A AP-9 logra os maiores beneficios en cinco anos e esixe unha suba das peaxes

Vista da ponte de Rande antes do inicio das obras de ampliación © Structuralia

A crise xa rematou para Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española S.A. (Audasa), se é que a padeceu como tal nalgún momento. Tras resentirse levemente durante os peores anos das dificultades económicas o negocio da concesionaria da Autoestrada do Atlántico xa volve avanzar con plenitude nos seus principais indicadores: ingresa máis, gaña máis e gasta menos en persoal. As súas contas de 2016, que vén de rexistrar na CNMV, reflicten uns beneficios despois de impostos de 45,05 millóns de euros -case 490.000 euros máis que en 2015- distribuídos "integramente" entre os accionistas da compañía e recollen tamén un anuncio: o dunha demanda contra o Ministerio de Fomento para esixir un incremento das peaxes.

Nun escenario completamente alleo ao debate político a respecto dun eventual traspaso de competencias á Xunta -a empresa nin o menciona entre os posibles riscos, incertezas ou mudanzas normativas- Audasa debulla unhas contas marcadas pola recuperación. A baixada xeral do Índice de Prezos ao Consumo provocou que no 2016 tivese que minguar as súas tarifas algo máis de medio punto porcentual e, na mesma liña, a revisión de tarifas determinada polo Ministerio de Fomento para 2017 atendendo ao IPC "supón unha rebaixa do 0,37%". No entanto, estes leves retrocesos non atinxiron á conta de beneficios.

A Autoestrada do Atlántico ingresa case 380.000 euros diarios en concepto de portaxes

A principal causa desta compensación é a recuperación do tráfico e, como consecuencia, a suba da recadación nunhas cabinas de peaxe que cada ano contan con menos persoal pola extensión das chamadas "vías de pagamento fácil". A suma da telepeaxe e das máquinas de cobro automático atinxe xestiona xa "unha media do 78% dos tránsitos da AP-9", segundo a memoria anual da compañía, que con 215 persoas no seu cadro de persoal -cinco menos que en 2015, o número máis baixo da historia de Audasa- rexistrou un incremento do tráfico medio próximo ao 4%, con algo máis de 20.000 vehículos diarios.

Esta combinación de factores deu lugar a unha recadación en concepto de portaxes de 138,6 millóns de euros, isto é, unha media diaria próxima aos 380.000 euros que supón un avance superior ao 3% con relación ao ano anterior e o maior importe en cinco anos. Este avance ratifica, ademais, a consolidación da senda ascendente na facturación de Audasa, que puxo fin en 2013 a cinco anos de diminución de ingresos.

Estas cifras son o pano de fondo co que Audasa anuncia a súa vontade de incrementar as peaxes e de facelo levando o Goberno de España aos xulgados. Na súa xuntanza do pasado 23 de xaneiro, informa a empresa á CNMV, o consello de administración da concesionaria da AP-9 decidiu recorrer nos xulgados do contencioso-administrativo a orde pola que o Ministerio de Fomento formalizou a devandita rebaixa do 0,37% nas tarifas. Este recurso, formalizado o 21 de febreiro, responde a, "entre outros motivos", que o Ministerio "non contempla" a "actualización extraordinaria de tarifas" á que lle dá dereito o real decreto de 2013 que regula os descontos por uso habitual da autoestrada nos treitos entre Pontevedra e Vigo, O Morrazo e Vilaboa e mais na ponte de Rande. Esta compensación, estima, debera ser duns 15 millóns de euros.

A concesionaria reclama case 115 millóns de euros para "compensar" os descontos por uso habitual na contorna de Rande e os cartos adiantados para as obras de ampliación en Santiago e Vigo

Audasa esgrime tamén para reclamar máis cartos outro acordo co Ministerio: o asinado en 2011 para a ampliación da autoestrada ao seu paso por Santiago e Vigo e os cartos que tivo que adiantar nestas obras. "Para resarcir a sociedade dos investimentos a realizar e dos maiores gastos que comportan" estas actuacións, advirte, aquel decreto "contempla, con carácter extraordinario, un incremento moderado das tarifas que se manterá en vigor ata a total compensación dos investimentos polas obras de ampliación, os gastos de conservación e demais derivados destes". A compensación debe ser, neste caso, de 99,5 millóns de euros, indica.

Audasa prevé ingresar 9.561 millóns por peaxes ata o remate da concesión

A empresa, vén dicir, non vai permitir que as súas contas sufran impacto ningún por unhas obras e bonificacións que o Goberno central vén presentando nos últimos anos como mostra do bo funcionamento da concesión e mesmo como motivo para non transferir a Galicia as competencias sobre a infraestrutura. A suma total que a concesionaria prevé compensar subindo as peaxes é de 114,7 millóns de euros.

Este novo movemento prodúcese nun contexto no que Audasa desprega un notable optimismo cara ao futuro da súa concesión, cuxa caducidade está fixada para o 18 de agosto de 2048, en virtude da última ampliación. Mentres continúan os ruxerruxes sobre a súa posible venda a compañía "estima" que "nos vindeiros exercicios manterá o comportamento positivo das principais variables", o que "seguirá proporcionando solidez e madurez o proxecto" e permitirá "cumprira xeitadamente as proxeccións económico-financieras efectuadas para a totalidade do período concesional", que pasan por ingresar 9.561 millóns de euros en peaxes mentres inviste 153 millóns en reparacións da autoestrada e destina 1.680 millóns a gastos financeiros.

O presidente de Audasa, Juan Carlos López Verdejo, asinando un dos convenios con Ana Pastor en 2012 © Ministerio de Fomento

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.