Non se está cmprindo para nada. Nada de nada. 

"O leite de Galicia acabará coma sempre: sen recoller ou recollido a prezos baixísimos. Estamos no peor sitio de todos"

A Xunta vén de anunciar unha industria láctea en Curtis para 2019...

Xogan co noso voto. É unha maneira de persuadirnos moi bonita, pero pasou tamén con Navantia, que eu teño preto da casa. Está á vista de todos o que pasou co naval e non unha soa vez, senón varias veces. E así hai moitos casos. Proxectan unha planta de leite pero non vexo que sexa solución ningunha para o noso problema. Ao final, acabarán traendo leite de fóra aínda que acorden que ten que ser mercado en Galicia. Ben sabemos como actúan as empresas ao final: fan o que lles dá a gana e ninguén lles di nada. O leite de Galicia acabará coma sempre: quedará sen recoller ou acabará sendo recollido se aceptamos uns prezos baixísimos. Coma sempre. Estamos no peor sitio de todos. 

Explotación láctea galega © UUAA

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.